CEIDA acolle unha conferencia de Marcos Sorrentino sobre Educación Ambiental en Brasil
Este venres, 26 de abril, terá lugar unha conferencia impartida polo máximo responsable de Educación Ambiental do Goberno de Brasil, Marcos Sorrentino, na segunda sede do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), as antigas cortes do Pazo de Lóngora (parroquia de Liáns). Esta actividade realizarase na actual sede da biblioteca do centro de documentación ambiental do CEIDA ás 19h, con aforo limitado.
Con esta conferencia, titulada “Educación Ambiental en Brasil: territorios de cooperación e incidencia nos acordos internacionais”, Sorrentino quere “incidir na urxencia que hai dunha Educación Ambiental revolucionaria, que conecte cos territorios relacionais locais cos desafíos socio ambientais globais”.
Sorrentino ofrecerá unha breve recensión histórica dos vinte e cinco anos de institucionalización da política de Educación Ambiental e do estado brasileiro actual, así como de como a Cooperación Internacional pode axudar a escoitar as voces locais nos ámbitos internacionais e dar forma aos acordos entre países. Ademais, falará sobre as COP 16, a biodiversidade, as COP 30, as Mudanzas do Clima e a Rede de Centros de Educación e Cooperación Socio ambiental como formas de lograr unha educación comprometida cos cambios culturais.
Marcos Sorrentino é un profesor especializado no medio ambiente que estivo involucrado en asociacións e movementos ambientais desde os anos 70. Na actualidade, ocupa o cargo de profesor principal na Universidade de São Paulo, así como director de Educación Ambiental e Cidadanía no Ministerio de Medio Ambiente e Mudanza do Clima (MMA) da República Federativa de Brasil. Realizou un dos seus pos doutorados en colaboración co CEIDA e a Universidade da Coruña en 2018. Foi profesor na Universidade Estadual Paulista (UNESP) entre 1985 e 1988, na Universidade de São Paulo entre 1988 e 2019, e na Universidade Federal de Baía (UFBA) entre 2021 e 2023. Ademais de asesor especial do Ministro de Educación de Brasil entre 2012 e 2014 e director de educación ambiental do Ministerio de Medio Ambiente entre os anos 2003 e 2008.