Endesa certifica o peche da central de As Pontes pola súa inviabilidade “ambiental, técnica e económica”
Este é o anuncio que este día realizaba a compañía logo, din, de certificar “a inviabilidade da mestura de biocombustible e carbón” que estivo probando na súa central térmica de As Pontes, e o que impediría “seguir prolongando a vida da instalación por cuestións ambientais, técnicas e económicas”. Deste xeito, Endesa mantén o proceso de peche que xa iniciara en decembro de 2019 e activa o seu Plan Futur-e, co que “pretenden” buscar «proxectos empresariais que se implantarán na localidade» e que «promoverían o desenvolvemento de actividades económicas e de xeración de emprego», engaden dende a compañía.
Os acontecementos previos
A compañía anuncia no mes de setembro de 2019 a aceleración final da queima de carbón, e puxo naquel intre como data límite de funcionamento o ano 2022. Con todo, a finais de decembro dese mesmo ano Endesa (27 de decembro de 2019), iniciaba o proceso de peche das instalacións de As Pontes e Carboneras (Almería), motivado decían pola «profunda modificación das condicións de mercado -rexistro dun incremento “notable” no prezo dos dereitos de CO2 e unha caída “significativa” do prezo do gas -, que explicaban «levou a estas centrais a sufrir unha importante falta de competitividade na cobertura da demanda de mercado, e que polo tanto acentuouse a súa exclusión do mesmo». Xa nese momento Endesa deixaba caer que “analizaran” alternativas de funcionamento das plantas a través do uso de biomasa que non deran un resultado satisfactorio, «tanto dende un punto de vista técnico e medioambiental, como económico», argumentaban e escudábanse así, nestas razóns, para calificar estas alternativas como «inviables para a súa execución».
Pero atención, anunciaban o peche pero tamén que tiñan cabida excepcións por dúas vías: se os resultados das probas adicionais ás alternativas fosen satisfactorias para a empresa (que como vemos agora non teñen o seu visto bo) e mudar os Megavatios (MW) térmicos por MW eólicos e solares.
Engadía o comunicado (con cheiro a “algo” de #Greenwashing), que «a solicitude é plenamente coherente co obxectivo de conseguir un sistema enerxético totalmente descarbonizado no ano 2050, compromiso compartido e apoiado pola compañía», e amais, en paralelo, presentaba o seu Plan Futur-e que incluía inversións en enerxía renovables (en As Pontes sería substituír 1.468 MW térmicos por 1.505 MW de renovables en Galicia entre 2020 e 2026) e buscar proxectos empresariais que se implantarían na localidade.
Peche de As Pontes por inviabilidade das alternativas
Unha desas alternativas, que segundo a compañía ven probando na central de As Pontes dende o mes de decembro de 2019, era a mestura de biocombustibles (lodos e biomasa) con carbón en “distintas proporcións que deron resultados negativos”. Explican que estas análises realizáronse baixo a supervisión do Ministerio de Transición Ecolóxica, o concello de As Pontes e a Xunta de Galicia, ésta última mostrou de seguido a súa disconformidade pois acusa a Endesa de «incumplir o seu compromiso de analizar alternativas para continuar coa actividade». Apunta o goberno galego que a eléctrica presenta esa intención de peche “antes incluso de presentar o informe coas conclusións das probas de biocombustibles” aos membros do grupo técnico anteriormente citado (segundo a empresa coñecedores estes do informe final dende o día de onte) . Amais engade a Xunta que os últimos resultados que a compañía presentara, apuntaban a que a planta podería ser viable, polo que entenden que Endesa está a mirar tan só “resultados cortoplacistas”.
Resultados do informe da compañía
Cruce de declaracións á marxe, segundo ese informe final, que a compañía eléctrica presenta, as probas «poñen de manifesto graves inconvenientes de carácter ambiental»:
Emisións de mercurio en valores próximos aos límites permitidos resultantes da combustión da mestura de carbón e lodos.
Incremento da produción de cinsas, entre un 187 % e un 276 %: “nha tonelada de cinsas por cada tres ou catro toneladas de CO2 evitadas”.
Acumulación cada ano de 000 e 106.000 toneladas dun “subproduto que non se admitiría en vertedoiros de residuos non perigosos, por superar os valores límite de selenio, sulfatos e carbono orgánico disolto, cun elevado incremento de metais e metaloides xenerados na combustión”.
Isto no tocante ao ambiental, pero Endesa tamén fai fincapé que a inviabilidade da planta amais ven motivada por deficiencias técnicas: «a perda de potencia de cada grupo, que dos 350 MW actuais baixaría a 245/260 MW, con bruscas e repentinas oscilacións de carga de ata 35 MW»; e como non económicas: «o MWh producido custaría arredor de 65 euros, uns 15 euros (30 %) máis caro», así como «o elevado investimento para a adaptación da instalación e dos custes fixos» (destrucción estimada ascendería aos 625 millóns de euros en dez anos).
Ante esta inviabilidade “ambiental, técnica e económica” a empresa pon en marcha o proceso de peche da instalación de As Pontes pero din garantir emprego para os seus traballadores en tarefas de desmantelamento da mesma, e coa activación do seu “prometedor” Plan Futur-e para a localidade.
*Apunte a ter en conta: se en decembro de 2019 a compañía eléctrica deixaba caer o seu interese pola inversión en enerxía solar e que contaba daquela xa en Galicia con 250 MW de conexión confirmada, agora acredita que, e citamos textualmente, «Endesa ten autorizada, como parte do Plan Futur-e para As Pontes, a conexión á rede en Galicia de 1.493 MW eólicos, cuxa construción creará 1.250 empregos directos durante seis anos»