Intensificación de vixilancia sobre cortas ilegais de bosque autóctono e sobre novas plantacións de eucalipto
A través dun formulario en liña ADEGA quere facilitar as denuncias de plantacións e cortas ilegais que teñan lugar no monte galego. Con esta iniciativa a asociación ecoloxista intensifica a súa campaña de vixilancia, para pór así freo á desaparición das masas de bosque autóctonas e evitar a proliferación de novas plantacións de eucaliptos.
Con este formulario en liña pretenden “animar ás persoas a seguir denunciando estes ataques ao bosque galego ou, en todo caso, a informar aos colectivos ecoloxistas para que estes feitos non queden impunes”. Deste xeito, a cidadanía pode axudar a preservar as masas forestais autóctonas e outros ecosistemas naturais que, ao contrario que os eucaliptais, aportan multitudes de beneficios para a sociedade e ao mesmo tempo supoñen unha boa ferramenta de prevención contra os lumes forestais.
Unha moratoria sen amparo normativo que provoca unha nova vaga eucaliptizadora
Dende que o pasado mes de febreiro a Xunta de Galicia anunciara unha moratoria ou paralización temporal das novas plantacións de eucliptos na nosa comunidade, polo de agora, ésta non vai acompañada dun instrumento normativo que regule a súa aplicación, non existen medidas de sanción e non se reforzaron nin os medios humanos nin os económicos para a vixilancia e control sobre as cortas e as plantacións ilegais desta especie. De aí e segundo indica ADEGA, “está a provocar unha nova vaga eucaliptizadora no país”, o coñecido como efecto rebote ou chamada. Unha “febre do eucalipto”, como a califican, que afecta sobre todo as provincias de Lugo e Ourense. Advirten que nesas zonas “aínda se manteñen masas forestais autóctonas e bosques de especial valor ambiental e patrimonial, que agora están a ser parcialmente cortadas de xeito indiscriminado para reconvertelos en eucaliptais”. Engaden que ditas cortas son ilegais, pois non contan con autorización e incumpren a Lei 7/2012 de Montes de Galicia.
Para mostra desta realidade, a asociación presenteu nesta última semana denunciou a corta indiscriminada de 60.000 m2 de bosque autóctono nos concellos lucenses de A Pontenova e Palas de Rei e no ourensán de Ribas de Sil.
Infraccións que en Galicia xa se levan producindo dende hai moitos anos sen que se traduciran nalgún tipo de acción por parte da administración pública. Nos últimos sete anos, ADEGA denunciou preto de dúas mil plantacións ilegais de eucalipto, a metade na provincia de Lugo, pero “moi poucas delas foron atendidas pola Administración pública ou derivaron nun expediente sancionador ou de reparación do dano”, explican.
A isto, hai que engadrille que o número de denuncias que se presentan queda moi lonxe das infraccións reais que se producen. Por iso, e para reverter esta situación, a asociación ecoloxista pon en funcionamento a denuncia a través do seu formulario en liña, para que toda persoa que sexa coñecedora de que se están a realizar “ataques ao bosque galego” e non o denuncien ante as autoridades competentes, si o poidan por en coñecemento dos colectivos, e así poder proceder coa denuncia no caso de que se estean comentendo irregularidades en novas plantacións ou en cortas.
Unha iniciativa que permitirá seguir defendendo o noso entorno natural e preservar a biodiverdidade.