Consumo responsable e envases de leite: claves para entender o seu impacto ambiental
Nun planeta cada vez máis afectado polo cambio climático e o esgotamento dos recursos naturais, a sustentabilidade deixou de ser un concepto vago para converterse nunha esixencia concreta. Hoxe máis que nunca, pequenas decisións cotiás, como elixir en que tipo de envase mercamos o leite, poden ter un impacto real sobre o medio. Non se trata só do produto en si, senón tamén do recipiente que o contén, que pode marcar a diferenza en termos de reciclabilidade, emisións de CO₂, xestión de residuos ou reutilización. E é que a industria alimentaria, que en España representa o 3% do PIB, xa é consciente deste reto e comeza a responder con estratexias máis responsables.
Pero cando o consumidor se atopa fronte á estantería do supermercado, a elección non sempre é evidente. Que é mellor para o medio ambiente: a clásica botella de vidro, a omnipresente botella de plástico ou o aparentemente ecolóxico brik de cartón? Cada un destes formatos ten as súas diferenzas, e para entendelas cómpre ter en conta distintos factores: a pegada de carbono, a orixe dos materiais, a capacidade de reciclaxe, a loxística do transporte e, por suposto, o comportamento do consumidor.
De todos os materiais, o vidro é o que conta cunha mellor reputación ambiental. É 100% reciclable, pode reutilizarse unha e outra vez sen perder calidade e non libera microplásticos ao medio ambiente. A isto súmase o feito de que moitas botellas de vidro se poden lavar e volver encher sen necesidade de pasar por procesos industriais de transformación. Este sistema de recarga, aínda minoritario en España, é bastante común en países como Alemaña, Canadá ou Reino Unido, onde mesmo volveron os leiteiros que entregan as botellas directamente na casa. Ao empregar botellas reutilizadas, o impacto ambiental pode reducirse enormemente. Unha botella reutilizada ata 30 veces, por exemplo, pode xerar menos de 25 gramos de CO₂ en todo o seu ciclo de vida, mentres que unha de uso único pode chegar a emitir entre 265 e 503 gramos.
Porén, o vidro tamén ten inconvenientes significativos. O seu elevado peso multiplica o consumo de combustible no transporte, o que se traduce en máis emisións contaminantes. Tamén a súa forma, menos compacta ca dun brik ou unha botella de plástico, fai que se aproveite peor o espazo durante o almacenamento e distribución. Ademais, a súa produción require temperaturas moi altas, o que supón un gasto enerxético considerable. Calcúlase que a pegada de carbono dunha botella de vidro pode chegar a ser 12 veces maior cá dun envase de cartón.
Polo tanto, aínda que o vidro é a opción máis sostible nun sistema de retorno e reutilización, o seu impacto ambiental increméntase notablemente se se trata de botellas dun só uso. É dicir, non abonda con escoller o vidro, senón que sería necesario que existisen infraestruturas de reutilización e unha loxística adaptada para que esa elección sexa realmente respectuosa co medio.
Doutra banda, as botellas de plástico, especialmente as fabricadas con PET (tereftalato de polietileno), foron sinaladas durante anos como un dos grandes inimigos do planeta, xa que a súa produción baséase en derivados do petróleo, un recurso non renovable. Porén, as cousas non son tan sinxelas. O PET é un material 100% reciclable, e en Europa a lexislación está impulsando que cada vez máis envases inclúan material reciclado. De feito, a directiva europea sobre plásticos de uso único esixe que todas as botellas PET conteñan polo menos un 25% de plástico reciclado para 2025, porcentaxe que se espera que aumente ata o 30% nos próximos anos. Como se pode comprobar, non todas as botellas de plástico son iguais: aquelas que xa inclúen material reciclado ou que están deseñadas para seren recicladas facilmente teñen un impacto ambiental moito menor.
Outro punto a favor do plástico é a súa lixeireza. Unha botella dun litro pesa uns 35 gramos, mentres que unha de 1,5 litros pode alcanzar os 52. En comparación cos 400 gramos que pode pesar unha botella de vidro do mesmo volume, a diferenza é abismal. Esta lixeireza tradúcese en menos emisións durante o transporte, algo crucial cando se fala de millóns de litros de leite desprazándose polo país cada día.
