Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Entra en vigor o Decreto polo que se regula o aproveitamento forestal nos montes galegos

Esta mesma semana entraba en vigor, o 9 de xuño, o Decreto polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, pastos, micolóxicos e de resinas en montes e terreos forestais de xestión privada da comunidade galega.

O decreto concreta as regras sobre as autorizacións e declaracións responsables de cortas de madeira, precisando que procedemento hai que seguir en cada caso. Tamén estipula as condicións para aproveitamentos de cortiza, pastos, cogomelos e resinas, así como na normativa especifícase que todos os procedementos tramitaránse por sede electrónica.

Amais no novo decreto regúlase por primeira vez o aproveitamento de resina así como tamén as accións de formación e investigación neste ámbito.

Tramitacións

Naqueles aproveitamentos forestais que esixan dunha autorización, as solicitudes serán tramitadas pola Xunta a modo de autorización única (xanela única), de xeito que para valorar as actuacións suxeitas a lexislacións sectoriais (Patrimonio, Augas de Galicia, etc.), Medio Rural dirixirase internamente ós organismos competentes.

No procedemento de xanela única, non se inclúen as autorizacións que correspondan a outras Administracións, como pode ser o caso das correspondentes á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que depende do Goberno estatal.

Coa nova norma consolídase a declaración responsable como réxime de intervención administrativa principal, un trámite que habilita para realizar o aproveitamento desde o mesmo momento da súa presentación. A maiores, coa publicación deste decreto desenvólvese regulamentariamente dita tramitación mediante declaración responsable de aproveitamentos antes suxeitos a autorización administrativa, ao abeiro da aprobación de pregos coas condicións sectoriais polas consellerías competentes.

O decreto establece tamén que aqueles axentes que se fornezan exclusivamente con madeira dos montes galegos entenderase que dispoñen dun sistema de dilixencia debida. Estes sistemas son esixidos en toda Europa para impedir a comercialización de madeira de orixe ilegal.

Información xeolocalizada, con erros, para a simplificación administrativa

Unha das bases na que se apoia o decreto para a consecución desa simplificación administrativa das cortas é a información xeolocalizada que elaboraron as distintas consellerías, din, que para facilitar que se coñeza cando os montes ou terreos forestais forman parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou cando están afectados por algunha lexislación de protección do dominio público.

Con todo asociacións como ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) ou Mariña Patrimonio, alertaron xa o pasado 15 de maio, que os datos que ofrece este visor dixital sobre a información de patrimonio cultural conta con numerosos “erros de xeolocalización e delimitación”, e deixa parte do espazo de protección de xacementos arqueolóxicos ao desamparo. As entidades explican que hay fallos nesta ferramenta dixital na localización de castros e mámoas, unhas deficiencias que poden pór en perigo elementos arqueolóxicos que teñen que ser protexidos mentras se traballe nos montes.

Casos como o de Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz), na que só se marca un terzo do total da zona protexida, O Curveiro-Nois (Foz) ou Meirengos, en Ribadeo, nos que a zona protexida queda case fóra da delimitación oficial plasmada no visor digital. Estes tan só son uns poucos exemplos dos elementos patrimoniais e arqueolóxicos, amparados pola Lei de Patrimonio de Galicia, que quedarían fóra de protección e dificulta a preservación dos seus valores culturais, naturais e paisaxísticos.

Comparte esta noticia