Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Día Mundial do Medio Ambiente: os retos ecolóxicos de Galicia

O 5 de xuño non é un día calquera no calendario, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, que en Galicia presenta claroscuros nos que a falta de garantías ambientais en proxectos industriais se sitúan á cabeza da problemática... como demostra a forte oposición a proxectos coma Altri ou a suspensión cautelar de parques eólicos. A comunidade galega enfróntase a unha serie de retos ambientais que poñen en xaque o seu modelo de desenvolvemento. Mentres organismos internacionais chaman a frear a contaminación e protexer a biodiversidade, no territorio galego acumúlanse conflitos ambientais de gran calado que afectan tanto á súa paisaxe como ao seu modelo de desenvolvemento. Dende a polémica fábrica de celulosa de Altri en Palas de Rei ata os proxectos de hidróxeno, xunto con problemas históricos coma a depuración deficiente de augas, a expansión de monocultivos forestais e vitivinícolas, a insuficiente xestión de residuos ou a inexistencia de programas de control de especies invasoras. A comunidade vive unha crise ecolóxica considerable. Máis aló das promesas de sustentabilidade, xorden dúbidas sobre o verdadeiro impacto destas iniciativas no territorio, a biodiversidade e a calidade de vida.

Un dos conflitos máis recentes e controvertidos é o proxecto da fábrica de celulosa de Altri en Palas de Rei, na provincia de Lugo. Presentado como unha aposta pola economía circular e a innovación verde, este levantou unha forte oposición social e ambiental. Actualmente, Altri non dispón aínda da Autorización Ambiental Integrada (AAII), onde se estipulan cuestións como os valores e niveis de emisións á auga e ao aire ou, por exemplo, os controis que se deberán realizar periodicamente. Ademais, a empresa está á espera de ver se dende o Goberno central proporciónanlles o 25% de axudas europeas para poder levar a cabo o proxecto, como reclaman. Diversas plataformas veciñais, colectivos ecoloxistas e parte da comunidade científica teñen sinalado os riscos asociados ao elevado consumo de auga doce, ao uso de produtos químicos e ás emisións contaminantes. Preocupa sobre todo o impacto que podería ter sobre a biodiversidade local e sobre a calidade de vida nunha zona que ata o de agora conservou un perfil rural con baixo nivel de industrialización.

Doutra banda, Galicia foi sinalada como unha das rexións prioritarias para o desenvolvemento do hidróxeno verde, unha tecnoloxía emerxente que aspira a descarbonizar sectores difíciles de electrificar. Sen embargo, a planificación concreta segue sendo difusa e moitos dos proxectos anunciados, como o das Pontes promovido por unha multinacional enerxética, aínda non se materializaron. As críticas céntranse na falta de criterios ecolóxicos claros, no elevado consumo enerxético necesario para a electrólise e na posible presión sobre os recursos hídricos e o uso do solo. Tamén crece a inquietude sobre a instrumentalización do hidróxeno como coartada para prolongar modelos extractivos baixo unha nova retórica de sustentabilidade.

A xestión da auga é outro dos puntos débiles do sistema ambiental galego. A pesar dos importantes recursos hídricos da comunidade, persisten graves deficiencias no tratamento de augas residuais. Varios informes da UE e do propio Estado sinalaron a Galicia polo incumprimento reiterado das normativas europeas en saneamento. En zonas costeiras e en rías con gran valor ecolóxico (como a de Arousa ou a de Ferrol) séguense vertendo augas sen depurar ou insuficientemente tratadas, con consecuencias directas sobre a saúde pública, a biodiversidade mariña e sectores económicos como o mariño.

O modelo forestal é outra fonte de tensión. Galicia é a comunidade autónoma con maior superficie de eucalipto de España, e a expansión deste cultivo continúa a pesar das advertencias sobre o seu efecto na biodiversidade, o ciclo hídrico e o risco de incendios. A combinación de monocultivos forestais, principalmente de eucalipto e piñeiro, e a ausencia dunha ordenación forestal eficaz que levou a que aumenten os cultivos ilegais de eucalipto para comercializalo, converteu a paisaxe galega nun mosaico cada vez máis homoxéneo, con baixa capacidade ecolóxica e cada vez menos especies autóctonas.

A isto súmase a expansión de monocultivos vitivinícolas en zonas tradicionais como o Ribeiro, Rías Baixas ou a Ribeira Sacra, onde o modelo de intensificación vitícola está a transformar os usos do solo e reducindo a heteroxeneidade da paisaxe agraria. Esta expansión é aceptada socialmente nas zonas de viñedo establecidas, pero non o é tanto nas zonas de nova expansión coma a conca do Ulla, a onde o Consello Regulador das Rías Baixas ampliou a súa “protección” e onde están a xurdir plantacións de gran extensión, de adegas xa existentes noutras zonas de Galicia, que están a alterar os custos do solo e a comprometer outras actividades agrícolas tradicionais. Dende unha perspectiva agroecolóxica, a implantación masiva de viñedo en réxime intensivo expón importantes desafíos fitosanitarios. A elevada presión de enfermidades criptogámicas, como o mildiu ou o oídio, obriga á aplicación frecuente de produtos fitosanitarios, alcanzando nalgunhas denominacións de orixe ata 15 tratamentos anuais. Este nivel de intervención química representa unha carga significativa sobre os agroecosistemas, con efectos potenciais sobre a calidade do solo, a contaminación difusa da auga e a alteración de comunidades edáficas e entomolóxicas.

En materia de residuos, Galicia segue no furgón de cola. Cunha media anual de 416,9 kg producidos por persoa, é unha das comunidades que menos residuos produce, pero tamén unha das que peor os xestiona. Só o 17,4% das 1,13 millóns de toneladas recollidas foron correctamente separadas nas plantas de tratamento, mentres que o 82,6% (máis de 933.000 toneladas) foron residuos mesturados, situando a Galicia como a quinta autonomía con maior volume de refugallos sen clasificar. Esta xestión deficiente vese parcialmente matizada pola acción das plantas de Nostián e Lousame, que aplican un sistema de separación húmido-seco máis eficaz que o modelo de contedor amarelo implantado por Sogama. Ademais, a recollida separada apenas acadou as 189.817 toneladas, moi por debaixo do potencial reciclable. No conxunto do Estado, a produción de residuos reduciuse un 0,2% e mantívose certa recollida selectiva, pero a reciclaxe diminuíu e as verteduras aumentaron, o que confirma que tanto en Galicia como no resto de España, o sistema de xestión de residuos está lonxe de cumprir cos obxectivos ambientais marcados. Esta realidade contrasta co lema do Día Mundial do Medio Ambiente 2025, centrado nun tema crucial: «Poñer fin á contaminación por plásticos». Unha chamada á acción que reclama máis educación ambiental, pensamento crítico e a busca urxente de solucións e alternativas sostibles.

Fronte a este panorama, a sociedade galega está a reaccionar. Cada vez son máis frecuentes as mobilizacións cidadás, os recursos xudiciais e os informes técnicos independentes que cuestionan o relato oficial do “desenvolvemento sostible” promovido dende certas institucións e grandes corporacións. Tamén se multiplican as iniciativas de base que buscan modelos alternativos de desenvolvemento: dende cooperativas agrarias que apostan pola agroecoloxía, ata comunidades enerxéticas que reivindican o autoconsumo renovable sen depender de macroproxectos.

Comparte esta noticia