Medio Rural detecta catro novos casos de gripe aviaria en mascatos
Data: 09/11/2022 Visto: 550 veces
A Consellería do Medio Rural ven de comunicar a detección de
catro novos casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres. Con estes son xa
21 os casos notificados en Galicia, todos eles en
mascatos, no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta de Galicia.
Trátase de catro novos individuos desta especie (mascato, alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus) recollidos na praia coruñesa de Carnota e na de Llas, do concello de Foz; así como na estrada LU-862 do municipio de Viveiro e en Viladesuso, na localidade pontevedresa de Oia. Agás o exemplar recollido en Foz, que foi atopado enfermo, os outros tres exemplares foron achados mortos. Todas as aves foron trasladadas aos respectivos
Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña), O Veral (concello de Lugo) e Carballedo (Concello de Cerdedo-Cotobade, en Pontevedra), seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente. Tras a toma de mostras, o animal enfermo foi eutanasiado e os cadáveres foron eliminados conforme á normativa vixente.
O mascato é unha
ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e das que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial cara a Mauritania e o Golfo de Guinea. A Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de
reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres.
Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades veterinarias veñen notificando nos últimos meses diversos casos de IAAP nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa
migración anual destas aves cara ao sur. Medio Rural lembra que “é esperable, polo tanto, que poida continuar durante algún tempo aínda un goteo na detección en Galicia de exemplares de mascato positivos á IAAP nesta época do ano, coincidente co citado período migratorio, sen que isto signifique un aumento no nivel de risco para a avicultura da nosa comunidade”.
Gripe aviaria en mamíferos
Nesta nova vaga de 2022, a gripe aviaria salta tamén aos
mamíferos. A Xunta de Galicia detectou en outubro un foco de influenza aviaria A (H5N1) nunha
explotación de visóns localizada na provincia de A Coruña. Trátase dun subtipo de virus que se ven atopando nos casos de influenza aviaria rexistrados en España no último ano, tanto en aves domésticas como silvestres. O caso detectouse tras a aparición de animais enfermos na granxa con sintomatoloxía respiratoria, así como un incremento anormal da mortalidade nela. Polo tanto, tomáronse mostras para o diagnóstico de varias enfermedades que deron como resultado dous casos positivos á influenza A, sendo comunicados inmediatamente ás autoridades de Saúde Pública.