Galicia di NON a Altri: marea humana contra a macrocelulosa
Miles de persoas congregáronse este domingo en Santiago de Compostela nunha manifestación multitudinaria en contra do proxecto de macrocelulosa que a empresa Altri/Greenfiber quere instalar en Palas de Rei. Con berros de "Altri non", os manifestantes reafirmaron a súa oposición a esta fábrica impulsada pola pasteira portuguesa Altri en colaboración con Greenalia, a compañía coruñesa á que pertence Beatriz Mato, exconselleira de Medio Ambiente de Alberto Núñez Feijóo.
Más de 100.000 persoas segundo a organización, e 40.000 segundo estimou a Policía Local, percorreron as rúas de Santiago baixo o lema “A Xunta non pode calar a todo un país. Altri Non”, partindo desde a Alameda cara á Praza do Obradoiro. Unha vez alí, Leti da Taberna, cómica, e Lois Pérez, escritor e narrador oral, deron a benvida aos miles de persoas que acudiron á praza, lugar que resultou ser insuficiente para todos os cidadáns que se congregaron. No escenario, situado na praza baixo a oficina da Xunta de Galicia no Pazo de Raxoi, María Porto, a mariscadora de Carril, Marta Juncal, a bateeira de Vilanova, Teresa Batán e Ximena de Agolada, en representación das plataformas en Defensa dá Ría de Arousa (PDRA) e Ulloa Viva, deron lectura ao manifesto no que repasaron o ano de loita, “a cada mes que pasaba, eramos máis as voces que berrabamos contra o proxecto de Altri-Greenalia”.
Tamén revelaron que “nas últimas semanas chegáronnos requerimentos ás casas das persoas e colectivos que alegamos en contra do proxecto Gama para afastarnos das alegacións e intentar deslexitimar e anular os nosos dereitos cidadáns. Que non perdan tempo. Non imos calar. Non nos dan medo”. E engadiron, “estannos dicindo que somos parvos e isto non vai de espoliar os recursos naturais de Galicia para que empresas foráneas se lucren a conta dos nosos intereses? Altri é un proxecto contrario á creación dun emprego digno, á sustentabilidade económica e social porque atenta contra todos os sectores económicos e produtivos do mar e do agro, que xeramos riqueza social”.
Tal e como expuso o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, aos medios ao inicio da mobilización, “a Xunta de Galicia non ten lexitimidade para impornos este modelo produtivo. Miles de familias do sector agrogandeiro, do mundo do mar, e do sector turístico vense afectados por este proxecto. Este proxecto vai en contra da maioría social de Galicia”.
Pola súa banda, Marta Gontá, representante de Ulloa Viva, unha das plataformas organizadoras, resaltou este domingo que a planta "vai en contra da maioría social de Galicia". "Vimos aquí a mandar unha mensaxe moi clara a Altri, a Greenalia e á Xunta: as nosas fillas van herdar unha ría produtiva, terra fértil, aire limpo e auga limpa e non é negociable. Este proxecto non trae nada disto e rexeitámolo da maneira máis contundente que podemos", agregou Gontá.
Aos plans da multinacional portuguesa presentáronse xa máis de 20.000 alegacións, mentres a Xunta de Galicia ultima a Declaración de Impacto Ambiental. Con esta protesta, os organizadores queren dar un golpe na mesa para frear a deterioración ambiental que pode traer a fabricación desta macrocelulosa en Galicia. Este domingo chegaron a Santiago máis de 40 autobuses fretados polos concellos, veciñanzas, asociacións e outros grupos que estiveron apoiando esta batalla veciñal durante meses.
Á concentración asistiron tamén líderes políticos como Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, Lara Méndez, viceportavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia e “número dous” de José Ramón Besteiro, que non acudiu, e Paulo Carlos López e Manuel Lago de Sumar Galicia, entre outros.