Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Glamping en Galicia: durmir na natureza require transformar a natureza

A promesa dos glampings é sinxela: durmir no medio da natureza, rodeado de árbores, con vistas ao río, á ría ou á paisaxe rural. Un gran negocio que medra ao arredor dos novos campamentos turísticos, pero o fenómeno ten unha particularidade: para ofrecer unha experiencia baseada na natureza non sempre abonda con instalar unha tenda. Detrás dalgunhas destas propostas aparecen cabanas, módulos prefabricados, recepcións, aseos, aparcadoiros, vías interiores, electricidade, abastecemento de auga e sistemas de tratamento de augas residuais. E cando estas instalacións se sitúan en solo rústico, en contornas forestais, próximas a ríos ou mesmo dentro de espazos naturais protexidos, a localización deixa de ser un simple elemento “glamuroso” para poñer en cuestión aspectos ambientais e urbanísticos.

En Galicia están a proliferar moitos proxectos deste tipo, algúns xa asentados e varios deles actualmente en diferentes fases de tramitación. Moitos concellos vense “seducidos” polos “cantos de serea” de subirse ao carro dunha “modernidade turística” aparentemente verde. Sen embargo, algúns deles, aínda que non todos, se atopan dentro de espazos naturais protexidos, da Red Natura 2000 ou nas súas inmediacións... outros supoñen bordear a normativa urbanística, polo que a cuestión é: a que prezo está a desenvolverse esta actividade empresarial e cal é o custo para que a xente desfrute da natureza deste xeito?

Algúns exemplos de “glampings” en funcionamento

Luzada Skylight Bubbles

Un dos casos máis significativos pola súa localización é Luzada Skylight Bubbles, en Xove (Lugo). O establecemento funciona con tres unidades de aloxamento tipo burbulla e unha capacidade total de seis persoas. Está aberto durante todo o ano e ofrece aparcamento, bicicletas, punto de recarga para vehículos eléctricos, conexión á internet e outros servizos. As propias burbullas dispoñen de parcelas privadas e están equipadas con baño, minibar, telescopio e bañeira de hidromasaxe. Pero o dato máis relevante para unha análise ambiental non está dentro das burbullas.

Luzada está situado nun espazo que figura como Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), segundo a ficha de Turismo Slow, que identifica ademais a presenza dun castro no ámbito. O establecemento promociona precisamente a súa localización na costa de Lugo, entre bosque, mar e ceo estrelado. O propio establecemento presenta a súa actividade como unha combinación entre a liberdade da acampada e as comodidades dun hotel boutique. Tamén destaca medidas e prácticas ambientais: placas solares, aerotermia, baterías, produtos locais e ecolóxicos, produtos de limpeza biodegradables e unha zona libre de contaminación lumínica.

Cabanas das Chousas

En Lugo atópase outro dos exemplos máis claros da transformación da natureza nun produto turístico: Glamping Cabanas das Chousas. O establecemento está na parroquia de O Veral, a poucos quilómetros da cidade de Lugo, e figura no rexistro turístico da Xunta como campamento de primeira categoría. A súa capacidade oficial é de seis unidades. O establecemento describe a súa localización como un bosque autóctono de ribeira situado á beira do río Mera.

A descrición turística é reveladora: cabanas entre as árbores, bañeiras nórdicas, contacto directo co bosque e unha experiencia de desconexión. A propia empresa define o lugar como un glamping situado nunha área de «gran interese etnográfico e ecolóxico». Non se trata, polo tanto, dun camping convencional ao que simplemente se engadiron unhas tendas. O atractivo comercial é precisamente durmir dentro dun bosque de ribeira xunto ao río. Neste caso a escala é moito menor que a dos grandes proxectos que están agora en tramitación. Pero tamén serve para demostrar que o modelo xa está implantado e que a natureza non é simplemente o escenario da actividade: é o principal argumento para comercializala.

Illa de Arousa-Nature Experience

Outro dos casos xa consolidados é Glamping Illa de Arousa-Nature Experience, no lugar de Quilma. O rexistro turístico da Xunta sitúao como campamento de segunda categoría con 17 parcelas privadas, no que conta con tendas campaña pouco convencionais con electricidade, climatización quente e fría, frigorífico, wifi, colchóns de gama alta, almorzo e baño propio ou cabina de aseo equipada, segundo a categoría.

