Denuncian o Premio de Narrativa Breve en galego de Repsol como “greenwashing”
As organizacións ecoloxistas Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, xunto co Observatorio Galego da Acción Climática, denuncian nun manifesto a operación de "greenwashing" (lavado verde) que supón o Premio de Narrativa Breve en lingua galega convocado por Repsol. Greenpeace indica que, “nun verán marcado en Galicia e no mundo polas graves consecuencias da crise climática, a petroleira Repsol, unha das súas maiores responsábeis, organizou por décimo sexto ano o premio de novela curta en galego. Trátase do patrocinio máis visíbel entre os promovidos por Repsol na nosa terra. O fallo do premio anunciouse para o presente mes”.
Greenpeace explica que “as organizacións asinantes dirixíronse a Román Rodríguez, á fronte da Consellería de Cultura, para pedirlle que deixe de co-organizar o premio con Repsol e promova un novo premio de novela curta en galego”. Ademais, pediron ás entidades que colaboran co premio, a Academia Galega, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Editorial Galaxia, que deixen de facelo mentres continúe ligado a Repsol. “Non se pode permitir que a cultura galega se manche cos negocios lixosos e se relacione coa destrución climática”.
O manifesto indica que Repsol é unha das 90 grandes empresas que foron responsables do 63% das emisións mundiais de dióxido de carbono e metano causadas polo uso de enerxía fósil e cemento acumuladas en 1751-2010. Neste sentido, a refinería de petróleo que explota Repsol en A Coruña “é a maior industria enerxética de Galicia”. Considerando unicamente as súas emisións territoriais, o manifesto revela que é a segunda industria galega con maiores emisións de gases causantes de cambio climático (2021).
As organizacións ecoloxistas destacan no manifesto que “o lavado verde, a través da publicidade e os patrocinios, está na cerna da súa estratexia de comunicación”. Así, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace forman parte da coalición promotora dunha Iniciativa Cidadá Europea (ECI) que intenta prohibir a publicidade e os patrocinios do negocio fósil en toda a UE.