Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Ecoloxistas en Acción informa sobre as deficiencias en 19 depuradoras galegas

Ecoloxistas en Acción ven de publicar este luns o seu Informe EDARs Galicia 2020, no que sinala que 19 depuradoras dun total de 159 que hai en Galicia (o 11,9%) presentaron algún tipo de deficiencia ao longo do pasado ano.  Entre as incumpridoras, sinálase ás estacións de Cee-Corcubión, Arcade (Soutomaior), Camboa (Soutomaior) Touro, Burela, Foz, Pontecaldelas, Praceres (Pontevedra), Botos (Lalín), Río Lea (Castro de Rei) e Maceda. As análises do indicador DBO5 (demanda de osíxeno por parte dos seres vivos) indican que 18 EDAR galegas rexistraron “non conformidades” en 2020. Segundo a confederación, o caso máis grave é a EDAR de Castro de Rei, seguida de Foz e de Pontecaldelas. Pola súa parte, con respecto ás mostras de DQO (demanda química de osíxeno), hai 19 EDAR galegas que tamén rexistraron “non conformidades”, sendo o caso máis grave Praceres, seguido de Muxía e Río Lea. En palabras de Ecoloxistas en Acción, a depuradora Praceres (Pontevedra) é a “máis problemática de todo o territorio galego”, debido aos seus “incumprimentos constantes”. Concretamente, acumulou en 2020 un total de 22 incumprimentos en DBO5, 15 en DQO e niveis medios de nitróxeno total (Nt) e fósforo total (Pt) «moi por enriba do límite».

 

No caso de Lalín, esta mesma fin de semana o Deza sufriu un espectacular vertido de elementos orgánicos en principio, que xeraron unha densa capa de espuma durante quilómetros. Os inspectores ambientais da Xunta xa apuntaron á depuradora de Botos como responsable. Neste sentido, a organización política do ex alcalde Rafael Cuiña, Compromiso por Lalín, sinala a depuradora de Botos como unha das máis deficientes de toda Galicia. A organización lalinense lembra varios incidentes desta depuradora xa en 2005 e en 2008, ou o pago dunha multa en 2020 de 5.000 euros por unha denuncia de 2018. A organización pedirá informe ao técnico de Medioambiente do Concello de Lalín sobre a situación das depuradoras, e no Pleno, “xa anunciamos que levaremos unha moción esixindo que se fagan de xeito urxente en Prado, Botos e Vilatuxe”.

 

Malas prácticas de poucos que pagamos todos

 

A nivel europeo, existen na UE case 3 millóns de emprazamentos potencialmente contaminados, principalmente pola actividade industrial e o tratamento e a eliminación de residuos. Seis de cada dez masas de auga superficial non se atopan nun bo estado químico e ecolóxico, o que supón uns custos importantes para os cidadáns da UE. Segundo o Tribunal de Contas Europeo, os contaminadores deben pagar os danos ambientais que causan. Porén, os contribuíntes europeos son obrigados con demasiada frecuencia a sufragar os costes que deberían pagar os responsables. A miúdo, a contaminación dos emprazamentos produciuse fai tanto tempo que “os causantes xa non existen, ou non é posible identificalos ou imputarlles a responsabilidade”. Esta é unha das razóns polas que a UE tivo que financiar proxectos de recuperación que deberían ter pagado os contaminadores. Así, o Tribunal de Contas publica o Informe Especial 12/2021 «Principio de “quen contamina paga«: Aplicación incoherente entre as políticas e accións medioambientais da UE», primeira vez na que se examina específicamente este principio.

Comparte esta noticia