O Camiño non remata en Santiago: a pegada ambiental de cada peregrino
Cada peregrino deixa pegadas no Camiño de Santiago, unha botella abandonada, un envoltorio, un atallo aberto na vexetación ou, máis recentemente, un simple plumeiro da herba da Pampa atado á mochila, elementos que poden converter unha experiencia persoal nun problema para o territorio. Nunha ruta que en 2026 xa superou os 5000.000 peregrinos que solicitaron a Compostela, o impacto de pequenos xestos multiplicados por miles de persoas deixa de ser pequeno.
O Camiño é unha das grandes vías de entrada a Galicia e tamén unha das formas máis intensas de coñecer o seu territorio. Percórreo xente procedente de todo o mundo, atravesando bosques, ríos, montes, zonas agrícolas, núcleos rurais e espazos naturais. Pero ese contacto coa natureza implica tamén unha responsabilidade: peregrinar sen deteriorar aquilo que se veu coñecer.
A sustentabilidade do Camiño pode resumirse en tres grandes desafíos: reducir os residuos que xera a propia peregrinación e toda a actividade económica asociada ás rutas; protexer os camiños, os hábitats e a biodiversidade que os rodean; e evitar que o propio percorrido se converta nunha vía de expansión das especies exóticas invasoras.
O Camiño non é un colector
Unha das consecuencias máis visibles da masificación dalgúns tramos é a xeración de residuos. Botellas, latas, envoltorios de alimentos, restos de comida ou obxectos abandonados poden acabar nos propios camiños, nas cunetas ou no medio natural. O problema non está unicamente no residuo que deixa cada peregrino, senón na suma. Unha botella abandonada é un residuo; miles de peregrinos repetindo esa acción ao longo de centos de quilómetros converten un xesto individual nun impacto ambiental.
Por iso, a primeira regra debería ser tamén a máis evidente: o que chega na mochila debe saír dela se non existe un lugar adecuado onde depositalo. Levar unha cantimplora reutilizable, evitar os produtos dun só uso, planificar a compra de alimentos e separar correctamente os residuos son medidas sinxelas que reducen a pegada da peregrinación. As recomendacións para un Camiño máis responsable apuntan precisamente nesa dirección: reducir os residuos xerados e evitar abandonar calquera tipo de lixo durante a ruta.
Pero a cuestión dos residuos non remata na mochila do peregrino. Albergues, hoteis, restaurantes, tendas, empresas de transporte e demais actividades vinculadas ás rutas tamén forman parte da ecuación. En 2026, a propia rede pública de albergues de Galicia puxo en marcha un proxecto específico para a recollida e reciclaxe de residuos téxtiles, incluído o calzado e a roupa utilizados polos peregrinos.
A sustentabilidade do Camiño, polo tanto, non pode depender exclusivamente de quen camiña. É unha responsabilidade compartida por todo o tecido económico e institucional que se desenvolve arredor das rutas xacobeas.
Respectar o camiño tamén significa respectar o que hai ao seu redor
Hai outra pegada menos evidente que un envoltorio abandonado: a que queda sobre o propio territorio. Os camiños atravesan ecosistemas que xa existían antes de que pasasen por eles os peregrinos. Bosques, ribeiras, prados, zonas húmidas, dunas, montes ou espazos agrícolas forman parte da paisaxe que converte o Camiño nunha experiencia singular. Saír do trazado marcado para buscar un atallo, abrir novas sendas ou atravesar zonas de vexetación pode contribuír á erosión do solo e ao deterioro da cuberta vexetal. Tamén pode aumentar as molestias sobre a fauna.
A solución non require grandes sacrificios: seguir os itinerarios sinalizados, respectar as propiedades e os peches existentes, non arrincar plantas nin flores, non alimentar animais e evitar ruídos innecesarios son comportamentos básicos para reducir a presión sobre o territorio. Porque o Camiño non é só a liña que aparece nun mapa. É tamén todo aquilo que existe ao seu redor.
E precisamente esa paisaxe natural é un dos elementos que fai atractiva a peregrinación. Galicia está promocionando o Camiño como unha experiencia ligada ao territorio, á natureza e á paisaxe, nun contexto no que o número de peregrinos continúa medrando e no que xa se mira tamén cara ao Xacobeo 2027.
O plumeiro que viaxa na mochila
Sen embargo, hai un problema que pode pasar completamente desapercibido e que está adquirindo especial relevancia nalgunhas rutas: a dispersión de especies exóticas invasoras por parte dos propios peregrinos. O caso máis evidente en Galicia é o da hierba da Pampa (Cortaderia selloana).
