Galicia encara outra xornada crítica con máis dunha decena de incendios activos e varios baixo control
Galicia vive hoxe unha das xornadas máis duras deste verán no que a loita contra o lume converteuse nunha carreira contrarreloxo. Media ducia de incendios están activos en varias provincias, algúns en situación 2 polo risco para poboacións próximas. As lapas avanzan alimentadas pola calor extrema, a escasa humidade e o vento cambiante, obrigando a un despregamento masivo de medios terrestres e aéreos.
En España, ata o 3 de agosto, queimáronse 39.155 hectáreas. Galicia supera xa as 8.000 no que vai de ano cando, como en Portugal (salvo cambio radical na climatoloxía) todo apunta a que non estamos máis que no ecuador da tempada de incendios.
A resposta é constante: brigadas, axentes forestais, helicópteros e avións traballan sen descanso para conter uns focos que, nalgúns casos, afectan xa centos ou miles de hectáreas. A situación deixa imaxes de desaloxos preventivos, estradas cortadas e un patrimonio natural que se consume. Ao mesmo tempo, os partes oficiais e as previsións meteorolóxicas marcan a axenda de autoridades e veciñanza, que seguen de preto unha emerxencia que aínda non amosa sinais claros de remitir.
En Pontevedra, hai activo un incendio no municipio de Dozón, na parroquia do Castro, afectando a unha superficie estimada de 300 hectáreas. Decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Castro. Para a súa extinción hai mobilizados 4 técnicos, 18 brigadas, 25 motobombas, 1 pala, 5 helicópteros e 4 avións. Este incendio estivo apunto de se converter nunha auténtica traxedia ao achegarse as chamas á gasolineira que se atopa en pleno casco do pequeno núcleo urbano, que é a capital municipal.
Asimesmo, segue controlado desde o mediodía do martes o incendio de A Estrada, parroquia de Souto, iniciado o domingo, afectando a unhas 20 hectáreas. Na súa extinción traballan polo momento 1 técnico, 13 axentes, 21 brigadas, 23 motobombas, 4 palas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.
En Lugo, o incendio de Samos, parroquia de Santalla, que se iniciou o luns está estabilizado desde as 20:07 horas de onte. Segundo as últimas estimacións provisionais unhas 200 hectáreas foron calcinadas. Traballaron sobre o terreo 3 técnico, 13 axentes, 26 brigadas, 31 motobombas, 5 palas 3 helicópteros e 2 avións.
Tamén na provincia, o lume de A Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, mantense controlado desde o domingo pola tarde tras queimar unhas 150 hectáreas desde que comezou o martes día 5. Para atallalo foron necesarios 6 técnicos, 64 axentes, 87 brigadas, 88 motobombas, 3 palas, 8 helicópteros e 8 avións.
Na provincia da Coruña, o lume declarado o domingo en Monfero, parroquia de Queixeiro, que chegou a afectar o Parque Natural das Fragas do Eume, está controlado desde o luns á noite. A superficie queimada provisional rolda as 5 hectáreas. Na súa extinción participaron 12 axentes, 17 brigadas, 8 motobombas, 1 pala e 1 helicóptero.
En Ourense, a provincia continúa cunha Situación 2, que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto das administracións para a provincia. O incendio iniciado o pasado venres en Chandrexa de Queixa, parroquia de Requesón, continúa activo converténdose no máis grande do verán en Galicia, superando as 4.500 hectáreas de monte queimado. As labores dos equipos de extinción, con 13 helicópteros, 13 avións, 48 motobombas, 92 brigadas, 58 axentes, 9 palas, 6 unidades técnicas de apoio e 15 técnicos, non foron suficientes para estabilizar un lume de tal magnitude.
En Maceda, parroquia de Santiso, o incendio declarado ás 03:13 horas da madrugada do luns continúa activo chegando a queimar ao redor de 1.700 hectáreas, parte delas no concello de Montederramo. Para a súa extinción participan 4 técnicos, 19 axentes, 26 brigadas, 15 motobombas, 4 palas, 3 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 8 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
No concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Parafita, iniciouse onte á tarde un incendio que ata agora superou máis de 500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo momento 3 técnicos, 8 axentes, 12 brigadas, 8 motobombas, 2 palas, 4 helicópteros, 4 avións e efectivos da UME.
En Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, o incendio que comezou o sábado pola noite e que se reactivou onte luns está estabilizado, con 450 hectáreas afectadas. Xurdiu en varios puntos case simultáneos, o que apunta a unha intencionalidade clara. Interviron 5 técnicos, 30 axentes, 52 brigadas, 37 motobombas, 6 palas, 6 helicópteros e 10 avións.
En Vilardevós, parroquia de Moialde, o incendio iniciado onte ás 16:05 horas afecta unhas 40 hectáreas e evolucionou favorablemente, e continúa estabilizado. Actúan 2 técnicos, 7 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 1 palas, 1 unidade de apoio, 4 helicópteros e 6 avións.
En Montederramo, parroquia de Paredes, estabilizouse o incendio iniciado na madrugada do luns. O lume afectou a unhas 120 hectáreas afectadas, e contáronse con 2 técnicos, 5 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 2 palas, 6 helicópteros e 5 avións traballando na zona.
