Máis de 600 persoas retiran preto de 23.000 paus de batea nas praias galegas no II Tarugotón
A segunda edición da recollida simultánea de paus de batea nas praias de Galicia, coñecida como Tarugotón, mobilizou ao longo da pasada fin de semana, entre o 27 de febreiro e o 1 de marzo, a máis de 600 persoas voluntarias en diferentes puntos do litoral galego. A iniciativa foi impulsada polas entidades ecoloxistas Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA co obxectivo de contribuír á limpeza das praias e visibilizar o problema da contaminación mariña.
Durante a xornada de recollida, o voluntariado retirou preto de 23.000 paus de batea, coñecidos popularmente como tarugos, ademais doutros residuos acumulados nos areais tras os temporais das últimas semanas. A participación nesta segunda edición duplicou a rexistrada o ano pasado, consolidando a iniciativa como unha das accións colectivas de voluntariado ambiental máis numerosas centradas na retirada deste tipo de residuos.
O Tarugotón convidaba a todas as persoas interesadas a participar nun reto simbólico: recoller o maior número posible de paus de batea nun máximo dunha hora en calquera praia do país. Ademais da retirada directa destes materiais, a actividade busca chamar a atención sobre o impacto ambiental que supón a presenza destes plásticos no litoral galego.
As entidades organizadoras lembran que os paus utilizados actualmente nas bateas (estruturas flotantes destinadas ao cultivo de mexillón) non sempre foron de material plástico, polo que consideran necesario abrir un debate sobre posibles alternativas máis sostibles. Neste sentido, subliñan que o obxectivo da campaña non é só a limpeza puntual das praias, senón tamén abrir vías de diálogo entre administracións públicas, empresas e o propio sector bateeiro para procurar solucións a longo prazo.
A valoración da edición deste ano foi cualificada polas organizacións como “agridoce”. Por unha banda, celebran o elevado nivel de participación cidadá e a boa acollida da convocatoria. Por outra, o elevado número de residuos recollidos evidencia a magnitude do problema da contaminación plástica nas costas galegas.
Ademais dos paus de batea, o voluntariado detectou unha presenza significativa doutros residuos, especialmente microplásticos, que segundo as entidades ecoloxistas reflicten as consecuencias do actual modelo de consumo baseado no “usar e tirar”.
As organizacións impulsoras consideran que accións como o Tarugotón contribúen a aumentar a conciencia social sobre esta problemática e agradecen a implicación do voluntariado. Segundo sinalan, a resposta cidadá desta edición confirma que existe unha crecente preocupación polo estado do litoral e pola necesidade de impulsar cambios cara a modelos de produción e consumo máis respectuosos co medio ambiente.