Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Galicia Ambiental analiza coa Comunidade de Montes de Deira-Pedroso actuacións contra a herba da Pampa en Boiro

No día Mundial do Medio Ambiente a asociación impartiu ademais unha charla sobre invasoras


Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, a asociación Galicia Ambiental mantivo unha reunión coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Deira-Pedroso, na parroquia de Cespón, no municipio de Boiro, para abordar a crecente preocupación pola expansión da herba da Pampa (Cortaderia selloana) nos terreos forestais da súa titularidade. A pesar da xestión forestal desenvolvida ao longo dos anos, a especie invasora está a colonizar diferentes zonas do monte comunal debido á chegada constante de sementes procedentes da contorna da autoestrada AG-11 ao seu paso por Cespón. Esta dispersión está a favorecer a aparición de decenas de novos exemplares en áreas forestais da comunidade, xerando unha ameaza cada vez maior para a biodiversidade da zona e para os esforzos de conservación e posta en valor do monte realizados nos últimos anos.

Un dos principais focos identificados localízase nunha parcela dunhas catro hectáreas que foi utilizada durante a construción da AG-11 como zona de apoio para maquinaria, silos e acopio de equipos auxiliares das obras. Tras a finalización dos traballos executouse unha actuación de restauración ambiental na que se plantaron especies autóctonas, pero sen retirar completamente os restos de cemento e asfalto existentes nin as terras contaminadas con sementes da especie invasora. Esta situación favoreceu o desenvolvemento de centenares de exemplares de herba da Pampa, convertendo a parcela nun importante foco emisor de sementes. A partir deste punto, a especie foi colonizando progresivamente outras áreas degradadas vinculadas á construción da autoestrada, producindo novos núcleos de expansión con centos de plantas adicionais.

A problemática agrávase debido á presenza de exemplares nas marxes da propia AG-11 en ambos sentidos de circulación. A coincidencia entre os ventos predominantes do outono e o período de maduración das sementes facilita a súa dispersión cara ao monte comunal e a outras áreas da contorna, favorecendo unha expansión cada vez máis acelerada da especie. Galicia Ambiental considera que aínda existe marxe para evitar unha situación irreversible e destaca que a AG-11 non se atopa aínda completamente colonizada pola Cortaderia e que unha actuación rápida e coordinada permitiría evitar unha grave afección á biodiversidade da comarca.

Neste sentido, a entidade fai un chamamento ás comunidades de montes da zona para que, ante a ausencia de actuacións de control suficientemente intensas por parte das administracións competentes, impulsen medidas de vixilancia e eliminación da especie nos seus territorios.

A situación resulta especialmente preocupante no municipio de Boiro, onde se concentra un elevado número de exemplares nun espazo relativamente reducido. Segundo os datos recollidos durante a visita, miles de plantas atópanse presentes na contorna, convertendo a área nun dos principais focos de expansión da especie no conxunto da comarca do Barbanza.

Pola contra, a presenza da herba da Pampa nos municipios da Pobra do Caramiñal e Ribeira é actualmente menor e atópase en fases máis iniciais de colonización. A asociación considera que resulta prioritario actuar nestes concellos para evitar que a situación rexistrada en Boiro se estenda cara ao extremo costeiro da Serra do Barbanza. Nestes municipios a maior parte dos exemplares aparecen de maneira illada, o que permite o seu control con actuacións relativamente sinxelas e de baixo custo, agás nas entradas e saídas da autopista onde hai gran densidade de planta.

Tras a reunión mantida, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Deira-Pedroso trasladará a proposta de colaboración á súa Xunta Reitora para avaliar a súa participación nas actuacións de eliminación previstas e estudar posibles medidas de intervención sobre os focos detectados.


Actividades divulgativas polo Día Mundial do Medio Ambiente

No marco da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, a Asociación Galicia Ambiental desenvolveu hoxe no IES Nº1 de Ribeira a novena xornada desta fase de charlas de sensibilización en centros educativos, enmarcadas no programa europeo LIFE COOP Cortaderia, que se está a desenvolver en diferentes territorios do arco atlántico de Portugal, España e Francia co obxectivo de frear a expansión da herba da Pampa (Cortaderia selloana), unha das especies exóticas invasoras máis preocupantes da fachada atlántica europea.

A actividade contou coa participación de alumnos e alumnas de 4º da ESO, que asistiron a unha sesión formativa centrada na problemática das especies invasoras, os seus impactos sobre a biodiversidade e a importancia da prevención e da detección temperá para evitar a súa expansión. Durante a charla tamén se abordou a situación da herba da Pampa na comarca do Barbanza, unha das zonas galegas con maior risco de colonización, especialmente no extremo occidental da península, onde a presenza da especie continúa avanzando máis aló das actuacións de control desenvolvidas na contorna do Parque Natural das Dunas de Corrubedo.

Con esta iniciativa, Galicia Ambiental continúa achegando ao alumnado a realidade dos retos ambientais actuais, fomentando a concienciación e a implicación da mocidade na conservación dos ecosistemas e na loita contra as especies exóticas invasoras.

Comparte esta noticia