Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Galicia tira auga ao tempo que a busca baixo terra

A Xunta anunciou un plan para estudar 19 masas de auga subterránea como reservas estratéxicas fronte a futuras secas. O proxecto pretende localizar acuíferos aproveitables e establecer unha rede de control que permita usalos en situacións de emerxencia. Porén, aínda que a iniciativa pode axudar a reforzar o abastecemento en períodos críticos, expertos e asociacións consideran que se trata dunha medida incompleta. Lembran que o verdadeiro problema da auga en Galicia non está tanto na falta de recursos como nas perdas masivas das redes municipais.

Entre o 30 % e o 50 % da auga captada pérdese antes de chegar aos fogares debido a fugas, canalizacións obsoletas e falta de mantemento. O uso de augas subterráneas debería ser unha opción excepcional, non a estratexia habitual. Non obstante, a Xunta mantén sen executar desde hai anos un plan integral de renovación de infraestruturas que científicos e organizacións reclaman de forma reiterada.

Este novo plan ven cun paquete de axudas destinadas a mellorar os sistemas municipais de abastecemento e saneamento, que se repartirá entre 261 actuacións en concellos de todo o territorio galego. As subvencións, xestionadas por Augas de Galicia, céntranse tanto na execución de auditorías técnicas (para diagnosticar o estado das redes e detectar deficiencias) como na financiación de pequenas obras dirixidas a reparar fugas, mellorar o funcionamento das traídas municipais e reducir vertidos ao medio.

Sen embargo, sen un compromiso claro de investimento na renovación das canalizacións que garanta infraestruturas modernas, estancas e duradeiras, capaces de asegurar un uso responsable e sustentable da auga en todo o territorio galego, estas auditorías corren o risco de converterse nun simple trámite administrativo. Boa parte das tubaxes continúan sendo de fibrocemento e datan de hai varias décadas, o que non só supón un problema de eficiencia senón tamén de saúde pública e de seguridade ambiental.

Galicia Ambiental mira isto coma unha “acción de cara á galeria”. O argumento oficial insiste en garantir o abastecemento ante os períodos de seca e os efectos do cambio climático, mais o verdadeiro problema atópase, segundo recoñecen os propios concellos, nas deficiencias crónicas das redes municipais de subministración. Apelar agora ao uso das masas de auga subterránea como alternativa principal pode ser unha saída aparente, pero non unha solución real.

Estes recursos, aínda que abondosos en Galicia, non son infinitos nin están exentos de riscos. Resulta esencial establecer un control rigoroso da súa calidade, especialmente nas zonas agrícolas e gandeiras, onde a presenza de nitratos e outros contaminantes químicos xa foi detectada en niveis alarmantes. Comarcas como A Limia, o Deza ou a Terra Chá levan anos rexistrando concentracións que superan os límites recomendados, unha situación que debería espertar todas as alarmas. E mentres non se aborde esa raíz do problema, Galicia seguirá buscando auga nova no canto de coidar a que xa ten.

Galicia en prealerta por escaseza de auga

Galicia inicia outubro con vinte oito concellos en prealerta por escaseza de auga, segundo a última actualización da Oficina Técnica da Seca. A medida afecta sobre todo a municipios pertencentes ás concas dos ríos Anllóns, Lérez e Grande. Polo momento non implica restricións obrigatorias, pero si activa un protocolo de seguimento reforzado e unha serie de recomendacións preventivas, como limitar o rego con auga potable, reducir consumos non esenciais e extremar a vixilancia nas redes municipais de abastecemento. A Xunta advirte de que, se a situación non mellora, podería ser necesario pasar a fases de alerta máis severas nas próximas semanas.

A Oficina Técnica da Seca, encargada de avaliar o estado dos recursos hídricos, ten previsto reunirse entre hoxe e mañá cos últimos datos de Meteogalicia enriba da mesa. A maioría dos encoros das demarcacións Galicia-Costa e Miño-Sil mantéñense en niveis normais, aínda que algúns presentan descensos notables, e ademais as previsións meteorolóxicas non invitan ao optimismo. Os modelos apuntan a que continuará sen chover nos vindeiros días, o que podería agravar aínda máis a falta de caudal nos ríos afectados.

A Costa da Morte é unha das zonas máis afectadas, con doce concellos en prealerta. En Ponteceso, iniciouse unha campaña informativa para lembrar á veciñanza a necesidade de aforrar auga. Pola súa banda, en A Laracha un bando municipal insta a limitar os regos, reducir o lavado de coches (agás nos negocios dedicados a esa actividade) e reutilizar a auga sempre que sexa posible. En Carballo, tamén se adoptaron medidas, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, explica que o municipio suprimiu case por completo os regos públicos e que os poucos que se manteñen realízanse de noite, para evitar a evaporación.

