Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Galicia afronta un escenario de crecente preocupación pola seca: 32 concellos permanecen en prealerta e a conca do Miño-Sil activa o nivel amarelo

Galicia entra no mes de agosto cun escenario de crecente preocupación pola evolución da seca, marcado pola diminución dos caudais dos ríos, o descenso das reservas de auga e a falta de precipitacións durante os últimos meses. A situación levou a que, a día 5 de agosto de 2026, un total de 32 concellos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa continúen en situación de prealerta por escaseza moderada de auga, mentres que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) declarou este martes o nivel amarelo por escaseza conxuntural na práctica totalidade da súa demarcación.

Os datos publicados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico reflicten que a demarcación do Miño-Sil, os encoros almacenan actualmente 2.134 hectómetros cúbicos (hm³), o que representa o 70,4 % da súa capacidade máxima, fixada en 3.030 hm³. Trátase dun volume inferior ao rexistrado hai un ano, cando nesta mesma época se acumulaban 2.403 hm³. Pola súa banda, a demarcación Galicia-Costa conta con 425 hm³, o equivalente ao 62,1 % da súa capacidade total de 684 hm³. Neste caso, o dato é lixeiramente superior ao do pasado ano, cando os encoros almacenaban arredor de 400 hm³.

A reserva hídrica española continúa diminuíndo, na última semana perdeu 969 hectómetros cúbicos de auga, situándose no 69,6 % da súa capacidade total, con 39.016 hm³ almacenados nos encoros do país. En Galicia, aínda que as cifras seguen situándose por riba do 60 % da capacidade total, a evolución das últimas semanas confirma unha tendencia descendente que mantén en alerta ás administracións responsables da xestión da auga.


Trinta e dous concellos continúan en prealerta en Galicia-Costa

A Oficina Técnica da Seca de Augas de Galicia mantén activado o escenario de prealerta en 32 municipios, principalmente nas comarcas de Pontevedra e Bergantiños, debido á diminución dos caudais e á evolución desfavorable das precipitacións.

Na conca do río Lérez permanecen nesta situación os concellos de Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa. Na conca do Anllóns continúan afectados Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas.

Ademais, o sistema de abastecemento de Baiona permanece en seguimento especial, debido á evolución dos seus indicadores hidrolóxicos, aínda que polo momento non foi declarado oficialmente en prealerta. A declaración deste escenario implica un reforzo do seguimento da situación hidrolóxica e a recomendación aos concellos para que adopten medidas preventivas orientadas ao aforro de auga antes de que poidan producirse problemas de abastecemento.

O Miño-Sil en nivel amarelo

Á situación de Galicia-Costa súmase agora a decisión da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) de activar o nivel amarelo por escaseza conxuntural en practicamente toda a súa demarcación. O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, convocou este martes a Oficina Técnica de la Sequía (OTS) despois de comprobar que os caudais dos ríos se atopan aproximadamente un 45 % por debaixo dos valores habituais para o mes de xullo, unha circunstancia provocada pola escaseza de precipitacións durante os últimos cinco meses.

A activación do nivel amarelo non supón restricións xerais ao consumo, pero si implica intensificar a vixilancia dos recursos dispoñibles, reforzar o control das infraestruturas de abastecemento e solicitar aos concellos que adopten medidas preventivas para reducir consumos innecesarios. Entre as recomendacións trasladadas pola Confederación figuran evitar o baldeo de rúas, limitar o rego de parques, xardíns e instalacións deportivas, reducir os consumos non esenciais e promover campañas de sensibilización cidadá para favorecer un uso responsable da auga.

Un ano hidrolóxico moi irregular

Segundo explicou o organismo, desde que rematou o tren de borrascas a finais de febreiro apenas se rexistraron precipitacións significativas. Entre marzo e xullo acumuláronse arredor de 180 litros por metro cadrado menos do habitual, o que representa un 49 % menos respecto da media dese período. A maior parte desa choiva concentrouse entre os meses de novembro e febreiro, mentres que outubro, marzo, abril, xuño e xullo foron meses especialmente secos, provocando unha rápida diminución dos caudais durante a primavera e o verán.

Precisamente esta distribución irregular das precipitacións explica que, malia existir aínda reservas importantes nos encoros, numerosos ríos presenten valores inferiores aos habituais e sexa necesario activar mecanismos de prevención antes de que a situación poida agravarse. Esta situación levou á declaración do escenario de prealerta nos sistemas do Miño Alto, Cabe, Sil Inferior, Baixo Miño e Limia, quedando unicamente fóra desta medida o Sil Superior.

Chamamento á responsabilidade

Tanto Augas de Galicia como a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil coinciden en que o escenario actual non é alarmante, pero require unha especial atención para evitar que a situación evolucione cara a fases máis severas da seca. Por este motivo, ambas administracións insisten na importancia de anticiparse mediante medidas de aforro, unha xestión eficiente dos recursos hídricos e un consumo responsable por parte da cidadanía.

Desde a CHMS lembran que xa a comezos de xullo remitiron unha comunicación aos concellos da demarcación instándoos a preparar actuacións preventivas e que, durante a segunda quincena dese mes, puxeron en marcha unha campaña de sensibilización sobre o uso racional da auga a través dos medios de comunicación, redes sociais, marquesiñas e autobuses.

Comparte esta noticia