Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Numerosas organizacións piden a dimisión do Director Xeral de Montes pola vaga de lumes de Ourense

A vaga de lumes que está a sufrir Ourense dende este pasado sábado, deixa ao seu paso polo de agora unhas 9.000 hectáreas (segundo datos da Xunta) e varias vivendas calcinadas, e unha gran sensación de desolación e indignación. Logo dun fin de semana negro e infernal, numerosas entidades sindicais, agrarias, ecoloxistas e sociais galegas piden a dimisión “inmediata do Director Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, por non dispoñer as medidas de prevención e vixilancia necesarias para evitar a catástrofe incendiaria que está a vivir a provincia de Ourense, en particular, as áreas afectadas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e do Macizo Central”.

Explican que da superficie total calcinada nestes días na provincia de Ourense, 3.000 Ha pertencen ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e ao Parque tranfronteirizo Xurés –Geres, “onde gran parte da reserva integral do parque xa quedou totalmente arrasada polo lume” engaden.

Dimisión do responsable de montes e extremar as medidas de prevención

Amais destes devastadores datos, xa de por si motivadores de petición de responsabilidades, as organizacións séntense indignadas polas declaracións realizadas á canle pública galega polo responsable de montes da Xunta, nas que manifestara que dende a administración “xa se prevía unha forte actividade incendiaria” na segunda semana de setembro e nomeadamente no Macizo Central Ourensán, áreas nas que os lumes son recorrentes e especialmente virulentos en días previos ás chuvias.

As organizacións ven inexplicable a inacción por parte da Xunta, din non entender como “non reforzou o equipo humano e material de extinción, nin tomou especiais medidas de prevención e vixilancia nestas áreas de extraordinario valor ambiental para evitar que estes lumes se chegasen a producir”. Recordan amais que existen numerosas medidas para adaptar as condicións do monte galego ao actual contexto de emerxencia climática, no que os lumes forestais cobran importancia e virulencia, “que levan agardando máis de catro décadas para poñerse en práctica: prevención de incendios todo o ano, promoción dun monte multifuncional e resiliente fronte o cambio climático, recuperación de especies forestais propias, freo ao monocultivo de especies pirófitas e foráneas, aumento das faixas de protección fronte os lumes”. Engaden que é preciso “atallar as causas estruturais dos lumes forestais, de extremar as medidas de prevención contra os incendios, de mudar radicalmente o modelo de monte galego e de evitar o despoboamento do rural”.

Para os asinantes “a desidia e falta de vontade do goberno de Núñez Feijóo de mudar o modelo de monte galego están a favorecer a propagación dos incendios forestais e tamén os intereses da industria do lume”.

En perigo os espazos naturais

A actual vaga de lumes de Ourense deixa numerosas secuelas nalgúns espazos naturais protexidos de gran valor ecolóxico: reserva integral do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés (o parque no seu conxunto perdeu xa máis de 3000 hectáreas) e o Macizo Central ourensán, Zona de Especial Conservación (ZEC) e espazo de Rede Natura.

Ademais das perdas materiais e de terreos, as cosecuencias “ambientais destes lumes forestais son extremadamente graves, pois estanse a perder espazos que acollen hábitats e especies que son especialmente relevantes para a conservación da nosa biodiversidade e para afrontar a problemática do cambio climático”.

Para as organizacións esta realidade ben se podería trasladar a outros entornos naturais de especial interese, pois explican que dende a Xunta segue sen dotalos “dos necesarios instrumentos de xestión, sen ampliar as superficies protexidas como Rede Natura”, non o fai desde 2004, e “sen establecer nestas áreas plans especiais de prevención fronte os incendios forestais, nomeadamente naquelas nas que os lumes son recorrentes”.

As entidades asinantes pídenelle á administración autonómica que “promovan medidas extraordinarias de custodia, vixilancia, prevención e de extinción nos espazos naturais protexidos de Galiza para combater os incendios forestais”. Así como tamén esixen que a administración pública actúe con premura e urxencia nas lbores de prevención de erosión dos solos queimados, de recuperación da materia orgánica e da biomasa vexetal perdida, e da restauración hidrolóxica forestal.

Asociacións asinantes do comunicado da petición de dimisión do D. Xeral de Montes

Amarelante S. Coop. Galega

Asociación Ambiental Petón do Lobo

Asociación Cultural Bidueiro

Asociación Galega de Apicultura (AGA)

Asociación Galega Cova Crea

Asociación Frouma

Asociación Montes da Galiza – Montegal

Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

Asociación Pola Defensa da Ría (APDR)

Colectivo Agrocuir da Ulloa

Confederación Intersindical Galega (CIG)

Federación Rural Galega (FRUGA)

Grupo de Estudo dos Animais Silvestres (GEAS)

Kunterbunt Design

Sindicato Labrego Galego (SLG)

Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)

Verdegaia

Comparte esta noticia