Conciliación das enerxías renovables coa biodiversidade e o territorio
Non hai dúbida de que as enerxías renovables son fundamentais para afrontar o cambio climático. Porén, unha mala planificación na ubicación e construción de parques eólicos e plantas fotovoltaicas pode ter graves consecuencias medioambientais e económicas. Así o sostén Ana Barreira, avogada e directora do Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente (IIDMA), tamén socia de Women Action Sustainability (WAS), asociación sen ánimo de lucro cuxo fin principal é elevar a sostibilidade ao primeiro nivel estratéxico das empresas, entidades, institucións e da sociedade. No artigo Renovables y protección de la biodiversidad: dos caras de la misma moneda publicado na asociación, Barreira explica que a loita contra o cambio climático esixe tomar medidas “urxentes” e que España comprometeuse a acadar a neutralidade climática en 2050. Neste contexto, “a aposta polas enerxías renovables para alcanzar a completa descarbonización do sector eléctrico é imprescindible”.
Tendo en conta as previsións do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima e para cumprir cos obxectivos previstos na Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, ao longo da próxima década España verá practicamente dobrada a potencia do seu parque xerador renovable, pasando dos 60 GW de 2020 aos 115 GW en 2030. Segundo Barreira, as tecnoloxías que máis verán aumentada a súa potencia instalada serán a eólica e a fotovoltaica. Porén, o despregue a grande escala destas dúas tecnoloxías conleva dous riscos que poderían volverse en contra das enerxías limpas: os seus impactos na biodiversidade e no territorio. Destaca a perda e alteracións de hábitats naturais e as alteracións nestes, xunto cos impactos nas especies e a ocupación de grandes extensións de solo.
Barreira explica que existen numerosos estudos sobre como o cambio climático afecta á biodiversidade, mais se estuda moito menos como afecta á mesma a expansión das enerxías renovables. No Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente, para contribuír á detección dos riscos comentados, elaborouse un informe (cuxos autores son Ana Barreira e Massimilianio Patierno) Cómo conciliar el despliegue de las renovables con la biodiversidad y el territorio, que ten como obxectivo principal analizar a forma de conciliar o despregue das enerxías renovables coa protección da biodiversidade e o territorio. Para conseguilo, realízase un exame xeral das cuestións a ter en conta para conseguir esa conciliación, ademais de presentar diversas recomendacións.
Segundo Barreira e Patierno, a identificación temperá dos riscos para a biodiversidade é fundamental para evitar impactos significativos. Para conseguilo, precísanse procesos de planificación que integren os factores biodiversidade e territorio nos procesos de toma de decisións. Ambos autores citan a avaliación ambiental estratéxica como o instrumento máis axeitado para levar a cabo este tipo de enfoque, pois permite identificar e avaliar os efectos ambientais de plans, programas e políticas para que poidan ser contabilizados e abordados axeitadamente. Outro elemento fundamental que destacan á hora de garantir que o despregue masivo de xeración renovable non se leve acabo en detrimento da biodiversidade e do patrimonio natural é “a zonificación acompañada de cartografía que permita identificar, dende unha etapa inicial, as áreas do territorio que presentan maiores condicionantes ambientais para a implantación de proxectos eólicos e fotovoltaicos a grande escala”. Ademais, “é esencial contar cun marco xurídico-institucional que favoreza a evitación e a mitigación dos impactos no territorio e no medio ambienta xerados polos proxectos de enerxías renovables”, explican.
Os dous autores mencionados advirten que “en España a consideración dos impactos ambientais e territoriais asociados ao desenvolvemento a grande escala de enerxías renovables foise reflectindo tanto na lexislación autonómica como nos plans en materia de enerxía”. Malia todo, é necesario mellorar na identificación e evitación deses impactos empregando os coñecementos actuais. Así, no informe formúlanse unha serie de recomendacións:
As comunidades autónomas deben integrar na planificación dos seus plans de enerxía e clima as consideracións relativas aos impactos que o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables podería causar no seu territorio.
É preciso establecer no ordenamento xurídico os criterios para determinar cando unha instalación de enerxía eólica ou fotovoltaica é a gran escala. É importante mellorar e axilizar o proceso de localización ambientalmente responsable dos proxectos. Proponse a creación de Oficinas de Ubicación de Enerxías Renovables, encargadas de autorizar a ubicación dos proxectos.
Requírse a elaboración e aprobación de normas tanto a nivel estatal como autonómico para prohibir a elección das zonas sensibles como emprazamentos de novos proxectos de grandes dimensións, priorizando para ese fin as zonas de baixa sensibilidade.
É necesario identificar as zonas de baixa sensibilidade que ao mesmo tempo conten con recursos renovables suficientemente dispoñibles.
Para potenciar emprazamentos con mínimo impacto, deberíanse impulsar programas que faciliten a ubicación de proxectos en solos potencialmente contaminados ou contaminados, ademais de en vertedoiros clausurados e antigos emprazamentos mineiros.
Requírse modificar a orde ministerial que regula o mecanismo de subastas de renovables para incluír nelas uns criterios cos que priorizar os proxectos situados en zonas de baixa sensibilidade ambiental.
Deben establecerse medidas para evitar casos de fraccionamento ilegal de parques eólicos e prantas fotovoltaicas por parte dos promotores.
É necesaria unha maior análise crítica por parte da Administración naquelas fases de avaliación de impacto ambiental que dependen dos promotores, como o caso da elaboración dos estudos de impacto ambiental.