Ecoloxistas en Acción cuestiona a proposta da Xunta para crear a oitava Reserva da Biosfera de Galicia e reclama a súa reformulación
Ecoloxistas en Acción presentou alegacións contra o proxecto da Xunta para crear unha nova Reserva da Biosfera na franxa litoral comprendida entre Fisterra e Baiona. A organización considera que a proposta, que combina unha extensa superficie mariña con apenas catro municipios na parte terrestre, carece de coherencia territorial e presenta importantes deficiencias na planificación e na protección dos espazos naturais. Por iso, reclama que o proxecto se reformule integramente antes de continuar coa súa tramitación.
Un dos principais motivos de desacordo é a configuración territorial da proposta, que consideran artificial e carente dunha lóxica coherente. O ámbito previsto incorpora case 124.000 hectáreas de augas marítimas interiores entre Fisterra e Baiona, pero a superficie terrestre queda limitada unicamente aos termos municipais do Porto do Son, Ribeira, A Illa de Arousa e O Grove. Unha selección que, segundo a entidade ecoloxista, non responde a ningún criterio territorial ou ambiental suficientemente xustificado e que deixa fóra a inmensa maioría dos concellos da costa galega.
Para Ecoloxistas en Acción, esta falta de coherencia tamén se reflicte na propia denominación escollida pola Administración autonómica. A organización lembra que a UNESCO recomenda empregar nomes xeográficos, descritivos ou simbólicos que permitan xerar identidade e vinculación co territorio. Por iso, cuestiona que se recorra á fórmula xenérica «Oitava Reserva de Biosfera de Galicia», que considera pouco representativa da realidade dos espazos e comunidades que integrarían o proxecto.
A entidade entende que a proposta, tal e como está formulada, non reúne as condicións necesarias para superar a avaliación da UNESCO. «Carece de calquera posibilidade de ser aceptada», sostén, e reclama que se reformule integramente tomando como punto de partida a realidade ambiental, social e territorial dos lugares implicados.
Un plan de xestión sen obxectivos concretos nin financiamento
As críticas da organización non se limitan á delimitación xeográfica. Outro dos aspectos que centran as alegacións é a falta de contido operativo do plan de xestión, que cualifican de «totalmente xenérico». Segundo denuncian, o documento non establece obxectivos cuantificables, non identifica con precisión os enclaves nos que se desenvolverían as actuacións e mesmo incorpora accións idénticas que aparecen duplicadas por erro.
A isto súmase a ausencia de previsións económicas. A proposta non concreta unha dotación orzamentaria anual, non inclúe unha estimación dos custos asociados ás medidas previstas nin identifica fontes de financiamento comprometidas que permitan garantir a súa execución.
Esta falta de planificación económica e técnica leva a Ecoloxistas en Acción a cuestionar a propia finalidade da iniciativa. «A ausencia de cifras para o financiamento e o copy-paste do plan de xestión fainos pensar que a declaración sexa puramente simbólica», conclúe a organización.
Ao seu xuízo, unha figura de protección destas características non pode quedar reducida a unha declaración administrativa ou a un recoñecemento sobre o papel, sen medidas concretas, recursos económicos e mecanismos que permitan avaliar os resultados das actuacións de conservación.
A proposta rebaixa a protección de espazos de alto valor ecolóxico
Un dos aspectos que a organización considera máis preocupantes é a relación entre esta iniciativa e a protección ambiental que xa existe no territorio. Ecoloxistas en Acción lembra que a Xunta mantén sen desenvolver a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 presentada en 2008, que contemplaba precisamente a incorporación de novos espazos terrestres e marítimos na zona que agora se pretende incluír na Reserva da Biosfera.
Entre as actuacións previstas naquela proposta figuraban a ampliación das Zonas Especiais de Conservación (ZEC) Carnota-Monte Pindo e Monte e Lagoa de Louro, así como a creación de novos espazos protexidos, como a Serra do Barbanza e a Devesa de Chacín.
A organización denuncia que a actual proposta de Reserva da Biosfera deixa fóra parte destes ámbitos terrestres que xa foran identificados pola súa relevancia ambiental e, ademais, pretende incorporar o conxunto do territorio a través dunha figura que consideran de menor nivel de protección que o que podería supoñer a ampliación da Rede Natura 2000.
As alegacións tamén identifican, segundo a análise técnica realizada pola entidade, importantes incongruencias na zonificación establecida nos mapas do proxecto. En concreto, alertan de que espazos incluídos na Rede Natura 2000 e de elevado valor ecolóxico non aparecen catalogados como zonas núcleo, que son as áreas que deben concentrar o maior nivel de protección dentro dunha Reserva da Biosfera.
É o caso das ZEC de Cabo Udra e da Enseada de San Simón, así como dos sistemas fluviais do Ulla-Deza, o Tambre e A Ramallosa. Estes espazos quedarían relegados a zonas de amortecemento ou tampón, unha categoría con funcións diferentes e menor intensidade de protección.
A organización ecoloxista considera que esta distribución carece dunha xustificación ecolóxica clara e cuestiona que se releguen a unha categoría secundaria espazos que reúnen valores naturais relevantes. A mesma problemática, segundo sinala, afecta a áreas incluídas na propia Estratexia Galega da Infraestrutura Verde.
Reclaman unha nova proposta consensuada co territorio
Ante o conxunto de deficiencias detectadas, Ecoloxistas en Acción considera que o expediente sometido actualmente a información pública está lonxe de cumprir os estándares mínimos esixibles para unha iniciativa destas características.
A organización reclama á Xunta que abandone a formulación actual e emprenda unha reformulación profunda do proxecto, que teña en conta os valores ambientais e a realidade territorial dos municipios afectados, así como a participación dos axentes sociais e locais.
Ademais, solicita formalmente que, unha vez introducidos os cambios substanciais necesarios, a Administración autonómica abra un novo período de información pública para que a cidadanía e as entidades interesadas poidan examinar e presentar alegacións sobre o documento reformulado.
O obxectivo, defende a organización, debería ser construír unha proposta coherente, tecnicamente fundamentada e dotada de recursos suficientes, que contribúa efectivamente á conservación da biodiversidade e non se limite a engadir unha nova denominación ao mapa de figuras de protección ambiental de Galicia.