Galicia Ambiental destaca os logros do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles e sinala a biodiversidade como sinatura pendente
Galicia Ambiental formou parte do congreso coa intervención do seu presidente, Benito García, como moderador da mesa redonda “Contribución do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2025 á sustentabilidade ambiental dos concellos galegos e á saúde ambiental de Galicia”, enmárcase no acto de clausura do 25 aniversario do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles, celebrado o 30 de outubro de 2025 no Salón dos Tirantes da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Este evento, baixo o lema “A gobernanza ambiental nos concellos galegos cara á sostibilidade de Galicia e á saúde planetaria”, serviu para facer balance dunha iniciativa pioneira en Europa e recoñecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que marcou un antes e un despois na xestión ambiental dos municipios galegos.
Na súa intervención, Benito García repasou a evolución das políticas ambientais desde a Cumbre de Río de Janeiro de 1992, onde se recoñeceu a interdependencia entre economía, sociedade e medio ambiente e establecéronse as bases do desenvolvemento sostible mediante a Declaración de Río, a Axenda 21 e a Convención Marco sobre o Cambio Climático. Daquela cumbre naceu a Axenda 21 Local, que promoveu a acción municipal en favor da sustentabilidade e a participación cidadá. En Galicia, ese espírito concretouse no Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles, impulsado polo profesor Francisco Peña, que fomentou a incorporación da variable ambiental na xestión local e consolidou a transversalidade das políticas medioambientais.
O programa, que durante 25 anos funcionou como unha rede de formación, debate e cooperación municipal, contou co apoio institucional da OMS, coa implicación de figuras como María Neira, directora de Saúde Pública e Medio Ambiente, e co respaldo simbólico da Casa Real, que outorgou a Presidencia de Honra a Felipe VI en distintas edicións. Ao longo da súa traxectoria, organizou 65 edicións de Cursos de Saúde Ambiental e dous encontros internacionais, con máis de 6.700 participantes entre técnicos, expertos, sanitarios e representantes sociais. En total, 265 entidades locais adheríronse ao programa (257 galegas e outras de León, Asturias, Madrid e Portugal), o que demostra a súa proxección territorial e o seu impacto na consolidación dunha Galicia máis sostible.
No seu discurso, García destacou o valor do municipalismo ambiental, entendido non só como a primacía dos municipios fronte a outras institucións, senón como unha forma de gobernanza desde a proximidade. Os concellos, recordou, son os principais responsables da xestión dos residuos, a auga, o saneamento ou a mobilidade, servizos esenciais que definen a sustentabilidade e o benestar. A pesar das melloras alcanzadas, García subliñou que para as administracións a biodiversidade segue a ser unha sinatura pendente, en especial pola problemática da proliferación de especies invasoras como a herba da Pampa. A pesar das limitacións competenciais e financeiras, os municipios demostraron ser actores clave na loita contra o cambio climático e na mellora da calidade ambiental.
O presidente de Galicia Ambiental subliñou que o Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles foi un exemplo de cooperación institucional e de transferencia de coñecemento. Grazas a el, moitos concellos puideron profesionalizar a súa xestión ambiental, compartir experiencias e avanzar cara a políticas locais máis innovadoras e sostibles. Tamén lembrou que este programa foi o motor que permitiu a transición desde a Axenda 21 cara á Axenda 2030 Local, adaptando os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) ao ámbito municipal e promovendo a idea de que “pensar globalmente e actuar localmente” segue a ser a clave do progreso ambiental.
Na parte final do discurso, Benito García quixo render homenaxe ao profesor Francisco Peña, creador e impulsor do programa, pola súa labor de formación, divulgación e liderado durante este cuarto de século. Subliñou que o municipalismo galego mantén unha débeda de gratitude co seu traballo, que contribuíu a transformar a conciencia ambiental de Galicia e a consolidar unha cultura de sustentabilidade e cooperación.
Durante o acto conmemorativo, ademais da mesa moderada por García, celebráronse outras dúas mesas redondas: unha dedicada ás grandes ameazas ambientais do século XXI, con expertos internacionais, e outra centrada na implicación da ciencia, a empresa e a sociedade civil. Participaron alcaldes e representantes locais como Nava Castro (Ponteareas), Francisco José Fumega (O Carballiño) ou Telmo Martín (Sanxenxo), así como académicos e persoas de referencia no mundo ambiental e empresarial galego.
A clausura correu a cargo da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou tamén o papel do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles, ao que cualificou como “proxecto pioneiro e adiantado ao seu tempo”, pola súa contribución á saúde ambiental e á formación de máis de 6.700 persoas ao longo de 25 anos. Vázquez salientou tamén a cogobernanza como eixo transversal das políticas públicas ambientais para acadar a neutralidade climática en 2040, compromiso recollido na futura Lei do Clima de Galicia, actualmente en tramitación parlamentaria. A conselleira subliñou que os retos climáticos requiren a implicación conxunta de administracións, tecido produtivo e cidadanía, e puxo en valor a cooperación impulsada pola Xunta a través da Alianza Galega polo Clima e do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, no que participan 287 municipios galegos.