Incrementa a preocupación en Galicia pola redución dos medios aéreos de extinción de incendios
Galicia afronta o período de maior risco de incendios forestais cunha preocupante diminución dos medios aéreos dispoñibles para combatelos. Mentres o cambio climático prolonga as vagas de calor, incrementa a seca da vexetación e favorece incendios cada vez máis intensos e difíciles de controlar, o dispositivo estatal chega ao verán coa metade dos hidroavións comprometidos fóra de servizo. Unha situación que esperta preocupación nunha das comunidades con maior risco de grandes incendios forestais.
O Goberno confirmou que dos 14 hidroavións anfibios de gran capacidade previstos para dar cobertura ás comunidades autónomas durante esta campaña, só seis estarán finalmente operativos. Hai apenas uns días permanecían dispoñibles sete unidades, pero novas avarías reducirán aínda máis unha frota xa moi limitada. Na práctica, España afronta o verán con menos da metade dos seus principais medios aéreos de extinción.
A gravidade da situación obrigou incluso ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a solicitar ás comunidades autónomas que limitasen e priorizasen o uso destes hidroavións, reservándoos unicamente para os incendios máis graves. Unha petición que evidencia que os recursos dispoñibles non son suficientes para responder con garantías se coinciden varios grandes lumes ao mesmo tempo, un escenario cada vez máis habitual durante os veráns.
Os avións afectados pertencen ao Grupo 43 do Exército do Aire e do Espazo. Os Canadair CL-215T e CL-415 constitúen un dos recursos máis eficaces para a extinción de incendios forestais grazas á súa capacidade para cargar entre 5.500 e 6.000 litros de auga directamente desde o mar, ríos ou encoros, permitindo realizar descargas continuadas en poucos minutos. Galicia conta cada verán cun destacamento destes aparellos na base de Santiago de Compostela, aínda que os medios poden ser desprazados a calquera punto do Estado en función das emerxencias.
A redución da frota responde ao avanzado envellecemento destes hidroavións, moitos deles con máis de catro décadas de servizo. As avarías e os longos períodos de mantemento multiplicáronse nos últimos anos, mentres a súa substitución continúa acumulando atrasos. Os novos DHC-515 encargados a De Havilland Canada non comezarán a incorporarse, como mínimo, ata 2028, deixando un baleiro operativo que preocupa tanto aos profesionais como ás comunidades máis expostas ao lume.
A presión sobre estes medios queda patente na actividade rexistrada durante a presente campaña. O Grupo 43 realizou xa 193 operacións de apoio ás comunidades autónomas, fronte ás 88 do mesmo período do ano pasado. As horas de voo pasaron de 764 a 2.086, unha cifra que reflicte o intenso esforzo que está asumindo unha frota cada vez máis reducida e envellecida.
No caso de Galicia, esta situación adquire unha dimensión especialmente preocupante. A comunidade sofre ano tras ano numerosos incendios forestais e continúa acumulando factores que favorecen a propagación do lume: abandono do monte, expansión de especies pirófitas, aumento das temperaturas, episodios de seca máis prolongados e un modelo forestal que segue incrementando a vulnerabilidade do territorio.
Déficit tamén de medios propios
A esta redución dos medios estatais súmase, ademais, o atraso do novo helicóptero pesado anunciado pola Xunta, que finalmente non estará operativo ata setembro, cando a maior parte da campaña de máximo risco xa terá transcorrido. Así, Galicia afronta boa parte do verán con menos capacidade aérea da anunciada, precisamente nun contexto no que cada minuto resulta decisivo para impedir para que impedir que un incendio inicial se converta nun gran lume forestal.
Mentres que a administración central mantén os 2 helicópteros (BRIF), a comunidade autónoma galega conta, segundo o PLADIGA, con 24 medios aéreos, aínda que Alfonso Rueda anunciou e confirmou tras o Concello da Xunta do 9 de decembro, que eran 22 os medios aéreos cos que contaría Galicia nesta campaña unha vez incorporados xa os novos medios (dos cales, polo menos o helicóptero pesado non está incorporado e segue demorándose a súa entrada de servizo).
Os medios aéreos, anunciados en decembro, son catro novos equipos aéreos dos cales dous son avións lixeiros de carga en terra. Aínda que este tipo de aeronave xera un segundo debate, Galicia continúa apostando maioritariamente por este tipo de aparatos e non por avións lixeiros anfibios, capaces de cargar auga directamente en encoros. Noutras rexións españolas e países europeos, este tipo de medios están amplamente implantados grazas á abundancia de masas de auga. Resulta cando menos chamativo que unha comunidade como Galicia, con arredor de medio cento de grandes encoros e centos de quilómetros de costa e augas interiores, siga baseando boa parte da súa capacidade aérea en avións que necesitan regresar a terra para recargar.
A situación reabre o debate sobre a planificación e o investimento na loita contra os incendios. Pese a que os expertos levan anos advertindo de que os efectos do cambio climático serán cada vez máis frecuentes os grandes incendios forestais, a realidade é que os medios destinados a combatelos, nunha fase temperá do incendio, continúan condicionados por unha frota obsoleta. Para unha comunidade como Galicia, onde o lume constitúe unha das principais ameazas ambientais, a redución dos recursos aéreos non deixa de ser un motivo máis de preocupación ante un verán que apenas acaba de comezar.