Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Galicia, unha das comunidades con maior porcentaxe de incendios

Galicia, xunto con outras rexións da zona noroeste (Asturias, Cantabria e as provincias de León e Zamora), presenta o 49,99% de superficie forestal queimada e a maior porcentaxe de incendios (41,11%), seguida polas comunidades interiores (37,64%), o Mediterráneo (29,79%) e Canarias (0,45%). Ademais, o territorio galego sitúase como unha das comunidades autónomas con máis actuacións dos medios do MITECO (que dende o 1 de xaneiro ata o 1 de agosto prestou axuda ás comunidades autónomas con 586 intervencións en 245 incendios forestais), xunto a Cataluña, Castela-A Mancha, Andalucía e Castela e León. Son datos do Centro de Coordinación da Información Nacional sobre Incendios Forestais (CCINIF), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), que publicou o pasado 6 de agosto o avance informativo dos incendios forestais declarados en España a partir dos datos provisionais que as comunidades autónomas remiten de forma periódica ao Ministerio.

 

En España, ata o 1 de agosto producíronse 5.497 sinistros dos cales 3.477 foron conatos (63,25%) e 2.020 incendios (36,75%). Esta cifra de sinistros supón unha redución do 20% e é lixeiramente inferior con respecto á media do último decenio (6.880 sinistros). Porén os expertos advirten do perigo de que as condicións climatolóxicas empeoren ao longo do mes de agosto (altas temperaturas e progresiva sequedade dos solos). Polo tanto, a situación esixe manter a precaución e o coidado, xa que se trata dunha época “de alto risco e é obrigado extremar as cautelas”.

 

En canto aos datos de vexetación, foron afectadas 40.213,80 hectáreas de superficie forestal onde se inclúe tanto a vexetación leñosa como herbácea. Este dato está por debaixo da media do decenio tanto en superficie forestal afectada (coa redución do 20%), como en superficie arbolada afectada (un 7% menor á referencia). O único indicador que se sitúa por enriba da media son os grandes incendios forestais (GIF) de máis de 500 hectáreas, que se sitúan en 13 fronte aos 9 da media.

 

Dos 13 grandes incendios que se produciron ata a data, cinco deles declaráronse entre os meses de xaneiro e febreiro, dous en Almería (en  Berja e Olula de Castro), dous en Cantabria (nos municipios de  Udias e  Cabuérniga) e un que afectou a zonas de Navarra,  Gipuzkoa e o sur de Francia. O maior en canto a superficie queimada é o de Arico (Santa Cruz de Tenerife) que comezou o pasado 20 de maio e que queimou ao redor de 3.000 hectáreas. Os outros sete declaráronse entre o 12 e o 27 de xullo, en Castela-A Mancha,  Andalucía e Cataluña. Dous deles en Ciudad Real (nos municipios de Corral de Calatrava  e  Almadén), un en Cuenca (en Víllora) e outro en Albacete (Tobarra). En Andalucía produciuse un incendio en Villarasa (Huelva) e en Cataluña declarouse un lume en Santa Coloma de  Queralt (Tarragona) que arrasou 1.288,85 hectáreas.

 

O dispositivo de extinción de MITECO conta para a campaña de verán 2021 con 69  aeronaves que operan desde algunha das case 40 bases distribuídas por todo o territorio, ademais de 7 unidades móbiles de análises e planificación sobre o terreo e 3 equipos de prevención de incendios forestais. Este despregamento implica uns 1.000 efectivos entre técnicos, pilotos e mecánicos dos avións, persoal das brigadas forestais e as bases de medios aéreos e traballadores do Ministerio, entre outros. Para iso, o Ministerio destina este ano 85 millóns de euros, sen contar o custo do persoal funcionario.

 

Dentro do persoal que traballa para o MITECO neste dispositivo, o grupo máis numeroso fórmano as Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF), formado por preto de 600 persoas, entre técnicos, capataces, especialistas e preparadores físicos. Estas brigadas  helitransportadas son a forza de extinción sobre o terreo, sempre en primeira liña do lume, que achega o Ministerio en apoio  ás comunidades autónomas. Desempeñan o seu traballo nos lugares dos sinistros, baixo a dirección dos responsables de extinción das  comunidades autónomas e cooperando co persoal destas. O dispositivo BRIF conta con 10 bases repartidas en distintos puntos do país.

 

Decálogo básico para a prevención de incendios forestais

Non lances cigarros nin fósforos ao chan.
Non acendas lumes no monte en épocas de risco.
Se vas facer unha queima, solicita a autorización oportuna. Ademais, extrema  todas as precaucións na súa execución.
En época de risco, non utilices maquinaria agrícola ou forestal que poida xerar incendios.
Cumpre coas restricións de acceso a zonas forestais en épocas de risco.
Extrema as precaucións se empregas lume nas actividades agrícolas.
Se ves un incendio, avisar de maneira inmediata ao 112 ou ao teléfono de emerxencia da Comunidade Autónoma correspondente.
A seguridade é o factor máis importante: nunca tentes apagar un incendio só.
En época de risco, non utilices ferramentas que poidan xerar faíscas.
Non lances lixos fóra dos contedores habilitados.

Comparte esta noticia