A escala xa permite ver con claridade a infraestrutura que se agocha detrás do concepto de “durmir na natureza”, e aquí o contexto territorial é especialmente importante. O establecemento está situado nunha illa cun enorme atractivo ambiental e paisaxístico e moi próximo á costa. A Illa de Arousa conta, ademais, con importantes valores naturais e forma parte do espazo litoral das Rías Baixas.

O propio establecemento utiliza esa relación coa natureza como elemento central da súa promoción, falando de «plena natureza», do son do mar e dos piñeiros e dunha filosofía de viaxe lenta. É certo que isto non significa que o establecemento estea ilegalmente instalado nun espazo protexido, pero si que instalouse nunha zona na que non había máis que unhas poucas casas e natureza.

Camping Isla de Ons

O Camping Isla de Ons comercializa actualmente unha oferta de glamping con tendas instaladas sobre estruturas de madeira e presenta a experiencia como unha forma de aloxamento en plena natureza. O propio establecemento sitúase dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e identifícase como o único camping autorizado na illa. Entre os seus servizos figuran recepción, cafetería, parque infantil, lavandería, servizos hixiénicos, punto limpo e outros equipamentos asociados á actividade turística.

Ons representa, polo tanto, un caso diferente ao dun glamping situado simplemente nunha parcela rural: trátase dun establecemento turístico localizado dentro dun espazo que conta coa máxima figura de protección ambiental estatal. Iso non significa que a actividade sexa irregular nin que estea provocando un dano ambiental. Si pon sobre a mesa, con todo, unha cuestión evidente: nun espazo natural protexido, a implantación e funcionamento dun equipamento turístico deben convivir cos obxectivos de conservación que xustifican esa protección.

Huttopia Caminos de Galicia

Outro exemplo que permite introducir unha cuestión diferente é o Camping Huttopia Caminos de Galicia, en Prado, Lalín. A instalación ocupa unha finca de aproximadamente 17 hectáreas e dispón de 126 parcelas, ademais de diferentes tipos de aloxamento e equipamentos como piscinas, zonas de lecer e actividades. A propia empresa presenta o complexo como un establecemento situado «ao pé do Camiño de Santiago» e destaca como un dos seus principais atractivos a súa localización nas rutas xacobeas. Tamén o define como un punto de partida para peregrinos e para descubrir Galicia desde este enclave. Obxectivo “Turigrino”?

O Camiño de Santiago non é, polo tanto, un elemento secundario da promoción: forma parte central do produto turístico que se vende. A localización xunto á Vía da Prata e ao Camiño de Inverno permite converter o paso de peregrinos e o atractivo das rutas xacobeas nun dos argumentos comerciais para atraer visitantes ao complexo. Pero neste caso aparece ademais outra cuestión: a actividade é estacional. Para 2026, Huttopia anuncia a apertura do establecemento desde o 26 de marzo ata o 1 de novembro, polo que permanece pechado durante os meses de inverno.

A cuestión ambiental non é só cantas persoas pasan polo recinto, senón tamén se é necesario transformar un entorno natural para manter unha actividade que se concentra durante unha parte do ano. Neste sentido, o caso de Lalín introduce unha pregunta que debería formar parte do debate sobre o crecemento dos novos campamentos turísticos: cal é a relación entre a intensidade e duración real do uso turístico e a dimensión territorial da infraestrutura creada para ofrecelo? Se o principal atractivo é precisamente a natureza, o Camiño de Santiago e a paisaxe rural, tamén cómpre analizar se é necesario facer unha transformación do territorio para comercializar esa experiencia xa natural durante uns meses concretos do ano.

Cabañas Mirador de Ézaro

As Cabañas Mirador de Ézaro, situadas no lugar de O Fieiro, na parroquia de Arcos, en Mazaricos, constitúen outro exemplo de aloxamento turístico que converte a contorna natural no principal atractivo da súa oferta. O complexo, aberto en 2022, conta actualmente con sete cabanas, unha zona de servizos e un almacén. As instalacións sitúanse nun bosque de carballos, a uns 500 metros do miradoiro do Ézaro e da súa fervenza.

