Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


MEDIO CENTO DE NENOS PECHAN A SEMANA IBÉRICA SOBRE INVASORA EN O GROVE

Medio cento de alumnos do IES BIZOCAS participaron hoxe nas conferencias sobre loita contra especies invasoras, unha iniciativa chea de actividades promovida polo Concello de O Grove e a Asociación Galicia Ambiental dentro da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras - #SEI2023. A participación meca nesta iniciativa, busca sensibilizar sobre o risco para a biodiversidade local das especies vexetais alóctonas invasoras, e está dirixida desta volta aos máis novos no marco desta semana internacional. O desenvolvemento das accións formativas correron a cargo do técnico municipal de medioambiente, Francisco Meis, e o Presidente da Asociación Galicia Ambiental, Benito García.

Logo da semana de charlas, mañá sábado 21, na Illa da Toxa, terá lugar a actividade de voluntariado, unha acción de extracción de invasoras, formativa e sensibilizadora, que se realizará sobre unha zona de afectación do dominio público marítimo–terrestre sobre unha ampla zona "ocupada" pola especie invasora Carpobrotus edulis, popularmente coñecida como Uña de gato.

A Toxa mantense relativamente a salvo desta invasión, logo de que séculos pasados se eliminasen os xardíns de Uña de Gato que "adornaban" o antigo Gran Hotel... pero a aparición dalgúns núcleos desta especie na actualidade fixo que se programase esta acción para preservar a zona desta invasora e evitar futuras colonias non controlables. Anos atrás o Concello realizou unha operación similar na área de Róns eliminando toneladas desta planta que agora é máis "controlable" na península, grazas a este tipo de accións. A realización da acción de eliminación servirá para mostrar aos voluntarios como realizar traballos de eliminación, evitando impactos reseñables sobre a zona na que se actúa e, sobre todo, evitando a dispersión de sementes ou o perigo de que estas agromen noutros lugares.

Por razóns de "sensibilidade" do espazo natural onde se actúa, o grupo que terá a oportunidade de formar parte desta actividade será reducido e preseleccionado entre os participantes nas charlas desenvolvidas durante a semana. Ademais contarase con representantes das dúas organizacións convocantes, o Concello do Grove e a Asociación Galicia Ambiental.

RISCOS DAS INVASORAS

As especies exóticas invasoras representan unha das principais ameazas para a biodiversidade e os servizos asociados dos ecosistemas, especialmente naqueles ecosistemas xeográfica e evolutivamente illados, como as illas, penínsulas... Os riscos que ditas especies representan pódense intensificar debido ao aumento do comercio global, o transporte, o turismo e o cambio climático.

Das 192 especies invasoras rexistradas en Galicia, o 58% son plantas, na súa maioría introducíronse a través da xardinería, para un uso ornamental e paisaxístico e outras cun obxectivo comercial. Moitas destas especies levan tanto tempo asentadas na comunidade que parecen autóctonas aínda que non o sexan e incluso foron descatalogadas como invasoras por intereses comerciais. As especies exóticas invasoras que son consideradas máis ameazantes en Galicia son: a Acacia mimosa, chamada falsa Acacia, a Cana, a Herba Campa, a Sempreviva, a Uña de Gato e o Xunco Xigante...

As especies invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade a nivel mundial e causan outros importantes impactos ambientais e socioeconómicos. No ámbito dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), a meta 15.8 prevé a aplicación de medidas para evitar a introdución e reducir significativamente o impacto de especies exóticas invasoras nos ecosistemas terrestres e acuáticos, así como para controlar ou erradicar especies estas. Os cidadáns teñen un papel relevante non só na prevención das invasións biolóxicas, senón tamén na mitigación dos seus impactos. Non obstante, estes problemas aínda son descoñecidos para gran parte da poboación. Neste contexto, a #SEI2023 pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a concienciación sobre as especies exóticas invasoras.

Comparte esta noticia