Na conca do Lérez, o Concello de Pontevedra foi un dos primeiros en reaccionar. Ante a baixada do río, lanzou xa en agosto unha serie de recomendacións á veciñanza e ás empresas para fomentar o uso responsable da auga: evitar o enchido de piscinas, instalar redutores de caudal e mellorar a eficiencia nos procesos industriais. O caudal do Lérez mantense en 1,69 metros cúbicos por segundo, por debaixo do limiar de normalidade.

En Vigo, adoptáronse medidas similares, aínda que sen unha prealerta formal. Desde o 10 de agosto están prohibidos os baldeos, o enchido de piscinas e as duchas de praia. Os dous encoros que abastecen a cidade, Eiras e Zamáns, pasaron do 77 % e 75 % ao 65 % de capacidade, o que reflicte a perda progresiva de reservas. Mentres, en Baiona, a situación é aínda máis delicada: o encoro de Baíña apenas alcanza o 31 % do seu volume total, e o Concello restrinxiu o rego de xardíns e hortas, ademais do enchido de piscinas. Se a seca persiste, o municipio podería ter que recorrer ao subministro de Vigo para garantir o abastecemento.

Un setembro máis frío, pero cun 30 % menos de choiva

O último informe de Meteogalicia confirma que o mes de setembro foi frío e moi seco. As temperaturas medias situáronse en 17,2 graos, lixeiramente por debaixo do habitual, pero as precipitacións quedaron un 30 % por debaixo da media. As mínimas máis baixas rexistráronse nas serras do Larouco, Queixa e Eixe (5,6–7,2 °C), e as máis altas na costa oeste, especialmente na ría de Vigo (13,4–14,8 °C). As máximas alcanzaron entre 25,7 °C e 27 °C na ribeira do Miño ourensán e nos Canóns do Sil, mentres que en Cabeza de Manzaneda apenas superaron os 16 °C. A precipitación media foi de 58 l/m², con valores máis altos nas serras litorais (130–190 l/m²) e mínimos no leste de Ourense e sur de Lugo (5–20 l/m²). En total, caeron 58 litros por metro cadrado, o que agravou o déficit hídrico acumulado desde o verán.

Segundo Meteogalicia, esta anomalía débese ao predominio de situacións anticiclónicas durante a segunda metade do mes, que reduciron a chegada de frontes atlánticos. Esta falta de choivas, combinada coas altas temperaturas, aumenta o risco de incendios forestais, como ocorreu en 2017, cando unha onda de calor e seca foron clave nos devastadores lumes que afectaron a Galicia.

O verán máis cálido

O verán de 2025 foi o máis cálido rexistrado en España desde que existen datos, cunha temperatura media de 24,2 °C, é dicir, 2,1 °C por enriba da media do período 1991-2020. As anomalías máis acusadas, superiores aos 3 °C, déronse no interior peninsular, especialmente en Galicia e nas mesetas. Xuño e agosto foron os meses máis cálidos das súas respectivas series, e rexistráronse tres ondas de calor destacables: a primeira, pola súa duración (17 días e 40 provincias afectadas), e a segunda, pola súa intensidade (4,2 °C por enriba da media e 42 provincias afectadas).

En canto ás choivas, o verán foi moi seco en Galicia, Asturias e o norte de Castela e León, con episodios de seca extrema no interior galego, zonas que ademais sufriron grandes incendios. En cambio, o nordeste peninsular e algunhas áreas do centro e sueste rexistraron un verán húmido ou moi húmido, con acumulacións de choiva superiores ao habitual, sobre todo en Cataluña, Aragón e Navarra.

AEMET prevé un outubro e un outono máis secos do normal

As previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía apuntan a que Galicia podería encadear un outono seco e cálido. Para o trimestre outubro-novembro-decembro, estímase unha probabilidade do 45 % de que chova menos do habitual, mentres que as temperaturas teñen un 40 % de probabilidade de situarse por enriba da media.

Durante a primeira quincena de outubro agárdase, ademais, un tempo estable e seco, con máximas que poderían acadar os 30 graos en zonas do interior, baixo a influencia persistente do anticiclón dos Azores. Este escenario reduce as opcións de que os encoros se recuperen a curto prazo, o que preocupa especialmente en comarcas costeiras e rurais onde o abastecemento depende de pequenos ríos ou captacións locais.

Comparte esta noticia