Na localidade de Ourense, na parroquia de Sexalbo, estabilizouse o incendio iniciado sobre ás 14:14 h de onte. Chegou a afectar a 50 hectáreas grazas a participación de 1 técnico, 9 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
En Verín, parroquia de Mourazos, o lume está controlado desde a madrugada, tras queimar unhas 9 hectáreas. A Situación 2 xa foi desactivada e traballan na zona 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 1 pala, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
O incendio de Cartelle, parroquia de Anfeoz, está extinguido desde a pasada madrugada. O incendio declarado o luns pola tarde afectou a 14,6 hectáreas e contou coa intervención de 3 técnicos, 11 axentes, 16 brigadas, 10 motobombas, 1 pala, 1 unidade técnicas de apoio, 6 helicópteros e 2 avións.
Portugal arde... MÁIS
A base de datos nacional de incendios rurais rexistra, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo de 2025, un total de 4.758 incendios rurais que resultaron en 33.224 hectáreas de superficie queimada, incluíndo asentamentos humanos (15.545 ha), matogueiras (13.704 ha) e agricultura (3.975 ha). A falta de datos oficiais a día de hoxe arderían 45.000 ha.
Na Unión Europea só países moito máis extensos: Romanía (238.398km2), Italia (302.073) e España (506.030) queimáronse máis, en termos de superficie bruta, que Portugal (92.152). Os datos son brutais, a pesar de ser o país, con menos extensión. Se temos en conta o territorio ocupado por bosque e a superficie queimada ata esta semana, Portugal ocupa o terceiro lugar neste podio, superado só por Chipre e Romanía, neste caso, datos relativos.
Más de 1.700 "bombeiros" combaten as chamas, e isto só en Vila Real, Trancoso, Tabuaço e Covilhã. Pero a dispoñibilidade de medios aéreos está a xerar unhas fortísima críticas ao goberno, pero tamén aos técnicos pola pésima planificación e non aprender ningunha das leccións de incendios como os de 2017 ou 2022.
O exemplo máis claro é a indispoñibilidade ata hoxe dos tres avións Cannadair (iguais que os españois do grupo 43, de feito, foron no seu día avións vendidos e descartados polo exército do aire español xunto con outros que se venderon a Italia), que Portugal ten contratados a unha empresa española, con sede en Salamanca, quedaron inoperativos durante a semana pasada, o que obrigou a Portugal a pedir dúas aeronaves similares a Marrocos. Esta empresa acumula neste servizo numerosas avarías e un accidente mortal en 2020 cando un aparello estrelouse combatendo un lume en Peneda Geres.
Greenpeace pide prevención
En medio da onda de incendios que castiga a península, Greenpeace lembra que, máis aló da reacción inmediata, a clave está na prevención. E esa prevención, advirte, non pode recaer só no comportamento cívico da cidadanía, senón tamén na responsabilidade directa das Administracións, que deben garantir unha xestión forestal adaptada a un clima cada vez máis extremo. O aumento das temperaturas, as secas prolongadas e a aridez dos bosques multiplican o risco de grandes incendios forestais que, aínda que menos numerosos que en décadas pasadas, arrasan miles de hectáreas en poucos días.
As cifras así o confirman: entre xaneiro e o 3 de agosto, estes grandes lumes foron responsables do 67 % da superficie total calcinada en España. E aínda que o número total de incendios se reduciu nun 62 % respecto aos peores rexistros dos anos 90, a ameaza de episodios cada vez máis intensos e difíciles de controlar segue presente. Nos últimos cinco anos, case o 69 % dos sinistros foron froito de neglixencias ou accidentes, e un 24 % intencionados, a maioría ligados a queimas agrícolas sen autorización.
Greenpeace pide ás comunidades autónomas que cumpran e reforcen os seus plans preventivos nas Zonas de Alto Risco de Incendios, e reclama ao Goberno central que aprobe con urxencia o Real Decreto que unifique criterios e garanta medios suficientes. Porque, como advirte a organización, «convivir co lume é inevitable, pero debe ser con poucos e controlados».
Galicia Ambiental suxire un cambio de modelo
Non hai moitas diferenzas entre os incendios de Portugal e os que está a sufrir Galicia ou mesmo o occidente castelán - leonés: non houbo nin hai prevención, non se afrontan problemas derivados do despoboamento rural, prosegue sen límite nin remedio a perda de actividades agrarias, as políticas preventivas non inciden nunha realidade: que o monte se ha entregado aos grandes xestores forestais (pasta de papel e industria do taboleiro), a pesar dos incendios de "nova xeración" pouco máis se fixo que poñerlle un número a medida que se fan máis incontrolables e non se xerou ningún tipo de descontinuidade forestal nos grandes monocultivos (sobre todo de piñeiro e eucalipto), a sensibilidade da cidadanía nas áreas de alta actividade incendiaria segue deixando moito que desexar... e a administración segue entregada ao urxente pero non ao importante (o cortoplacismo é a nota dominante na toma de decisións... e a improvisación, unha constante tanto en materia de planificación forestal, como de prevención contra o lume).
En Galicia, as tarefas de sensibilización social demostraron os seus límites. En zonas con alta actividade incendiaria, a pesar de anos de campañas e programas, segue repetíndose o “arde sobre ardido”. A impunidade alimenta este ciclo: só un 1 % dos incendios provocados chega aos tribunais, e as condenas non alcanzan nin sequera esa cifra. O último ano, de 800 lumes, só sete acabaron cunha investigación xudicial. A iso súmase a falta de coordinación entre administracións e unha insuficiente dotación dos medios humanos e técnicos.
Galicia Ambiental propón pasar dunha política reactiva a unha activa, que combine a participación cidadá con instrumentos técnicos modernos e unha planificación territorial adaptada ao novo clima. Non se trata só de apagar o lume, senón de impedir que o monte se converta nun polvorín.