Nos últimos anos detectouse unha práctica entre algúns peregrinos que pode ter consecuencias directas sobre a expansión da especie: arrincar un dos seus característicos plumeiros e atalo á mochila como recordo ou elemento decorativo durante o percorrido. O problema é que ese plumeiro non é simplemente un elemento ornamental, é unha estrutura reprodutiva cargada de sementes. Durante o camiño, as sementes despréndense e poden quedar depositadas ao longo da ruta, facendo que a planta chegue a lugares nos que antes non existía.
A situación foi denunciada por Galicia Ambiental e deu lugar dende hai varios anos a unha campaña xunto con Tee Travel nos Camiños de Santiago. A iniciativa busca precisamente que os peregrinos deixen de transportar os plumeiros nas súas mochilas, especialmente nos Camiños Portugués, Inglés e do Norte.
O fenómeno xa foi observado en diferentes puntos. No caso do Camiño Portugués, por exemplo, a organización ambiental advertiu de que un peregrino pode recoller un plumeiro nun punto da costa e ir liberando sementes durante o seu percorrido cara a Santiago, favorecendo a aparición de novos focos no interior. É unha imaxe paradoxal: unha das tradicións que algúns peregrinos incorporaron á súa viaxe pode acabar contribuíndo precisamente a deteriorar a paisaxe que viñeron descubrir.
Unha invasora que ameaza a biodiversidade e tamén a saúde
A Cortaderia selloana está incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras e constitúe unha ameaza para os ecosistemas pola súa capacidade de expansión e pola competencia que establece coa vexetación autóctona. A súa capacidade reprodutiva explica parte do problema. As súas inflorescencias poden producir enormes cantidades de sementes, facilmente dispersadas polo vento. Unha vez establecida, a planta pode colonizar diferentes tipos de hábitats e desprazar especies propias destes ecosistemas. O impacto afecta así directamente á biodiversidade, especialmente en zonas costeiras, marismas, dunas, campiñas e outros espazos naturais.
Pero o plumeiro non é só un problema para as plantas. Tamén ten consecuencias para as persoas. A súa elevada produción de pole pode provocar reaccións alérxicas e a súa floración tardía pode prolongar durante meses a exposición ao pole das persoas sensibles. Ademais, as follas, longas e cortantes, poden provocar feridas por contacto.
Por iso, impedir que un plumeiro viaxe nunha mochila de peregrino non é un xesto simbólico. É unha medida de prevención para evitar a expansión dunha especie que compromete a biodiversidade e que tamén pode ter consecuencias sobre a saúde humana.
Unha mochila máis lixeira tamén para o territorio
O peregrino responsable non ten que deixar de gozar do Camiño nin converter a súa viaxe nunha lista interminable de prohibicións. Moitas das medidas son tan sinxelas como pensar antes de actuar. Levar unha botella reutilizable, gardar os residuos ata atopar un punto de recollida, non desperdiciar auga, respectar os sendeiros, non molestar a fauna, non arrancar plantas, non levar elementos vexetais como recordos, revisar o calzado e o equipamento e, sobre todo, non recoller nin transportar plumeiros da herba da Pampa.
Tamén significa escoller, sempre que sexa posible, negocios e servizos locais e responsables, reducir os desprazamentos innecesarios en vehículo e valorar o consumo de produtos locais. O impacto ambiental dunha peregrinación non se produce exclusivamente durante as horas de marcha: tamén está relacionado coa maneira na que nos desprazamos, onde durmimos, que comemos e que consumimos.
E existe outra responsabilidade que corresponde ás administracións e ao sector turístico: informar. Se un peregrino chega a Galicia sen saber que levar un plumeiro na mochila pode contribuír a dispersar unha especie invasora, dificilmente poderá actuar de maneira diferente. A información ambiental debe formar parte tamén da experiencia do Camiño.
A mellor pegada é a que non se ve
O Camiño de Santiago vai seguir recibindo peregrinos. Cada ano serán miles de persoas máis atravesando Galicia e, con elas, miles de oportunidades para coñecer y valorar o territorio. O reto está en conseguir que ese aumento de visitantes non se traduza tamén nun aumento proporcional da presión ambiental.
Porque facer o Camiño de maneira responsable non significa renunciar á experiencia. Significa entendela doutra maneira: camiñar polos itinerarios existentes, coñecer o territorio sen deterioralo, consumir sen xerar residuos innecesarios e, sobre todo, non levar connosco aquilo que pertence á natureza.
Un peregrino pode deixar unha lembranza, unha fotografía ou unha historia. O que non debería deixar é lixo, erosión ou sementes dunha especie invasora. O Camiño ten que seguir sendo un camiño para chegar a Santiago, pero tamén un camiño que poida ser percorrido mañá por outras persoas atopando a mesma paisaxe, a mesma biodiversidade e a mesma natureza que atoparon quen chegaron antes.