O establecemento prevé agora unha ampliación con oito novos aloxamentos e un almacén nunha parcela contigua. O proxecto, promovido por Cabañas O Fieiro S.L., obtivo en setembro de 2026 un informe de impacto ambiental favorable. A avaliación contempla medidas relativas á protección das augas e dos leitos fluviais, o solo, os hábitats, a flora e a fauna, a vexetación autóctona, a integración paisaxística e a xestión dos residuos. A resolución da Xunta conclúe que “non se prevén efectos adversos significativos se se cumpren as condicións establecidas”.

Non son excepcións: xa existe un mercado

Estes exemplos permiten afastarse da idea de que o glamping é unha moda que aínda está chegando a Galicia, xa que xa existe unha oferta consolidada. Hai burbullas en Xove, cabanas nun bosque de ribeira en Lugo, 17 tendas nunha illa das Rías Baixas, etc. Todos incluídos na propia guía oficial de campings da Xunta de 2025.

O que está acontecendo agora é un segundo paso: a multiplicación de novos proxectos de campamentos turísticos que incorporan glamping, cabanas ou domos e que están “forzar” os procedementos ambientais e, nomeadamente, urbanísticos. E é aí onde o fenómeno deixa de ser unha colección de iniciativas individuais e comeza a adquirir dimensión territorial. E agora, os que están por chegar, trátase dun salto de escala que xa se pode observar nos proxectos que están en tramitación.

En Mondariz, o Camping Río Tea proxecta 293 prazas sobre 7.630 metros cadrados, con 38 parcelas de acampada, oito de glamping, autocaravanas, edificio de servizos e aparcamento. A parcela sitúase a aproximadamente 60 metros da ZEC Río Tea, integrada na Rede Natura 2000.

En Nigrán, o proxecto das Telleiras contempla 215 prazas sobre unha parcela de 12.785 metros cadrados, con tendas de glamping e catro cabanas prefabricadas. A propia Xunta describe a parcela como un terreo cunha importante cobertura de vexetación forestal e deu luz verde ambiental ao proxecto, condicionado ao cumprimento das medidas establecidas.

En O Hío, Cangas, Cova das Minas proxecta 14 unidades estables e seis tendas móbiles nunha parcela de aproximadamente 1,38 hectáreas, nunha contorna paisaxística con vistas á ría de Aldán. En Cuntis, Alma Nórdica proxecta seis tendas de glamping e catro cabanas de madeira. En A Baña, Domo Cores tramítase como novo campamento turístico baseado en domos. E en Ribadeo, Camino Footsteps figura igualmente nos procedementos ambientais da Xunta.

A estes hai que engadir o proxecto de Cerdedo-Cotobade ao que a Xunta deu luz verde ambiental en marzo de 2026: 10 tendas tipo glamping, 15 parcelas para autocaravanas e capacidade para 100 persoas, nunha instalación cunha superficie construída indicada de 236 metros cadrados. A resolución ambiental considera que non se prevén efectos adversos significativos sempre que se cumpran os condicionantes e o programa de vixilancia.

Esta “eclosión” fai que moitos se pregunten se, en verdade, non estamos ante unha forma de construír onde non estaría permitido doutro xeito, con subvencións considerables en boa parte dos casos e si esta “tendencia” non se converterá en burbulla (como aconteceu con centos de casas rurais rehabilitadas con cartos públicos e agora revertidas en residencias privadas).

De seis persoas a case 300: a escala tamén importa

A comparación entre os establecementos que xa existen e os proxectos que están chegando resulta especialmente reveladora. Luzada ten seis prazas. Cabanas das Chousas dispón de catro cabanas. Glamping do Mar ten unha capacidade oficial de 20 persoas. Glamping Illa de Arousa dispón de 17 tendas e unha nova cabana. No outro extremo, Huttopia en Lalín ou casos máis extremos como o Camping Río Tea proxecta 293 prazas e o de Nigrán 215.

A cuestión ambiental cambia necesariamente cando se pasa dun pequeno establecemento de poucas unidades a instalacións capaces de acoller centos de persoas. Porque a presión non depende unicamente do tamaño da cabana ou da superficie de formigón. Depende tamén do número de persoas, da intensidade de uso, do tráfico, do consumo de auga, da produción de residuos, das necesidades de saneamento, da iluminación e da “frecuentación” dun territorio.

