O Concello de San Cibrao das Viñas, sancionado por vertidos ao río Barbaña
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil enviou a Amigos da Terra a proposta de resolución do expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polos numerosos vertidos reiterados realizados nos anos 2018, 2019 e 2020, cun total de 18 vertidos dende xuño de 2018 ata xaneiro de 2020, e que foran denunciados por Amigos da Terra, pola plataforma Ríos Limpos e por varios particulares. O organismo comunica á entidade ecoloxista o expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polo “incumprimento das condicións establecidas na autorización de vertido outorgada ao superar os limites máximos de emisión do vertido para os parámetros DQO e deterxentes e as normas de calidade para fosfatos e deterxentes, todo elo causando danos ao dominio público hidráulico”.
Segundo Amigos da Terra, resulta salientable que estes vertidos ocasionaron “danos valorados en 184.745,68 euros” como consecuencia dos danos producidos ao dominio público hidráulico a causa dos vertidos contaminantes de deterxentes, e unha indemnización en concepto de multa por importe dun millón de euros, tratándose ademais dunha autorización de vertido do ano 2004.
Ademais, a organización sinala que dende a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa manifestou anteriormente a “reiteración da conduta antixurídica pola entidade local do Concello de San Cibrao”, sendo este sancionado en múltiples ocasións dende os anos 2006 ata a actualidade polo incumprimento das autorizacións de vertidos. Nesta ocasión, concorren as circunstancias agravantes relacionadas coa seguridade das persoas e bens, dado que a zona onde se produciron os vertidos tratase dunha zona protexida. Todo isto levou ao organismo de conca a impoñer a sanción máxima prevista na lei para este vertido, tipificado como moi grave.
Esta nova multa é a última dunha longa lista de máis de 10 expedientes condenatorios nos últimos 10 anos. Destaca a sanción que se lle impuxo por un importe que superaba os 114.000 euros por uns vertidos realizados en marzo de 2010; en decembro de 2010 por importe de 32.832 euros; en 2013 por un importe de 18.700 euros; en 2015 por 10.000 euros; e en 2016 por 83.000 euros.
En palabras de Amigos da Terra: “A imposición deste tipo de sancións constitúen unha parte da educación ambiental necesarias para previr actos contaminantes pero que serán de todo ineficaces senón se complementan coa concienciación e sensibilización, algo que, ata o de agora, non mostran as administracións galegas respecto ao coidado do medio ambiente e ao cumprimento estrito das leis que o preservan”. Ademais, a organización ecoloxista demanda a aplicación de outro tipo de sancións funcionais, como a revocación de autorizacións ou o peche de instalacións máis alá da publicación dos datos empresariais daquelas empresas que danan ao medio ambiente. Conclúen con que “esta depuradora é inútil e debe de ser substituída por unha nova infraestrutura, adecuada as necesidades presentes e futuras, que garanta o adecuado tratamento das augas residuais antes do seu vertido ao rio Barbaña”.