Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O BNG leva ao Parlamento a situación do vertedoiro de Campomarzo e esixe actuación inmediata da Xunta

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de levar ao Parlamento a situación do vertedoiro de Campomarzo, no concello de Silleda, a través dunha proposición non de lei que será debatida na Comisión 2ª. A iniciativa, impulsada pola deputada Ariadna Fernández González xunto cos deputados Luis Bará Torres e Xosé Manuel Golpe Acuña, reclama unha actuación urxente da Xunta de Galiza tras a recente declaración de impacto ambiental desfavorable ao proxecto de reapertura e ampliación promovido pola empresa Bander Residuos S.L.U (creada pola lalinense Metaldeza, propiedade da familia Cuiña).

Para o BNG, a negativa ambiental ao novo proxecto (que pretendía ampliar a capacidade ata as 25.000 toneladas anuais, incorporar novos códigos de residuos e prolongar a vida útil do vertedoiro durante 22 anos máis) non pode quedar nun simple trámite administrativo. Pola contra, consideran que evidencia a existencia de problemas ambientais graves que levan anos sen resolverse e que requiren dunha intervención inmediata por parte da administración autonómica.

O vertedoiro de Campomarzo entrou en funcionamento no ano 2002, tras unha declaración de impacto ambiental que establecía condicións específicas para limitar os seus efectos sobre o medio. O proxecto inicial contemplaba o depósito de residuos inertes, principalmente procedentes da construción e demolición, cun sistema de control que debía garantir a correcta identificación e trazabilidade dos materiais. Entre as restricións figuraba a prohibición de admitir residuos combustibles, solubles ou potencialmente perigosos.

Porén, xa nos primeiros anos de actividade comezaron a rexistrarse denuncias que apuntaban ao incumprimento destas condicións. Colectivos veciñais, asociacións ambientais e entidades do sector advertiron da entrada de materiais non autorizados, como plásticos, madeiras ou outros residuos sen cualificar. En 2016, a Asociación de Recicladores de Construción e Demolición chegou a cualificar as instalacións como un vertedoiro indiscriminado, sinalando presuntas irregularidades na súa xestión.

A oposición social ao vertedoiro intensificouse en 2008, cando a veciñanza presentou alegacións contra a solicitude de autorización ambiental integrada para a legalización da actividade. As preocupacións centrabanse na posible afección a cursos fluviais, hábitats protexidos e espazos incluídos na Rede Natura 2000. A pesar diso, a Xunta concedeu a autorización en 2010, permitindo a continuidade da actividade. Os problemas fixéronse especialmente visibles cos incendios rexistrados nas instalacións, dous deles nun intervalo de catro anos, que evidenciaron a presenza de materiais combustibles. Estes episodios derivaron nunha sanción de 25.000 euros á empresa concesionaria, ao tempo que reforzaban as críticas sobre a falta de control efectivo.

En 2016, a actividade cesou tras a entrada en concurso de acredores da empresa explotadora. A pesar de existir autorización xudicial para executar medidas de vixilancia e restauración ambiental, estas non se levaron a cabo. Tras un proceso de adxudicación complexo, o vertedoiro acabou en mans de Bander S.L.U., que promoveu o proxecto de reapertura agora rexeitado pola Xunta. A declaración de impacto ambiental desfavorable baséase, entre outros aspectos, en informes negativos de Augas de Galicia que alertan do risco de filtracións e lixiviados procedentes dos residuos acumulados. Estes poderían afectar ás concas dos ríos Toxa e Deza, unha problemática que xa fora denunciada en 2019 ante o SEPRONA pola Asociación Galicia Ambiental.

Nos últimos anos, rexistráronse tamén episodios de desbordamento da balsa de lixiviados, con vertidos directos ao río Toxa atribuídos a fallos nos sistemas de bombeo. Estes feitos foron denunciados pola veciñanza e polo BNG de Silleda, sen que, segundo critican, se adoptasen medidas eficaces para corrixir a situación.

Outro dos aspectos que xera controversia é a devolución da fianza asociada á antiga canteira de Campomarzo por parte da Xunta, unha decisión adoptada malia a persistencia de problemas ambientais e o cambio de titularidade das instalacións. A proximidade do vertedoiro a espazos protexidos da Rede Natura 2000 e a captación de augas para abastecemento humano na zona de Merza incrementa a preocupación polos posibles efectos sobre o medio e a saúde pública. Entre os riscos sinalados figuran a presenza de metais pesados, a emisión de gases, o perigo de novos incendios e a degradación de hábitats prioritarios.

A través da súa iniciativa parlamentaria, o BNG insta á Xunta a actuar de inmediato para garantir o cumprimento da normativa vixente. Entre as medidas propostas inclúense a retirada dos residuos impropios e a restauración ambiental do espazo, o tratamento dos lixiviados para evitar filtracións ás concas próximas e a realización dunha avaliación completa dos terreos afectados para determinar o alcance da contaminación existente.

Comparte esta noticia