Galicia xerou en 2021 case 25 millóns de MWh, sendo a maior parte renovable
Galicia xerou 24.210.892 megavatios hora (MWh) en 2021, sendo a maior parte renovable (17.978.925 MWh). Así, dentro da enerxía renovable, xeráronse 7.692.326 MWh de enerxía hidráulica; 9.558.897 MWh de enerxía eólica; 22.254 MWh de enerxía solar fotovoltaica; 539.593 MWh de outras renovables; e 165.855 MWh de residuos renovables. No que respecta á xeración non renovable, a comunidade galega xerou 29.633 MWh de turbinación de bombeo; 3.694.878 MWh de ciclo combinado; 458.949 MWh de carbón; 1.882.652 MWh de coxeración; e 165.855 MWh de residuos non renovables. Son datos da Red Eléctrica de España, que cifra en 259.908.000 os megavatios por hora xerados en España no ano 2021.
Cabe destacar que Galicia foi a segunda comunidade autónoma que máis enerxía renovable xerou en 2021, cun total de 17.978.925 MWh. Unicamente está por enriba Castela e León, que xerou 24.068.026 MWh de enerxía renovable nese ano. Porén, os datos relativos ao total nacional de enerxía xerada revelan que en España se produciu en 2021 máis enerxía non renovable (138.533.634 MWh) que renovable (121.371.223 MWh).
No primeiro semestre de 2022, Galicia xerou un total de 8.857.151 megavatios por hora, dos cales 5.861.897 proveñen de xeración renovable. Neste sentido, 1.820.098 MWh proveñen de enerxía hidráulica; 3.723.067 MWh de enerxía eólica; 9.283 MWh de enerxía solar fotovoltaica; 234.558 MWh doutras renovables; e 74.892 MWh de residuos renovables. Polo tanto, o número restante (2.995.254) corresponde á xeración non renovable, dos que 34.950 MWh proveñen de turbinación de bombeo; 1.497.230 MWh de ciclo combinado; 517.410 MWh de carbón; 870.772 MWh de coxeración; e 74.892 MWh de residuos non renovables.
Balance Enerxético de Galicia
Segundo o último Balance Enerxético de Galicia do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), datado de 2020, o consumo eléctrico industrial (sen bombeo) foi de 682 ktep nese ano. Isto supón un 49,4% do total de consumo final de electricidade. Por outra banda, o consumo eléctrico doméstico foi de 373 ktep en 2020, o que representa un 27% do total consumido. Así, en 2020, o consumo final de electricidade foi de 1.381 ktep, un 4,2% inferior ao do ano 2019. Pola súa parte, a demanda de electricidade bc foi de 1.515 ktep, un 6,2 % inferior ao do ano 2019.
No ano 2020, Galicia xerou o 10% da enerxía eléctrica de todo o Estado, así como o 17,1% da obtida a partir de fontes renovables e o 28% da produción termoeléctrica con carbón. A comunidade galega xerou un total de 25.045 GWh de electricidade, dos cales 6.109 foron non renovables e 18.936 foron renovables. Polo tanto, Galicia xerou en 2020 máis do dobre de enerxía renovable ca non renovable. Concretamente, desa enerxía renovable xeráronse 8.190 GWh de enerxía hidráulica e hidroeólica; 10.065 GWh de enerxía eólica; 73 GWh de enerxía solar (fotovoltaica e termosolar); 453 GWh de biomasa, biogás, hidráulica marina e xeotérmica; e 155 GWh de residuos renovables.
Por outra banda, o Balance Enerxético de Galicia revela que, no ano 2020, Galicia xestionou 10.223 ktep, o 9,3% da enerxía primaria do Estado. A enerxía primaria provén de distintas fontes e, no caso galego, o 49,3% corresponde ao petróleo; o 26,7% a renovables; o 20,4% a gas natural; e o 3,7% a carbón. Ademais, tamén se reflicten as proporcións de cada unha en España, na Unión Europea e no mundo, concluíndo que Galicia presenta “a maior proporción de enerxía primaria con fontes de enerxía renovables”.
O documento tamén recolle a potencia eléctrica instalada en Galicia, indicándose que 7.748 MW do total (11.580 MW) corresponde a potencia renovable. Concretamente, 1.960 MW de carbón; 1.247 MW de ciclo combinado; 558 MW de coxeración; 67 MW de residuos non renovables; 3.761 MW de enerxía hidráulica; 3.827 MW de enerxía eólica; 59 MW de enerxía solar (fotovoltaica e termosolar); e 101 MW doutras renovables.