Aínda así, o plástico segue a ser un material moi problemático. A maioría dos residuos plásticos non se reciclan. En España, case o 80% dos envases deste tipo acaban sendo incinerados, en vertedoiros ou dispersos na natureza. Ademais, mesmo cando se recicla, o proceso ten os seus límites: non pode facerse infinitamente sen perda de calidade, como si ocorre co vidro. E, por suposto, cada botella de plástico que non se recicla alimenta a demanda de novo plástico virxe.
Pola súa banda, o tetrabrik, a simple vista, pode parecer unha alternativa intermedia e razoable: é lixeiro, compacto, doado de almacenar e contén moito menos plástico ca unha botella. Un tetrabrik dun litro pesa apenas 30 gramos, dos cales o 75% é cartón, un 20% é plástico (polietileno) e o 5% restante aluminio. Polo tanto, se o que se busca é reducir a cantidade de plástico por litro de leite consumido, o brik é unha das opcións máis eficientes. Porén, este envase non é tan verde como parece. Precisamente por esa mestura de materiais, o tetrabrik presenta enormes dificultades para seren reciclado completamente. Aínda que o cartón si pode aproveitarse, separar os demais materiais segue a ser un reto para a maioría das plantas de reciclaxe en España. En moitas ocasións, os residuos acaban incinerados ou en vertedoiros.
A pesar destas dificultades, algunhas empresas comezaron a apostar por unha nova xeración de envases máis sostibles. Un exemplo claro é Pascual, que desenvolveu o Tetra Brik Aseptic Bio-based, elaborado nun 89% con materiais de orixe vexetal, como a cana de azucre e cartón con certificación FSC. Estes novos briks permiten reducir notablemente a pegada de carbono que, segundo os datos proporcionados pola empresa, é equivalente á absorción de CO₂ de máis de 16.000 árbores durante 30 anos, e son máis doadamente reciclables grazas ao seu deseño pregable e compacto.
Ademais, Pascual foi o primeiro fabricante español en obter a certificación de Máxima Renovabilidade, o que indica un compromiso real coa economía circular e coa minimización do impacto ambiental do envase desde o seu deseño ata a súa eliminación. Aínda así, o éxito destas iniciativas depende tamén do consumidor, que debe saber como e onde reciclar axeitadamente estes produtos.
Finalmente, as bolsas de leite, menos coñecidas e practicamente ausentes na maioría dos supermercados españois, seguen existindo e representan unha alternativa interesante desde o punto de vista ambiental. Trátase de envases extremadamente lixeiros, duns 15 gramos, que utilizan ata un 75% menos de plástico ca unha botella convencional para almacenar a mesma cantidade de leite.
En países como Canadá ou a India, ata o 65% do leite véndese neste formato. Porén, requiren do uso dunha xerra na casa e de sistemas de distribución diferentes, algo que en España aínda non está estendido. Aínda así, dada a súa eficiencia no uso de materiais, non sería estraño que esta opción resurgise se se logra unha presión suficiente por parte de consumidores conscientes.
Como se pode comprobar, o dilema entre vidro, plástico e brik non ten unha resposta universal. Depende do uso que se lle dea, das posibilidades de reciclaxe ou reutilización, do transporte, do comportamento dos consumidores e das políticas públicas. Non hai un envase perfecto, pero si decisións máis ou menos acertadas en función do contexto.
Se unha persoa ten acceso a botellas de vidro re utilizábeis e sistemas de recarga, esa é a opción con menor impacto ambiental. No seu defecto, as botellas de plástico reciclado (especialmente de gran tamaño) supoñen unha alternativa razoable. E, se se aposta polo brik, convén informarse sobre a súa composición e reciclabilidade: non todos os briks son iguais, e cada avance cara ao uso de materiais renovables ou deseños máis doadamente reciclables conta.
O envase ideal será aquel que consiga conxugar funcionalidade, baixo impacto ambiental e viabilidade económica sen comprometer a seguridade alimentaria. E para que iso sexa posible, é indispensable que tanto as empresas como os consumidores asuman a súa parte de responsabilidade. Porque ás veces, salvar o planeta comeza na estantería do supermercado.