Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O BNG pide ao Estado a publicación dun informe anual sobre os vertidos mariños

Durante a conferencia “20 anos do accidente do Prestige: análise da seguridade marítima en Europa” celebrada no Parlamento Europeo, a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, subliñou a necesidade de que o Estado faga público un informe dos vertidos mariños que se producen anualmente. Isto é debido a que non hai ningún dato publciado desde 2007, ano de creación do CleanSeaNet (un sistema de monitorización por satélite que detecta e vixía vertidos mariños en augas europeas). Miranda recalcou a necesidade de que “o Estado español faga públicos todos os datos que recolle este servizo da EMSA, tal e como demanda a Plataforma Nunca Máis”. A eurodeputada do Bloque entregou a Frederic Hebert, xefe da Unidade e Sustentabilidade do departamento de Sustentabilidade e Asistencia Técnica da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA), un documento da Plataforma Nunca Máis que recolle as súas demandas relacionadas coa necesidade de mellorar a seguridade marítima. “Consideramos imprescindible minimizar os riscos, tendo en conta que numerosos buques seguen pasando pola Costa da Morte”, defende Miranda. Hebert salientou que o Parlamento Europeo foi clave na creación da Axencia de Seguridade Marítima Europea tras o accidente do Prestige. En relación con esta intervención, Miranda sinalou que “analizamos a normativa europea e vemos que hai avances”. Por outra banda, Jacob Sterling, representante da Unidade de Seguridade Marítima da Dirección Xeral de Transporte da Comisión Europea, destacou a mellora da Directiva de seguimento de tráfico marítimo e a prohibición dos buques dun só casco en augas europeas desde 2015. “Colaboro na preparación de lexislación, que non serve de nada se os estados non a poñen en práctica. Os vertidos seguen estando aí, pero en menor escala”, indicou Terling, quen asegurou que desde a catástrofe do Prestige se produciu un “cambio de paradigma”. Por outra banda, Ana Miranda salientou a importancia de avanzar na seguridade marítima e animou ás confrarías e aos distintos colectivos sociais e medioambientais viaxar a Lisboa para manter un encontro na Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA) para presentar as diversas reclamacións, tanto de medios como lexislativas. Neste sentido, os representantes do sector pesqueiro galego, dos colectivos ambientais e os representantes de Nunca Máis criticaron a falta de medios existentes en Galicia e a “necesidade de revisar o grao de aplicación da normativa europea de seguridade marítima no Estado español e nos resto de estados europeos”.

Comparte esta noticia