Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Ecoloxistas en Acción denuncia o modelo agroindustrial galego

A Federación galega de Ecoloxistas en Acción denuncia o modelo agroindustrial galego, xa que “só beneficia a unhas poucas grandes empresas”. Neste sentido, a organización sinalou, a mediados deste ano, un proxecto dunha explotación industrial de porcos en Silleda (Pontevedra) por bordear a ilegalidade ao declarar unha capacidade de 1.999 animais para eludir o Estudo de Impacto Ambiental (EIA), que é obrigatorio a partir dos 2.000 animais. Estas prácticas son habituais para evitar os estudos de avaliación ambiental “sen que a administración poña remedio”. Por outra banda, esta explotación está ubicada ao lado dun núcleo de vivendas unifamiliares, o que provocou as protestas das familias veciñas. Ecoloxistas en Acción denunciou tamén que a propia Xunta de Galicia subvenciona estas instalacións industriais (con máis de 100.000 euros no caso deste proxecto de Silleda).

Ecoloxistas en Acción colaborou co vecindario de Silleda para que este caso tivese unha gran repercusión, tanto mediática como social. Isto incomodou á propietaria da explotación, Fertaportc S.C., quen presentou unha demanda xudicial por 3.000 euros contra Ecoloxistas en Acción. Para a organización ecoloxista, a demanda é “totalmente infundada” e soamente “pretende intimidar a activistas e vecindario para silenciar as protestas contra a gandería industrial e este proxecto en concreto”.

Este tipo de casos, onde as empresas cárnicas demandan a movementos ecoloxistas e veciñais, está sendo cada vez máis frecuente. Por exemplo, en Ourense, o grupo Coren interpuxo hai case dous anos unha demanda contra un veciño de A Limia por denunciar publicamente as súas actividades. Neste sentido, Ecoloxistas en Acción propón un modelo de gandería extensiva con base agroecolóxica “que cree emprego digno, protexa a biodiversidade e preveña incendios, proporcionando alimentos de calidade”.

Comparte esta noticia