Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Concentración de medio centenar de entidades en contra do novo Plan Forestal

Representantes de medio centenar de entidades, entre elas a Asociación Galicia Ambiental, concentráronse na mañá de hoxe, ante o Parlamento en contra da eucaliptización do novo Plan Forestal para que o rexeitasen e que o plan volvese ao Consello Forestal para dar comezo así a un verdadeiro proceso de participación. Precisamente hoxe, o Parlamento galego trataba en pleno o futuro forestal de Galicia ata o 2040, un texto que suporá a destrucción do medio rural, que busca facer desaparecer os montes veciñais en favor de proxectos megaforestais, obedecendo tan só a intereses puramente produtivistas.

Trátase dun Plan Forestal (lembremos que modificará o de 1992 e que levan “perfilando” dende o 2015) que nace sen consenso e participación, e parte dunha diagnose ficticia, pois toma como referencia un Inventario Forestal Nacional desfasado e con moi pouca concreción.

Durante estas últimas semanas dende Galicia Ambiental viñemos anunciando e argumentando as razóns polas que todas estas entidades rexeitamos o Plan Forestal da Xunta de Galicia. Razóns como que no texto fíxase como obxectivo baixar un 5% a cifra de eucaliptos, pero sobre unha base que é decoñecida, e ademáis, a pesar desa suposta reducción, no plan tamén se estipula que durante o primeiro quinquenio poderáse aumentar a plantación desta especie nun 3%. É máis, na actualdiade, xa se está expandindo a especie eucalipto “nitens” cara o interior de Galicia, debido ao uso para a produción de fibra.

As 10 razóns que xustifican o rexeitamento do Plan Forestal

Como viñemos expoñendo dende hai tempo, dende organizacións ecoloxistas, sindicais, rurais, agroalimentarias e cidadáns, o proxecto para o futuro do monte galego da Xunta suporá un risco para o medio rural, o medioambiente, a biodiversidade, para o sector agrario e para a tradición mancomunal. Este novo Plan Forestal renovará o de 1992 e que estaba preocupantemente desfasado e que amais incumpriuse en diversas ocasións ao longo de todos estes anos.

O grupo de asociacións, que esta mañá nos manifestamos ante o Parlamento, levamos tempo advertindo das consecuencias e das razón polas cales rexeitamos este plan que comprometerá o futuro do monte galego ata o 2040:

  1. Fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado(datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do E. globulus e do E. nitens. A primeira revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.

    2. Carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.

    3. Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.

    4. Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas / ano.

    5. Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.

    6. Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos.

    7. Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.

    8. Potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.

    9. Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentables, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.

    10. Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.

Comparte esta noticia