A natureza como recurso turístico

Os propios establecementos non agochan cal é o seu principal atractivo. Luzada vende bosque, mar e ceo estrelado. Cabanas das Chousas vende un bosque autóctono de ribeira á beira do Mera. Glamping do Mar vende as vistas ás Cíes e ao Atlántico. Glamping Illa de Arousa vende o contacto coa natureza e o carácter da illa. Non hai nada negativo por definición en aproveitar economicamente os valores naturais dun territorio. O ecoturismo pode xerar emprego, actividade económica e incentivos para conservar paisaxes e patrimonio. Pero cando ese aproveitamento require introducir novas estruturas e aumentar a presenza humana nun espazo natural ou rural, a pregunta inevitable é onde está o límite. Porque o risco non está necesariamente nun único glamping. Pode estar na suma de moitos pequenos proxectos.

Unha cabana nun bosque, dez tendas noutro, dezaseis nunha illa, un campamento de 100 persoas, outro de 215, outro de 293. Cada proxecto pode superar individualmente a súa avaliación ambiental, pero o territorio non recibe os impactos proxecto a proxecto: recibe a suma de todos eles. E aí é onde debería comezar o debate sobre a capacidade de carga turística dos espazos rurais e naturais de Galicia. A natureza pode ser un recurso turístico. Pero se a convertemos no produto, tamén temos que preguntarnos canto territorio estamos dispostos a transformar para poder vendela... e como vai afectar a outras formas de aloxamento turístico, de respectivas contornas, moito máis “rendibles” social e economicamente falando.

Que permite a normativa galega?

A normativa galega permite os campamentos de turismo en solo rústico, incluíndo determinadas instalacións de aloxamento temporal previstas na normativa turística, como cabanas, bungalows ou outros elementos transportables ou desmontables. Pero o encaixe como campamento de turismo non resolve por si só todas as cuestións urbanísticas. A implantación debe someterse tamén ás condicións establecidas pola normativa urbanística e sectorial.

A recente xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia introduce ademais unha cuestión relevante. A Sentenza 516/2025, de 10 de decembro, aborda precisamente a relación entre a autorización turística e o control urbanístico municipal e sinala a necesidade de valorar as características concretas da actuación, a intensidade da transformación do solo rústico e a idoneidade do emprazamento. Polo tanto, contar cun informe favorable desde o punto de vista turístico non determina automaticamente que proceda conceder a correspondente licenza urbanística.

Entre as cuestións que deben resolverse nos campamentos en solo rústico están o acceso rodado, o abastecemento de auga, a evacuación e tratamento das augas residuais, o subministro eléctrico, a xestión dos residuos e, cando corresponda, os aparcadoiros. A normativa establece ademais unha superficie mínima de 5.000 metros cadrados para este tipo de campamentos e esixe xustificar a idoneidade do emprazamento.

A consideración dunha instalación como desmontable tampouco a sitúa fóra do control urbanístico. O Tribunal Supremo estableceu en 2025, no caso das denominadas mobile homes, que este tipo de instalacións constitúen un uso urbanístico do solo e están sometidas ao correspondente título habilitante. Isto non significa que sexan incompatibles cos campamentos de turismo, senón que deben formar parte dunha actuación correctamente autorizada.

A localización é, ademais, determinante cando existen outras figuras de protección. Os proxectos poden estar condicionados pola normativa de augas, litoral, montes ou patrimonio natural, e no caso da Rede Natura 2000 deben analizarse especificamente as posibles afeccións sobre os valores polos que foi declarado cada espazo. Os campamentos permanentes están tamén incluídos entre os proxectos sometidos ao procedemento de avaliación ambiental simplificada previsto na Lei 21/2013.

Isto fai que a análise dun novo glamping non poida quedar reducida ao número de cabanas ou tendas que se anuncian. Cómpre observar o proxecto completo: a superficie afectada, a capacidade prevista, as instalacións auxiliares, os accesos, os servizos necesarios e a localización concreta. É nesa combinación de elementos onde se determina a verdadeira dimensión territorial dunha instalación que comercialmente se presenta como unha experiencia de natureza... pero que se pode resultar moi sostible (xa saben: económica, social e ambientalmente á vez).

Comparte esta noticia