“Eólica Así Non!” reprograma para o 9 de febreiro as mobilizacións contra o modelo de “espolio enerxético” suspendidas polo temporal
A Coordinadora “Eólica Así Non!” traslada para este domingo, 9 de febreiro, as mobilizacións contra o “modelo de espolio enerxético” suspendidas o 26 de xaneiro polo temporal. Levaranse a cabo tal e como estaban previstas en Pontevedra, Lugo, Cartelle, Val do Dubra, Ortigueira, Sarria, Campo Lameiro, Morrazo e Mazaricos.
A coordinadora realiza unha nova convocatoria á sociedade contra o modelo enerxético que impulsa a Xunta de Galicia, por ser "un modelo que non ten en conta os intereses da poboación e ten como principal obxectivo beneficiar o capital, á costa de xerar graves impactos ambientais e expulsar ás comunidades de afectados/as e a cidadanía en xeral da toma de decisións".
Ademais, denuncia as recentes reformas legais da Xunta de Galicia, cuxo propósito é "dificultar que a poboación se poida defender diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio", utilizando fondos públicos para exercer "violencia institucional" contra as comunidades veciñas prexudicadas. Comunidades que sofren un "acoso administrativo constante" mediante "a sobresaturación de proxectos, do desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social".
As mobilizacións seguirán a axenda marcada na data cancelada, de tal modo que desenvolveranse en Cartelle ás 12h na Alameda, en Val do Dubra ás 12h diante do Concello de Bembibre, en Morrazo tamén ás 12h diante do Concello de Marín, en Pontevedra ás 13h na Praza da Peregrina, en Sarria ás 12h no Cruce de Catro Camiños coa rúa da Liberdade e en Lugo ás 12h diante do Concello de Lugo, saíndo en manifestación ata o Multiusos da Xunta.
Así mesmo, se levarán a cabo varias andainas, unha en Mazaricos ás 12h saíndo desde o Alto da Ruña ata o Castelo de Bradufe, en Ortigueira ás 11h saíndo do Bar A Rodela ata Pena Ouseira, e en Campo Lameiro ás 16h saíndo desde a Escola de Couso.