Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Luces e sombras vinte anos despois da catástrofe do Prestige

Un 8 de novembro como hoxe hai vinte anos, un barco de nome Prestige afrontaba a travesía do Mar do Norte cara ao Canal de La Mancha, procedente do Báltico e destino a Xibraltar (aínda que o porto de destino era Singapur), logo de cargar máis de 51.000 toneladas de fuel en San Petersburgo e completala en Letonia ata chegar ás 77.000 que enchían as súas adegas. Logo desta viaxe, esperáballe o desguace no Índico. O capital Efftrapios renunciara a seguir no seu posto polo mal estado do buque e Mangouras foi convencido para asumir unha capitanía que xa ostentara. Os últimos anos, o barco non pasaba de ser unha gasolineira flotante. O temporal no Atlántico comezaba a manifestarse e o Prestige tiña unha das súas “caras” debilitada por reparacións de baixa calidade. Este fenómeno climático fixo que se abrise unha vía de auga. O 13 de novembro de 2002, o “endeble” buque Prestige accidentouse nunha tormenta (sobradamente advertida) mentres transitaba cargado con 77.000 toneladas de fuel óleo fronte á Costa da Morte. Ás 15:15 chegaba a primeira alerta por radio, estaba a 50 km de Fisterra. Tras varios días de manobra para o seu afastamento da costa galega, afundiuse seis días despois a uns 250 quilómetros da costa. O vertido de fuel causou unha das maiores catástrofes ecolóxicas e medioambientais da historia de España, tanto pola cantidade de contaminantes liberados como pola extensión da área afectada. O denominado chapapote inundou praias e obrigou a prohibir a pesca durante meses en case 1.000 quilómetros de litoral. O Prestige era un petroleiro monocasco, propiedade de armadores gregos con bandeira de conveniencia de Bahamas. O barco fora construído en Xapón xusto 26 anos atrás e reparado nun astilleiro de Cosco / Cantón - China no 2001 (ao parecer con materiais de peor calidade que os que conformaban a xa desgastada estructura). No momento da alerta presentaba unha vía de auga en dous tanques de estribor; e unha escora de 45 graos que foi corrixida polo capitán enchendo de auga para estabilizar, no canto de facelo cun trasvase de crú entre taques. Só nove anos atrás tíñase producido o desastre do Exxon Valdez en Alaska e Estados Unidos tiña endurecido as normas de comercio e tráfico marítimo de hidrocarburos. De feito, algunha das inspeccións dos gardacostas tocara ao Prestige en portos cercanos a Nova York, sen novidades nin riscos especiais detectados. Enrique López Veiga, exconselleiro de pesca de Galicia, explica nunha recente entrevista a decisión de afastar o buque da costa, indicando que nun barco cheo de petróleo, o primeiro que hai que facer é procurar que non embista. Jose Luis López-Sors, que era director xeral da Marina Mercante no Ministerio de Fomento, defendeu a postura de López Veiga. É certo que tamén se contemplaba a opción de descargar o Prestige nun porto, mais non tiveron (din) ningún para facelo. Porén, a razón que deron os dirixentes para tomar esta decisión, chocou coa opinión doutras testemuñas. O xornalista Gonzalo Cortizo afirmou que a presión electoral polas eleccións municipais tivo moito que ver con que ningúen se atrevese a levar o Prestige a un porto seguro. Neste sentido, para os responsables de Fomento primou a hipótese de que o buque estaba condenado ao afundimento, aínda que os técnicos enviados a bordo consideraran o contrario. Así o afirmaron nunha sesión do xuízo en 2012. Pedro Luis Sánchez, que era xefe do Centro Nacional de Coordinación de Salvamento, recoñeceu que era partidario de levar ao buque a unha zona de refuxio, mais nunca comunicou esas alternativas a López-Sors, quen se queixou no xuízo de que ninguén llo suxerise. Activismo medioambiental O vertido provocou a creación da Plataforma Nunca Máis o 21 de novembro de 2002, un movemento popular que organizaron os voluntarios na limpieza das praias e na recuperación das aves (nos nove meses posteriores recolléronse arredor de 17.000 aves mortas). A través de numerosas mobilizacións polas cidades galegas, os manifestantes reclamaron que Galicia fose declarada “zona catastrófica” e se activasen as axudas económicas e recursos de todo tipo para recuperar a zona, limpar o vertido e compensar aos sectores afectados. Ademais, pedíronse medidas de prevención para evitar futuros desastres e condenas para os responsables do Prestige. Nunca Máis aglutinou dende a súa fundación