Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O CEIDA e alumnos do CEIP Ría do Burgo estudarán a pradeira mariña na praia de Santa Cristina

Co gallo da celebración do Día Mundial das Pradeiras Mariñas este pasado luns 1 de marzo, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), levará a cabo unha actividade de seguimento científico con alumnos e alumnas do CEIP Ría do Burgo na Praia de Santa Cristina, Oleiros.

A xornada, que está enmarcada no programa de educación ambiental “Pradeiras Mariñas: Tesouros de Biodiversidade”, impulsada polo CEIDA, terá lugar o mércores 3 de marzo, na que os participantes terán a oportunidade de estudar a poboación presente no areal da Ría do Burgo. Trátase dunha pradeira mariña de recente rexeneración e será a primeira vez que se realice unha exploración científica. Unha actividade na que os escolares aprenden a identificar qué especies de fanerógamas mariñas están presentes na súa pradeira, estudan a densidade, a cobertura, a lonxitude das follas, a floración…e amais identificarán as ameazas existentes no territorio, facendo especial fincapé na súa conservación.

 

Pradeiras Mariñas: Tesouros de Biodiversidade
O programa levado a cabo polo CEIDA, “Pradeiras Mariñas, Tesouros de Biovidersidade” trata de dar a coñecer as pradeiras mariñas da beiramar galega, e que este ano se desenvolve co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico.

Polo de agora este proxecto contou coa participación de máis de 800 estudantes procedentes de centros educativos como de Redondela, Bueu, Pontedeume, Moaña, Ares, Rianxo, Vigo, A Coruña, Carballo, Malpica, Nigrán ou Culleredo.

O programa educativo pretende afondar no seguimento, protección e conservación das pradeiras mariñas a través de actividades de aula e de exploración científica de pradeiras por parte dos escolares.

 

A importancia das pradeiras mariñas
As pradeiras de fanerógamas mariñas teñen unha gran importancia ecolóxica e proporciona numerosas vantaxes na contorna.

Estas pradeiras achegan alimento, refuxio e hábitat de cría adecuados para un gran número de organismos que as usan para reproducirse e evitar a depredación. Explican dende o CEIDA que moitas destas especies dependentes dos sesbadais son explotadas comercialmente polas pesquerías, que xunto coa súa función como estabilizadoras das praias e da costa contra a erosión mariña, osixenación e contribución á transparencia das augas, fixación de áreas… outórgalles unha enorme importancia para o ser humano.

Nun estudo realizado pola Fundación Biodiversidad sobre a avaliación dos servizos dos ecosistemas mariños, estiman que o valor económico das pradeiras mariñas de toda España como sumidoiros de carbono é de arredor de dez millóns de euros. Malia os seus beneficios, as pradeiras mariñas son descoñecidas pola sociedade e mesmo consideradas “malas herbas”. De aí que iniciativas como as do CEIDA axudan a protexer e conservar estes hábitats de gran relevancia ecolóxica.

Comparte esta noticia