Cara a unha sustentabilidade do solo: a agricultura rexenerativa en Galicia
A agricultura rexenerativa está a gañar protagonismo en todo o mundo como unha alternativa viable e necesaria fronte aos desafíos ambientais e climáticos que enfronta o sector agro alimentario. En Galicia, esta práctica comeza a consolidarse como unha solución para revitalizar os solos, preservar a biodiversidade e asegurar a sustentabilidade económica e social do medio rural. Esta nova forma de facer agricultura trátase dun conxunto de técnicas e prácticas que buscan mellorar a saúde do solo e o ecosistema agrícola, en lugar de degradalos. Todo iso para contribuír a aumentar a materia orgánica do solo, capturar carbono e mellorar a resistencia a eventos climáticos extremos.
Os principios que a guían son fundamentais para este renacer: a alteración mínima do solo, evitando a labranza profunda para protexer a súa estrutura e a súa valiosa microbioloxía; a presenza constante de cubertas vexetais e cultivos de servizo, que actúan como unha manta protectora e un almacén de nutrientes, previndo a erosión e estimulando a biodiversidade; a integración intelixente da gandería, a través dun pastoreo rotacional que imita os patróns naturais, distribuíndo de forma eficiente a fertilidade; e a promoción da diversidade de cultivos e especies nas explotacións, fortalecendo a resiliencia do agro ecosistema.
Desta forma, ao capturar o carbono atmosférico no solo, este se transforma nunha esponxa natural que non só contribúe a mitigar o cambio climático, senón que mellora drasticamente a capacidade de retención de auga, a dispoñibilidade de nutrientes e a resistencia dos cultivos fronte aos cambios climáticos.
O principal reto para a expansión da agricultura rexenerativa en Galicia é a necesidade de formación e asesoramento técnico, así como de apoio institucional para adaptar as políticas agrarias a estas novas prácticas. Con todo, o crecente interese pola sustentabilidade e a calidade ambiental está a favorecer a aparición de proxectos piloto e axudas específicas. Ademais, os consumidores galegos mostran cada vez máis preferencia por produtos ecolóxicos e de proximidade, o que impulsa aos produtores para adoptar sistemas que reforcen a confianza na calidade e sustentabilidade do produto final.
Na paisaxe galega, xa emerxen exemplos inspiradores que testemuñan a viabilidade deste modelo. Iniciativas como as de Os Biosbardos, coa súa aposta pola agro ecoloxía, ou a gandería Roidiz, pioneira na gandería rexenerativa, demostran que é posible obter produtos de alta calidade e manter a rendibilidade, mentres se reconstrúen os ecosistemas. Estes precursores están a validar a premisa de que, ao cultivar o solo e alimentalo para que este, á súa vez, poida nutrir os cultivos que alberga, conséguese unha maior eficiencia produtiva cunha menor dependencia de insumos externos, como fertilizantes sintéticos e fitosanitarios.
A Viticultura Rexenerativa
O sector vinícola galego é ideal para aplicar os principios da agricultura rexenerativa. Esta posiciónase como o seguinte paso natural tras as prácticas ecolóxicas e biodinámicas. O seu obxectivo non só é evitar os químicos, senón revitalizar activamente os solos dos viñedos, fomentando así ecosistemas vitícolas máis estables e autosuficientes.
Sen embargo, aínda que a viticultura conte con varios desafíos como a súa accidentada orografía, a acidez dos solos e a influencia do clima atlántico, as potentes técnicas rexenerativas poden ser a solución aos seus problemas. Ao periodizar a saúde do solo, a viticultura rexenerativa optimiza a drenaxe en zonas con altas precipitacións, mellora a capacidade de retención de humidade en períodos secos e asegura unha dispoñibilidade constante de nutrientes para as cepas. Algunha das prácticas clave que se están adoptando nos viñedos galegos é o manexo da cuberta vexetal. En lugar da tradicional labranza intensiva ou o uso de herbicidas, foméntase activamente o crecemento de vexetación espontánea ou sementada entre as fileiras de vides. Estas cubertas non só protexen o solo da erosión, especialmente nas pendentes galegas, senón que achegan materia orgánica, enriquecen a vida microbiana e atraen insectos beneficiosos, creando un equilibrio natural que reduce a necesidade de intervencións externas.
Outro punto crave é a compostaxe e enriquecemento orgánico. A reincorporación de materia orgánica de alta calidade ao solo, a miúdo a través de compost elaborado cos propios subprodutos da adega (como o bagazo), é fundamental. Este proceso nutre o solo, estimula a súa actividade biolóxica e, á súa vez, minimiza a dependencia de fertilizantes sintéticos, potenciando a fertilidade intrínseca do viñedo. Sorprendentemente, algunhas adegas mesmo están a experimentar coa vermicompostación, utilizando miñocas de terra para transformar os restos da uva en humus de miñoca, un abono de altísima calidade que pecha un ciclo virtuoso.
Do mesmo xeito, é importante o fomento da biodiversidade. Búscase crear un ecosistema vitícola máis diverso e robusto. Isto pode implicar a plantación de sebes, árbores froiteiras ou flores silvestres nas marxes dos viñedos, que serven de refuxio para a fauna auxiliar (polinizadores, controladores naturais de pragas). Nalgúns casos, contémplase a integración de pequenos rabaños que pastorean de forma controlada, contribuíndo co seu esterco e mantendo a vexetación. A viticultura rexenerativa, ademais, promove o uso de estratexias de control biolóxico para enfermidades e pragas, diminuíndo drasticamente o uso de produtos de sínteses.
E, finalmente, unha xestión eficiente da auga. Un solo san e rico en materia orgánica é capaz de absorber e reter máis auga de choiva. Isto tradúcese nunha maior eficiencia hídrica do viñedo, reducindo a necesidade de rega suplementaria e aumentando a capacidade das cepas para soportar períodos de seca, un factor cada vez máis relevante ante o cambio climático.
Nas distintas Denominacións de Orixe galegas, esta visión está a gañar adeptos. Adegas de Rías Baixas, por exemplo, están a investir en investigación para adaptar estas prácticas ás especificidades do Albariño e os seus solos. Na Ribeira Sacra, onde a "viticultura heroica" nas súas escarpados bancales xa é unha proeza manual, a rexeneración do solo convértese nunha ferramenta vital para asegurar a perdurabilidade e a vitalidade dunha paisaxe vitícola declarada Patrimonio da Humanidade. Nomes como Terras Gauda e Lagar do Vento son exemplos de adegas que están a integrar activamente a viticultura rexenerativa, non só por unha profunda convicción ambiental, senón tamén polo impacto positivo que observan na calidade, a autenticidade e a expresión dos seus viños. Ao final, un solo vibrante e saudable tradúcese en uvas máis robustas e en viños que narran con maior fidelidade a historia e o carácter único da súa terra.