a resposta cidadá ao desastre ecolóxico e á xestión levada a cabo polos diferentes gobernos responsables, mobilizando a máis de 300.000 persoas ao mesmo tempo en diferentes puntos do país. Segundo a propia plataforma, “en Nunca Máis está representada a sociedade civil galega a través de máis de 200 asociacións e colectivos de diverso tipo: confrarías de mariñeiros, asociacións culturais, políticas, ecoloxistas, veciñais, sindicais, productores e comercializadores de peixe”. Así, Galicia reaccionou masivamente ante a catástrofe e creou esta iniciativa para esixir responsabilidades políticas ao goberno autonómico e ao estatal, ademais da Unión Europea. Malia todo, diversos expertos recoñecen que a traxedia e o activismo ambiental que espertou o desastre do Prestige foron “flor dun día”. Segundo Carlos Ferrás, profesor de Socioloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Prestige supuxo unha oportunidade para promover culturalmente a Galicia en relación ao valor da súa natureza. Porén, os incendios, a proliferación do eucalipto, a sobreexplotación dos recursos mariños e o envellecemento demográfico (entre outros) “van na dirección contraria”. Malia que o suceso derivou na toma de conciencia do valor medioambiental das rías, non foi suficiente. Ferrás indica que hoxe existe un olvido a nivel político, a pesar de que aquilo puido ser o comezo dun proxecto baseado nun modelo de desenvolvemento ecolóxico. Neste sentido, José Durán, profesor da Universidade de Vigo, advirte que todo aquilo que non se conmemora nin se celebra periódicamente acaba desaparecendo da memoria colectiva. Consecuencias que perduran no tempo Aínda que pasaron dúas décadas do desastre do Prestige, as súas consecuencias perduran en Galicia debido aos innumerables efectos ambientais do chapapote esparcido por toda a costa. En 2020, ata un total de 10.000 toneladas de residuos permanecían sen tratar despois de 18 anos, almacenados nunha balsa de augas pluviais, na planta de desfeitos industriais de Somozas (A Coruña). A súa pervivencia foi plasmada no proxecto presentado pola empresa Sogarisa para a construcción dun novo vertedoiro para residuos especiais. Esta situación é un exemplo do pouco que se avanza en materia de xestión de residuos e das consecuencias que isto ten para o medio ambiente. Sogarisa é a entidade concesionaria da explotación, mantemento e conservación do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), unha infraestrutura pública titularidade da Xunta, situada no Concello das Somozas. A empresa foi denunciada en ocasións por contaminación, sendo acusada de non evitar a propagación dos productos utilizados nas súas operacións fóra das instalacións, desatendendo as medidas de seguridade. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) xa denunciaba no ano 2009 que esas toneladas de residuos recollidos tras o accidente do Prestige nas costas galegas continuaban acumuladas na planta de Sogarisa sen ser tratados. Ademais, alertou que, tras a catástrofe, as rías producían cada vez menos. Así, a asociación ecoloxista acusou á Xunta de “mirar para outro lado e eludir responsabilidades”, á vez que pedía un final ao tratamento, no que unicamente se recicla o 3 por cento dos residuos recollidos, mentres que os restantes van principalmente a incineración. De feito, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ven de admitir que puido haber erros na xestión do afundimento do Prestige. Vinte anos despois do sinistro, na comparecencia de prensa posterior ao Consello de la Xunta, Rueda foi preguntado por cal é a súa percepción actual da xestión do afundimento do buque e recoñeceu que se puido cometer "erros", pero tamén considera que se "aprendeu" dos mesmos. Por outra banda, varios avogados implicados no caso do Prestige expresan dúbidas sobre a posibilidade de que chegue a bo termo o preito que mantén España coa aseguradora do buque, unha reclamación que ascende a 885 millóns de euros. Os letrados defenden as actuacións xudiciais levadas a cabo ata agora, dando lugar a que os danos da catástrofe fosen asumidos pola armadora e a aseguradora. Porén, advirten dun futuro incerto e impredecible en relación ao preito. Neste sentido, o avogado Ramón Sabín defende que a vía penal (que foi a escollida) foi a axeitada. Tamén coincide Pedro Trepat, letrado de Nunca Máis, que recalca que o proceso que enfronta o estado español coa aseguradora é “bastante complexo”.

Comparte esta noticia