Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


O BNG desconfía da iniciativa do PP favorable ás centrais de bombeo, o PSOE respáldaa

O Parlamento galego ven de pedir a declaración de interese público superior das centrais hidroeléctricas reversibles, a raíz dunha iniciativa do PP que responde ás demandas das grandes compañías enerxéticas. A proposta contou co apoio do PSdeG e o rexeitamento do BNG, que desconfía das intencións do Partido Popular. O texto aprobado tamén pide a elaboración dunha instrución polo órgano competente na que se recollan as tipoloxías de proxectos de almacenamento enerxético e se regulen os aspectos relativos á tramitación destes proxectos, asegurando a tramitación máis áxil posible en relación coa normativa vixente. Ademais, tamén se solicita garantir que a construción das infraestruturas de almacenamento necesarias para a implantación destes proxectos respecte o Plan Hidrolóxico vixente.

A deputada popular Marta Nóvoa Iglesias explicou na Comisión ª6, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo (celebrada onte, 7 de setembro) que debería realizarse unha análise caso por caso garantindo que se tomen todas as medidas para paliar posibles efectos desfavorables sobre o medio; que exista un interese público superior; e que non exista outra solución técnica que sexa mellor a nivel medioambiental. Ademais, xustificou o cambio legal alegando que os obxectivos de xeración renovable da Unión Europea, España e Galicia para os próximos anos están lonxe de acadarse. Polo tanto, “precisan dun impulso decidido por parte das empresas e das Administracións”.

A socialista Begoña Rodríguez Rumbo mostrouse a favor da proposta porque, dende o PSdeG “estamos de acordo con que se declare de interese público as centrais hidroeléctricas reversibles, que se elaboren instrucións para a recollida de tipoloxías de proxectos e almacenamento enerxético e se regule a súa tramitación”. Así, dende o Grupo Parlamentario do PSdeG espérase que a Xunta de Galicia “non soamente traia iniciativas e as aprobe, senón que as cumpra e con todas as garantías medioambientais”.

Desconfianza nas intencións do Partido Popular

O Bloque Nacionalista Galego rexeitou esta medida, debido principalmente á desconfianza ante as intencións do grupo maioritario. A deputada Noa Presas Bergantiños indicou que “o Partido Popular acaba de acordarse repentinamente do almacenamento enerxético despois de levar toda a lexislatura votando en contra de iniciativas do BNG para impulsar un centro de almacenamento enerxético en Galicia”. Ante esta iniciativa do PP, o Grupo Parlamentar do BNG indicou que, unha vez máis, “intenta lexitimar de forma discreta a chegada dunha futura modificación na próxima lei de acompañamento”.

Así, Presas revelou que a proposta vai en beneficio do lobby eléctrico, agora que hai varios proxectos de centrais de bombeo na comunidade, polo que “non nos fiamos das intencións do Partido Popular”. Neste sentido, as compañías enerxéticas promoven na actualidade sete centrais de bombeo en Galicia. Tras elas atópanse as grandes empresas do sector, como o caso de Iberdrola (cun proxecto de 900 MW en Vilariño de Conso), Naturgy (cunha planta de 340 MW en Bande e Muíños) ou EDP (cunha central de 570 MW nas Pontes).

Comparte esta noticia