Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Dúas denuncias contra a mina de Touro – O Pino trasladadas ao xulgado

As informacións e datos presentados polos colectivos opostos ao proxecto mineiro de Touro – O Pino, xa deron os seus froitos. Segundo declaracións do Fiscal delegado de Medio Ambiente e Incendios, Álvaro García Ortiz, dúas denuncias contra Explotaciones Gallegas SL e Tratamientos Ecológicos del Noroeste SL (TEN) xa foron trasladadas ao xulgado.

Unhas das denuncias presentadas pola Fiscalía no xulgado de Arzúa, fai alusión a varias verteduras da balsa de Bama ao río Brandelos, afluente do Ulla. Ademais, nesta mesma acusación presentada fáise referencia tamén ao depósito de contaminantes que proveñen desta antiga corta mineira. A outra denuncia tipifica como presuntos delictos contra o medio ambiente as verteduras contaminantes da balsa de Angumil ao dominio público.

Dende ADEGA, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, indican que o Fiscal Delegado de Medio Ambiente confirma amais, que teñen abertas outras dúas dilixencias de investigación penal relacionadas coa contaminación provocada pola mina de Touro – O Pino. Indican que o ministerio público está investigando o tratamento de augas que proveñen da antiga corta de Arinteiro e a “aplicación de tecnosolos nas cabeceiras dos ríos, así como o proxecto de drenaxe temporal da mina para verter as augas dos regatos contaminados da balsa da antiga corta de Vieiro”.

Engaden que a Fiscalía “considerou ben fundamentadas as numerosas denuncias presentadas polos colectivos opostos á reapertura da mina”. Tamén valorou que as novas explotacións proxectadas “non axudarán a resolver o problema da contaminación da zona”. Explican que para o Fiscal, a anterior explotación carecía dun plan de restauración serio, e que “quen desenvolva un novo proxecto deberá encargarse de que o espazo sexa convintemente recuperado”.

Piden depuración de responsabilidades

ADEGA e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) explican que a contaminación provocada pola actividade da mina de Touro e O Pino deron lugar a responsabilidades penais e que precisan ser depuradas da man da Xustiza. Unhas responsabilidades, que entenden nas dúas entidades, que non atinxen só as empresas titulares da explotación e que operan na zona, “senón que tamén ás administracións que coñecendo a grave contaminación provocada pola antiga mina, fixeron a vista gorda durante anos”.

Amais dende ADEGA, expresan a súa concordancia coas valoracións da Fiscalía, que entenden que “o novo proxecto non axudará a resolver a contaminación, senón que todo o contrario”. De aí que ADEGA e PDRA esíxenlle á Xunta de Galicia “que non demore máis a decisión de desbotar definitivamente o proxecto” e piden que os titulares da concesión sexan obrigados a restaurar tódolos terreos degradados e solucionar a contaminación das augas.

Din que de facer o contrario, autorizar unha nova explotación para solucionar os graves problemas ocasionados pola anterior, aumentará o territorio e a poboación afectada, e por suposto, conlevará “a novas responsabilidades penais”.

Comparte esta noticia