Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


“Desplumando” O Grove

Máis de 1.400 quilos de especies invasoras foron retirados da península do Grove grazas ao campamento de voluntariado “A Terra que habita no mar 2025”. Esta cifra converte a iniciativa nun claro exemplo de compromiso ambiental e de acción directa fronte a un dos problemas máis graves que afectan aos ecosistemas costeiros: a expansión de invasoras como a uña de gato e a herba da Pampa. Desde o luns 15 de setembro, once mozos e mozas participan neste campamento que se prolongou ata o venres 26, combinando esforzo físico, aprendizaxe e cooperación internacional para avanzar na recuperación dun entorno natural de enorme valor.

En apenas uns días, este grupo de voluntarios conseguiu resultados extraordinarios fronte a un problema que ameaza os ecosistemas costeiros: a expansión da uña de gato (Carpobrotus edulis) e da herba da pampa (Cortaderia selloana), dúas especies invasoras que colonizan os areais e desprazan a flora autóctona. A súa acción demostrou que a eliminación destas plantas é tan necesaria como urxente para preservar a biodiversidade.

En tan só uns días lograron retirar 1.451 quilos de especies invasoras, xunto con lixo e escombro, do litoral do Grove, dos cales 443 quilos pertencen a plumeiros de herba da Pampa, 925 a Uña de Gato e 83 a lixo. Un dato que evidencia tanto a gravidade da proliferación das invasoras como a importancia da súa erradicación. Nas zonas onde se retiraron plumeiros de herba da Pampa, a Asociación Galicia Ambiental actuará desde abril durante a Semana Ibérica de Especies Invasoras (SEI), como xa se fixo nos tres últimos anos, eliminando a planta co obxectivo de erradicar a Cortaderia da península de O Grove.

Nestas xornadas de campamento, os mozos e mozas contaron coa supervisión e axuda de persoal autorizado do Concello do Grove e monitores ambientais do Camping Os Fieitás, que garantiron que o traballo se realizase de forma segura e eficaz, orientado na retirada das especies invasoras.

Estes once rapaces e rapazas procedentes de Galicia na súa maioría, e catro deles internacionais da República Checa, Francia, Alemaña e Italia, uniron esforzos para desenvolver un intenso traballo de recuperación ambiental no litoral grovense. O programa está organizado pola Xunta de Galicia, executado polo Camping Os Fieitás, coa colaboración do Concello do Grove e a Asociación Galicia Ambiental, que forma parte do plan autonómico de voluntariado “Acción de verán”.

A súa retirada non é só unha cuestión estética: trátase de recuperar espazo vital para a flora autóctona, protexer os ecosistemas costeiros e frear a perda de biodiversidade. Este tipo de accións teñen un impacto directo sobre a contorna, pero tamén xeran conciencia social. Cada planta invasora retirada é un paso cara á conservación da natureza, e cada quilo eliminado simboliza a vontade de defender un patrimonio común.

O Concello de O Grove e a Asociación Galicia Ambiental levan xa tres anos de colaboración nesta loita contra as especies invasoras, o que está supoñendo a erradicación de gran parte da herba da Pampa na parte sur da península do Grove. Este ano 2025 lograrase diminuír a súa extensión nun 80% e comezarase pola parte norte que supón un importante esforzo económico e ambiental para acadar a súa erradicación total da península meca.

Comparte esta noticia