Galicia acumula máis de 8.000 hectáreas queimadas no que vai de agosto
A comunidade galega rexistra máis de 8.000 hectáreas queimadas no que vai de mes de agosto. Neste sentido, a Consellería de Medio Rural ven de informar (con datos das 13:30 horas de hoxe) da situación dos incendios forestais en Galicia, sendo Lugo e Ourense os dous focos principais de lume. En canto á provincia lucense, hai un incendio activo dende as 22:39 horas de onte no concello de Pantón, cuxo inicio foi na parroquia de Frontón. Neste incendio, cuxa superficie queimada ascende a 25 hectáreas, traballan actualmente 2 técnicos, 8 axentes, 28 brigadas, 16 motobombas, 2 pas e 7 helicópteros. Segundo os últimos datos de Medio Rural, este lume “evoluciona favorablemente cara a súa estabilización”. Por outra banda, hai un incendio controlado ás 11:26 horas desta mañá no concello de Ribas de Sil, sendo Torbeo a súa parroquia de inicio. Neste lume, cuxa superficie quemada é de 40 hectáreas, traballan 30 axentes, 54 brigadas, 29 motobombas, 2 pas, 4 avións e 11 helicópteros.
No que respecta á provincia de Ourense, Medio Rural indica que hai dous incendios estabilizados e un controlado. O incendio do concello de Laza deuse por estabilizado onte, que despoios de unirse co de Chandrexa da Queixa saldouse cunha superficie arrasada dunhas 2.100 hectáreas estimadas. Ademais, no concello de Oímbra hai outro incendio estabilizado que comezou na parroquia de As Chás e que leva queimadas 70 hectáreas. Pola súa parte, no concello de Riós hai un incendio controlado ás 13:29 horas deste mediodía que arrasou ata o momento con 103 hectáreas. Ademais, ás 11,30 horas desta mañá, foi extinguido o incendio de Castrelo do Val. Segundo a Xunta, o lume iniciouse en varios focos, “o que todo apunta a que foi intencionado” e calcinou 173 hectáreas (78,95 ha arboradas e 94,24 ha de monte raso).
Entre os demais incendios extinguidos no que vai de agosto atópase o de Boiro, na comarca do Barbanza. As hectáreas arrasadas ascenden a 2.200, sendo o maior dos incendios rexistrados ata agora no mes de agosto en canto á superficie afectada. Este lume provocou a activación da alerta por proximidade a vivendas, queimando o Monte de A Curota e extendéndose a A Pobra e Ribeira. Ademais, tamén foron extinguidos os incendios de Verín (600 hectáreas), Caldas de Reis (450 hectáreas), Ponte Caldelas (380 hectáreas), A Mezquita (224 hectáreas) e Maceda (120 hectáreas). Outro lume significativo foi o Monfero (A Coruña), na parroquia de Queixeiro, pois puxo en risco a reserva natural das Fragas do Eume, malia ser apagado despois de queimar unicamente 0,01 hectáreas de monte arbolado.
Máis de 42.000 hectáreas queimadas no último mes
O lume arrasou en Galicia durante o mes de xullo máis de 42.000 hectáreas na comunidade. Neste sentido, o 14 de xullo producíronse tormentas nas que os raios provocaron medio centenar de incendios, momento no que comezaron a ter lugar os dous maiores incendios na historia de Galicia (dende que hai rexistros): O Courel, en Lugo (11.100 hectáreas) e Valdeorras, en Ourense (10.500 hectáreas). Outro dos grandes incendios deste último mes foi o do municipio ourensán de Vilariño de Conso, na parroquia de Padroalbar, calcinando 7.000 hectáreas, seguido do incendio en Oímbra (Ourense), na parroquia de Rabal, con 2.100 hectáreas queimadas.
A Consellería de Medio Rural segue a lembrar que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, tamén informa da existencia dun teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Ademais, Medio Rural indica que toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de Twitter: @incendios085.