O Deportivo da Coruña súmase ao Día da Educación Ambiental
O partido disputado en ABANCA-RIAZOR este domingo 25 de xaneiro ás 21.00 horas fronte ao Real Racing Club de Santander foi declarado polo RC Deportivo como “O Día DÉ… Á Educación Ambiental”, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Educación Ambiental, que ten lugar cada 26 de xaneiro.
A iniciativa enmárcase nunha data de referencia a nivel internacional para reflexionar sobre a necesidade de protexer o medio e promover a participación activa da cidadanía en iniciativas sostibles. Desde o club sublíñase o papel da educación ambiental como unha ferramenta fundamental para comprender os desafíos ecolóxicos actuais e avanzar cara a solucións responsables e duradeiras.
Neste contexto, o RC Deportivo lembra os principios recollidos pola Organización das Nacións Unidas, que salientan a importancia de formar persoas conscientes, críticas e comprometidas como base para construír sociedades máis xustas e sostibles, capaces de afrontar os retos ambientais presentes e futuros.
Con esta xornada temática, a entidade branquiazul reafirma o seu compromiso cos valores de respecto, responsabilidade e coidado do medio ambiente, defendendo que o deporte tamén pode actuar como motor de cambio social. O club aposta pola sensibilización e pola acción colectiva como vías para contribuír á protección do planeta e do territorio no que se asenta a súa masa social. Baixo a idea de que defender as nosas cores tamén é defender o lugar onde vivimos, o Deportivo vincula identidade deportiva e compromiso ambiental.
Esta acción forma parte, ademais, dunha iniciativa máis ampla desenvolvida ao longo da tempada: en cada encontro celebrado en ABANCA-RIAZOR, tanto do Dépor como do Dépor ABANCA, máis da metade das localidades do Palco de Honra destínanse a colectivos da cidadanía ou a sectores de #ANOSAFORZA, co obxectivo de achegar a entidade á súa contorna social, dar protagonismo á afección deportivista e agradecer o seu apoio constante.