Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Máis de 5.000 persoas saíron á rúa no 11D para defender as montañas galegas fronte á invasión eólica

As mobilizacións convocadas en toda Galicia pola Coordinadora galega “Eólica Así Non” o pasado sábado 11, Día Mundial das Montañas, tiveron un grande éxito. Máis de 5.000 persoas mobilizáronse co propósito de reivindicar diante das administracións públicas a preservación destes ecosistemas fronte a actual vaga eólica, baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”. A resposta da sociedade foi contundente, tal e como xa acontecera o pasado 5 de xuño na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.

 

A multitude congregada en diferentes localidades de Galicia volveu reclamar á Xunta a paralización urxente dos case 300 parques eólicos que se atopan en tramitación. Máis de 170 entidades que forman parte da Coordinadora rexeitan a moratoria anunciada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo, “por non ter ningún efecto sobre os actuais proxectos en tramitación e que só pretende confundir a opinión pública e desmobilizar a sociedade”. Así, a Coordinadora expresa que, agora máis que nunca, “reivindicamos a derrogación do desfasado Plan eólico de Galiza e das leis de depredación da Xunta de cara a deseñar unha nova planificación eólica, participada pola sociedade galega, xusta coas persoas e respectuosa co rural e co medio ambiente galego. Doutro xeito, estaríamos deixando en mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio”.

 

Dende a Coordinadora “Eólica Así Non”, enténdese que o éxito desta gran mobilización “debe obrigar á Xunta a reconsiderar un cambio no modelo de implantación eólica e, por extensión, un cambio de modelo enerxético”, no que se aposte polas enerxías renovables pensando no interese xeral. Así, a Coordinadora indica que o novo modelo de implantación da enerxía eólica debería estar fundamentado “na soberanía enerxética, no fomento do aforro e da eficiencia enerxética, no autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega”. Ademais, tamén se recalcou o irreparable impacto que estes proxectos eólicos terían sobre a rede de montañas galegas: estes ecosistemas representan un papel fundamental no desenvolvemento da nosa sociedade, sendo unha peza clave para o equilibrio ecolóxico de Galicia. Polo tanto, a súa destrución pon en risco o noso futuro e o das vindeiras xeracións.

 

Diversidade de actos nas 22 localidades galegas

 

As mobilizacións para a defensa das montañas foron convocadas en 22 enclaves xeográficos repartidos nas catro provincias galegas. Algunhas das consignas máis proclamadas nesta xornada foron “Eólicos si, pero non así”, “Montañas sagradas, adeas habitadas”, “O capital bótanos do rural”, “Non ao espolio do noso Patrimonio”, entre outras. A meirande parte dos actos discorreron en forma de concentración reivindicativa na que se leu o manifesto “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”. Porén, houbo casos como o de Bembibre, Ferrol, Cerdedo ou Antas da Ulla nos que se deron manifestacións que cortaron o tráfico de varias estradas. Por outra parte, nas mobilizacións convocadas para A Lama, Mazaricos, Marín e Gondomar realizáronse subidas ao montes máis emblemáticos destas áreas, lugar dende onde se procedeu á lectura do manifesto. No caso de Lugo, Foz e Bilalba, os actos estiveron acompañados polo son das gaitas tradicionais e, en Castro Caldelas, amenizouse a xornada cunha chocolatada.

 

Así, houbo unha gran diversidade de actos na defensa das montañas. Cabe destacar que as mobilizacións máis concorridas foron as de Bembibre, Ferrol, Marín, Gondomar, seguidas de Pontevedra, Lugo, Foz, Vila de Cruces, Cerdedo, Carral e Meira. Ao longo da semana tamén amosaron o seu apoio ás mobilizacións persoas recoñecidas da cultura galega como Miguel de Lira, Xurxo Souto, a Banda da Loba, Adela Figueroa, Lois Pérez e Benedita Sánchez, entre outras.

Comparte esta noticia