Graves danos ambientais e patrimoniais nas parroquias de Souto e Codeseda pola apertura de vías forestais promovidas polo Concello da Estrada
Varios colectivos ecoloxistas e veciñais que alertan de graves danos ambientais e patrimoniais provocados polas obras de apertura e ensanche de vías forestais nas parroquias de Souto e Codeseda, no termo municipal da Estrada. As actuacións, promovidas polo Concello da Estrada en colaboración co Servizo de Prevención de Incendios de Pontevedra, afectan unha das áreas de maior valor ecolóxico do interior de Galicia, nos límites con Cerdedo-Cotobade, onde se conservaban hábitats prioritarios e poboacións de flora ameazada.
Os traballos, que inclúen movementos de terra, ensanche de camiños e instalación de tubaxes, realizáronse sen unha avaliación ambiental visible nin estudos previos de impacto, segundo denuncian as entidades coma a Asociación Verdegaia. A maquinaria pesada entrou directamente en zonas húmidas catalogadas, alterando o nivel freático e destruíndo especies vexetais que figuran nos catálogos de flora protexida de Galicia e da Unión Europea.
Entre as especies afectadas atópanse cinco das máis vulnerables do territorio galego. Destaca a Lycopodiella inundata, un raro fieito en perigo de extinción que tiña nesta área a principal poboación coñecida na comunidade. A súa destrución supón un golpe importante para a conservación da especie en Galicia, xa que os seus hábitats (as turbeiras e brañas húmidas) son cada vez máis escasos.
Tamén se rexistrou un impacto directo sobre Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis e Narcissus cyclamineus, dúas especies bulbosas propias de terreos húmidos e pastos encharcados, que foron arrincadas ou soterradas polos traballos de movemento de terras. Ademais, os briófitos Sphagnum pylaesii e Fuscocephaloziopsis connivens, tamén incluídos nas listaxes de especies ameazadas, víronse prexudicados pola alteración da humidade e a compactación do solo, procesos que destrúen o delicado equilibrio dos musgos e hepáticas característicos das brañas galegas.
A intervención afectou, ademais, dous hábitats catalogados como prioritarios pola Directiva Hábitats da Unión Europea: as turbeiras altas activas e os queirogais húmidos atlánticos de Erica tetralix e Erica ciliaris. Estes ecosistemas son considerados refuxios de biodiversidade e funcionan como sumidoiros naturais de carbono e reservorios de auga doce. O seu dano ten consecuencias directas sobre o equilibrio hídrico da zona, sobre todo porque o tránsito de maquinaria pesada e o drenaxe das brañas altera de xeito irreversible o nivel da auga subterránea.
Segundo denuncian as entidades ambientais, a actuación afecta directamente varias zonas incluídas no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia, así como mananciais e regatos tributarios do río Umia, un dos principais cursos fluviais da provincia de Pontevedra. “A escusa da prevención de incendios non pode servir para destruír os ecosistemas que máis auga reteñen e que mellor contribúen a evitar o lume”, sinalan desde Verdegaia.
Os especialistas lembran que as brañas galegas funcionan como “esponxas naturais”, almacenando auga durante todo o ano e liberándoa de forma gradual aos regatos e fontes. A súa drenaxe provoca o efecto contrario ao buscado: seca o terreo, aumenta a temperatura do solo e fai que a vexetación se volva máis inflamable no verán. “Cando se destrúe unha braña, pérdese un sistema natural de prevención contra o lume e contra a seca”, advirten.
O impacto das obras vai máis alá do ambiental. Na mesma área afectada existen bens culturais protexidos, como o destacado petróglifo de Chan de Lamas, situado a escasos metros dunha das novas pistas abertas. O conxunto, que representa un gran cervo, é único no Concello da Estrada e ten un gran valor dentro do conxunto da arte rupestre galega. Os traballos con maquinaria pesada realizados nas súas inmediacións vulneran as normas de protección do patrimonio arqueolóxico, segundo denuncian tamén asociacións culturais locais.
Ademais, foron derrubados varios muros de pedra en seco, construcións tradicionais que forman parte da paisaxe rural e que están recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade desde o ano 2018.
Outro aspecto destacado é a afectación ás áreas utilizadas polas bestas da Rapa das Bestas de Sabucedo, festa declarada Ben de Interese Cultural. Parte da actividade tradicional destas manadas ten lugar precisamente nas zonas húmidas e montes agora alterados, coñecidos como “A Baixa”, espazo no que as bestas se moven e alimentan antes de seren conducidas ao curro. As entidades advirten que a modificación do terreo pode alterar o comportamento natural dos animais e a dinámica dunha celebración que forma parte do patrimonio vivo galego.
Ante a magnitude dos danos, diversos colectivos solicitaron oficialmente ao Concello da Estrada e á Consellería de Medio Ambiente o acceso ás autorizacións administrativas das obras e a documentación técnica que xustifique as actuacións. Tamén demandan a paralización inmediata dos traballos e a posta en marcha dun plan de restauración dos hábitats afectados.
Asociacións ecoloxistas e veciños alertan que Galicia está obrigada, en virtude da normativa europea, a conservar e restaurar os hábitats de interese comunitario e as especies protexidas. A destrución das turbeiras e brañas, engaden, vai en contra dos compromisos internacionais de mitigación do cambio climático e de conservación da biodiversidade.
Asemesmo, nas parroquias afectadas, os veciños amosan preocupación polo futuro das brañas e polos cambios que xa comezan a observar no terreo. Algunhas zonas que antes permanecían encharcadas durante todo o ano están agora secas, e os regatos que alimentaban pequenas fontes comezan a perder caudal.