Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Galicia Ambiental critica a ocultación á cidadanía de informacións estatísticas ás portas dunha decisión sobre a moratoria do eucalipto

O pasado mes de xullo de 2024, a Xunta de Galicia presentou os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) correspondentes a 2023 (así veo sendo dende a posta en marcha). Segundo aquel informe, a superficie ocupada polo eucalipto alcanzou as 419.051 hectáreas, o que supón un incremento de 6.000 hectáreas respecto ao ano anterior, un crecemento do 1,4 %. Con todo, os datos relativos a 2024 (que permitirían avaliar a evolución máis recente da especie e o impacto da moratoria decretada en 2021) non foron publicados aínda. Esta ausencia de información xera alarma entre asociacións ecoloxistas, profesionais do sector forestal e colectivos cidadáns, que consideran que a falta de transparencia compromete a planificación forestal e a protección ambiental.

Neste contexto, a Asociación Galicia Ambiental critica esta actitude do Goberno galego por manter ocultos estes datos, a pesares de terse realizado o traballo técnico, como en anos anteriores que permitían coñecer os datos no segundo trimestre do ano seguinte ao analizado. Rematado xa o terceiro trimestre, podemos afirmar que a falta de transparencia dificulta a participación da cidadanía e dos colectivos implicados na xestión do territorio, comprometendo a planificación baseada en evidencia científica e a capacidade de avaliar se a moratoria sobre novas plantacións de eucalipto está cumprindo os seus obxectivos... e así adoptar unha decisión axeitada sobre a cuestión. Galicia Ambiental advirte que esta opacidade non só retrasa a toma de decisións, senón que pon en risco a sustentabilidade do medio rural galego e a protección dos ecosistemas de alto valor.

A pesar da moratoria en vigor, que expira o 31 de decembro de 2025, a superficie ocupada por eucalipto mantén unha tendencia ascendente. Por iso, numerosos actores da sociedade civil, académicos e profesionais do sector forestal solicitaron a ampliación e extensión da moratoria ata que se asegure o cumprimento dos obxectivos da planificación forestal, a diversificación das masas produtivas e a protección dos ecosistemas de alto valor e espazos naturais protexidos. En abril deste ano, organizacións sectoriais da madeira, ecoloxistas, propietarios forestais e fundacións asinaron unha declaración conxunta a favor de prorrogar a moratoria, polo menos, ata 2030. En xuño, ata 26 organizacións ecoloxistas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi subscribiron un manifesto para estender as moratorias en todo o norte peninsular.

Pero esta non foi a única, Greenpeace, xunto con varias organizacións máis, denunciaron tamén este “sospeitoso silencio administrativo” da Xunta de Galicia. Segundo informan, realizaron unha solicitude de datos hai dúas semanas e aínda non foi atendida pola Consellería de Medio Rural, a pesar de que a información xa fora presentada antes do verán pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Universidade de Vigo. “A información que inexplicablemente esconde o Goberno galego ten que ser pública, pagámola a cidadanía. Máis que unha falta de transparencia, que o é, parece un exercicio de despotismo de libro. Preguntámonos se o que están intentando é ocultar o seu fracaso, especialmente no relativo ao incremento da superficie ocupada polo eucalipto, a pesar de existir unha moratoria ás novas plantacións decretada en 2021. Vemos unha enorme falta de interese da Consellería de Medio Rural en facer cumprir a lei”, declarou Manoel Santos, portavoz de Greenpeace en Galicia.

A Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta de Galicia (Apenfoga), que agrupa aos enxeñeiros forestais da Xunta, reclamou ao Goberno galego a ampliación indefinida da moratoria e lembrou que durante o tempo que estivo vixente non se estableceron os criterios técnicos nin as normas para regular o uso da especie. Apenfoga e os colectivos ambientais coinciden en que calquera prórroga debe ir acompañada de recursos para evitar plantacións ilegais, garantindo así que a moratoria sexa efectiva e verificable.

A expansión descontrolada do eucalipto representa un risco ambiental considerable. Estudos do CSIC e da Universidade de Santiago de Compostela demostraron que o monocultivo de eucalipto reduce a diversidade de aves e afecta aos ecosistemas locais, especialmente en zonas de monte baixo e chans degradados. A súa presenza favorece a homoxeneización dos bosques, despraza a especies autóctonas e aumenta a vulnerabilidade fronte a incendios forestais. Ademais, a proliferación do eucalipto modifica o ciclo hidrolóxico, afectando ríos e acuíferos, e compromete a capacidade dos solos para reter nutrientes.

Máis aló dos impactos ecolóxicos, organizacións coma Greenpeace alertan sobre os riscos económicos e estratéxicos da expansión desta especie. Segundo Manoel Santos, a Xunta debería renunciar a impulsar proxectos como o GAMA da papeleira portuguesa ALTRI, que incrementaría a demanda de madeira de eucalipto en Galicia e no norte de España. “ALTRI e a expansión das plantacións de eucalipto son o mesmo. Non se pode permitir que o sector forestal do norte da península camiñe cara ao monocultivo económico da produción de celulosa. Agardamos que, dadas as insalvables dificultades que ten a empresa para instalarse, a Xunta deixe de apoiala”, declarou Santos.

O debate sobre o eucalipto non se limita a Galicia. A expansión desta especie no norte de España e en Portugal xera preocupación en Asturias, Cantabria e País Vasco, onde tamén se propuxeron moratorias e medidas de control. Greenpeace España publicou un informe titulado “O eucalipto: un elefante na habitación do sector forestal”, onde analiza os riscos da “eucaliptización” en territorios de alto valor ecolóxico e alerta sobre a tendencia a converter a xestión forestal nun monocultivo económico orientado á produción de celulosa.

A falta de información pública e a ausencia de planificación forestal adecuada xeraron un clima de incerteza e desconfianza entre a cidadanía e as entidades implicadas na xestión do territorio. Galicia Ambiental insta á Xunta a garantir a transparencia na xestión do Inventario Forestal Continuo e a prorrogar a moratoria, polo menos, ata que se dispoña de datos actualizados e se establezan criterios técnicos claros para a regulación do eucalipto. A organización considera que só cunha planificación forestal baseada en datos precisos e na participación de todos os actores implicados se poderá garantir a sustentabilidade do medio rural galego e a protección da súa biodiversidade.

A prórroga da moratoria e a mellora da transparencia na xestión forestal son demandas compartidas por diversas entidades e colectivos, que consideran urxente adoptar medidas efectivas para frear a expansión do eucalipto e promover unha xestión forestal sostible e respectuosa co medio ambiente. Para os expertos, a solución non pasa só por prorrogar a moratoria, senón por adoptar un enfoque integral de xestión forestal que combine planificación técnica, control efectivo, participación cidadá e respecto pola biodiversidade.

O final da moratoria achega e a falta de datos recentes xera incerteza sobre a continuidade das restricións. A publicación de información completa, a definición de criterios técnicos e a implicación de todos os actores serán determinantes para garantir que Galicia manteña un equilibrio sostible entre a produción forestal e a conservación dos seus ecosistemas e patrimonio natural.

A xestión do eucalipto en Galicia enfrontase a un momento crítico, a transparencia, a planificación e a coordinación entre administración, profesionais forestais e organizacións ecoloxistas serán clave para asegurar que a expansión do eucalipto non comprometa a biodiversidade nin o futuro do medio rural galego.

Comparte esta noticia