Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O CEIDA denuncia a presenza de plásticos nos niños das gaivotas patiamarelas

As investigacións desenvolvidas polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) veñen de detectar “unha importante presenza de plásticos nos niños das gaivotas patiamarelas, unha especie que nos últimos anos sufriu un importante aumento da súa mortandade, provocando un alarmante declive poboacional”. As investigacións do CEIDA céntranse nos niños de dúas colonias de cría de gaivota patiamarela (Larus michahellis) na provincia da Coruña: unha nun ambiente urbano como son as illas de San Pedro (na cidade de A Coruña); e outro nunha contorna natural como as illas Sisargas en Malpica de Bergantiños.

O CEIDA indica que se revisou “o contido en plásticos de 71 niños atopándose diferenzas moi significativas, xa que mentres nas illas de San Pedro a maior parte dos niños tiñan plásticos na súa composición (un 80%), nas illas Sisargas esa porcentaxe reduciuse ao 18% dos niños”. Por outra banda, as investigacións revelan que os niños con plásticos en San Pedro presentaron unha media de 10 elementos ocupando ata o 30% da superficie dos niños, mentres que nas Sisargas apenas se presenta unha media dun plástico de pequeno tamaño por niño.

Por outra banda, tamén se resalta a diferenza nos tipos e orixe dos plásticos detectados: os localizados nos niños de Sisargas son pequenos fragmentos (menos de 2 cm) de materiais de pesca como cordas ou redes, xeralmente de cor azul. Porén, en San Pedro aparecen fragmentos moito mais grandes, dunha ampla variedade de cores e procedentes fundamentalmente de productos de consumo como bolsas plásticas, restos de embalaxes ou similares.

Estas investigacións enmárcanse na continuación do proxecto Aves Ártabras do CEIDA (ÁRTABRO3). Trátase dunha iniciativa que “busca a declaración dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no Golfo Ártabro, mellorando o coñecemento científico das poboacións de aves mariñas presentes na beiramar da provincia da Coruña e propoñendo medidas de xestión integral que permitan compatibilizar a súa conservación coas actividades pesqueiras e litorais”. Este proxecto tivo a súa primeira fase durante o ano 2019, continuou en 2021 e remata neste 2022, co apoio da Fundación Biodiversidad do MITECO, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

Repercusión dos plásticos na contorna mariña

O CEIDA lembra que os plásticos mariños son un grande problema que afecta ás aves mariñas, “consideradas o grupo de aves mais ameazado do planeta, e en particular á nosa gaivota patiamarela”. Esta especie presenta unha tendencia poboacional moi negativa en Galicia, tendo descendido moitas das súas poboacións galegas ata un 70% na última década, tal e como alertou o propio CEIDA en 2021. Os efectos destes plásticos sobre a fauna mariña son moi variados e se poden resumir en dous grandes grupos: a inxesta accidental ou ao ser confundidos con alimentos, que pode provocar inanición, obturacións e efectos aínda descoñecidos no metabolismo; e os enganches ou atrapamentos que poden provocar amputacións ou a morte dos exemplares afectados.

Comparte esta noticia