Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Greenpeace condena as actuacións de Naturgy e apoia á Comunidade de Montes de Teis

Os operarios da empresa eléctrica Naturgy, encargada de manter a liña de media tensión que cruza A Madroa (Vigo), veñen de realizar sen aviso previo á Comunidade de Montes “unha enorme talla dentro das tarefas de prevención de lumes forestais”. Segundo Greenpeace, a talla incluíu “numerosos exemplares de especies autóctonas de portes salientables, eliminando máis de medio cento de carballos e castiñeiros”. Greenpeace condena este tipo de actuacións, xa que ditas especies do bosque atlántico poderíanse conservar con podaduras en altura e “axudarían a manter un ambiente sombrizo, evitando a proliferación de especies invasoras pirófitas e xerando un ambiente húmido que favorece a loita contra os incendios de maneira natural”.

Segundo Eduardo García, presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Teis, é a terceira vez nos últimos anos que Naturgy impulsa estas rozas tan agresivas e pouco respectuosas co bosque atlántico galego e a biodiversidade, malia que a comunidade alcanzara un acordo coa empresa. Greenpeace lembra que “a Comunidade de Montes de Teis leva décadas impulsando de xeito exemplar a xestión sostíbel dos montes da periferia viguesa, facendo grandes esforzos pola recuperación do bosque atlántico en detrimento de especies invasoras como a acacia negra, cuestión pola que a Comunidade mesmo foi distinguida pola ONU polas súas boas prácticas para recuperar a biodiversidade”.

Ademais, Greenpeace leva máis de dúas décadas colaborando coa Comunidade de Montes de Teis para demostrar que é posible “facer outra política forestal restaurando a vexetación autóctona, protexendo a biodiversidade e aumentando así a súa resiliencia ao lume”. A Campaña de Bosques de Greenpeace España puxo en marcha en 1997 o proxecto Botando Raíces, que tiña como obxectivo realizar experiencias demostrativas de reforestación con especies autóctonas en diversas zonas de España. No caso galego, o proxecto foi posible grazas a un acordo de colaboración asinado coa Comunidade de Montes en Man Común de Teis para actuar no monte da Madroa, maioritariamente inzado dunha especie invasora moi difícil de erradicar: a acacia negra.

Greenpeace e a Comunidade de Montes de Teis asinaron este acordo para impulsar a substitución progresiva das especies invasoras por especies propias do bosque atlántico. En 1999, unha vez eliminada a masa de piñeiro e acacia negra, levou a cabo a plantación de especies propias do bosque atlántico galego: Castiñeiro (Castanea x hybrida), Carballo (Quercus robur), Acivro (Ilex aquifolium), Érbedo (Arbutus unedo), Estripeiro (Crataegus monogyna), Abeleira (Corylus avellana), Loureiro (Laurus nobilis), Nogueira (Juglans regia) ou Pereira brava (Pyrus cordata). Máis de 20 anos despois, “esta pequena aba contén un precioso bosque con portes considerábeis que amosa que outra política forestal é posíbel, e é tamén unha proba fidedigna de que é posíbel restaurar os montes galegos e aumentar a súa biodiversidade e resiliencia ao lume”.

Comparte esta noticia