Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


“Camiño da Reciclaxe”, proxecto da Xunta e Ecoembes: cando reciclar non é suficiente

Un dos problemas dos proxectos medioambientais é a focalización na reciclaxe, deixando atrás conceptos como a redución e a reutilización (e con eles outros 6 principios básicos da economía circular). É o que acontece con Camino del Reciclaje, un proxecto da Xunta e de Ecoembes (que ten a súa réplica noutras comunidades polas que discorre o Camiño), que ten como obxectivo concienciar sobre a conservación do Camiño de Santiago a través da reciclaxe. A acción di abarcar todos os tramos do Camiño Francés, Camiño do Norte, Camiño Portugués, Camiño Inglés e Camiño Primitivo, que pasan por estas comunidades facilitando a reciclaxe ao longo do percorrido. O proxecto, grazas ao poder da colaboración entre EcoPeregrinos e EcoAlbergues, pretende conseguir que este 2021 se recorde “por ser o máis comprometido coa reciclaxe e o medio ambiente da historia, e que o único que quede no Camiño sexan as nosas pegadas e as experiencias vividas”.

 

María Durán, responsable da área de residuos de Amigos da Terra, explica a visión da asociación ecoloxista deste tipo de iniciativas, calificando o proxecto coma un “lavado verde”. Considera que é unha acción paliativa do problema, pois non chega para nada á súa orixe e quédase na reciclaxe, que na escala de prioridades está en terceiro lugar: “primeiro deberiamos abordar a prevención e a reutilización”. Segundo Durán, “o problema de raíz é o abandono de residuos no medio natural”. Polo tanto, non hai que atender tanto á reciclaxe (que tamén é importante), senón á redución. Unha mensaxe importante que dá a asociación é que dous terzos dos residuos que aparecen abandonados no medio natural pertencen a envases, especialmente de bebidas. Polo tanto, inciden na relevancia de darlle valor aos residuos para que non rematen abandonados: “Sabemos que se eses envases tivesen un valor e estivesen suxeitos a un sistema de depósito e retorno, ninguén os abandonaría no medio natural”.

 

A maior parte das persoas que fan o Camiño de Santiago veñen doutros países onde os sistemas de xestión de residuos son máis avanzados que en España, como Austria ou Alemaña. María Durán explica que, neste último país, existe a protección das persoas que recollen os envases no medio natural porque gañan diñeiro. Recorda que, cando tiramos un residuo, tamén estamos desperdiciando un recurso natural. Por exemplo, “unha lata pode estar feita de aluminio, que é un material valioso e que provoca impactos graves na súa extracción”. Polo tanto, non podemos continuar desperdiciando recursos naturais, sobre todo se temos en conta que son finitos.

 

Durán insiste en que se debería abordar especialmente a redución de residuos, polo que o máis interesante é dispoñer de opcións válidas baseadas na redución e na reutilización. “O problema que temos é o exceso de xeración: xéranse residuos en exceso e sen valor, e o máis importante é non producir esa cantidade”. Explica que é un erro mercar produtos con exceso de envases e embalaxes, mais a maior parte de residuos proveñen de envases de bebidas, comida preparada e incluso produtos frescos, como as froitas. Así, os consumidores deberían ter a opción de mercar eses produtos a granel ou mesmo en envases reciclables, evitando os de usar e tirar.

 

Por último, a responsable da área de residuos de Amigos da Terra fai referencia á estratexia de Ecoembes, que leva xestionando moitos anos os residuos de envases, pero nunca conseguiu os seu obxectivos de redución. De feito, explica que a reciclaxe en España é moi baixa: non chegamos nin a un 40%, mentres que deberiamos estar reciclando un 50%. “Isto demostra que as estratexias de Ecoembes ao longo destes anos non funcionaron, e que atenden máis a unha estratexia de marketing que a unha estratexia de mellora ambiental”, comenta Durán. É certo que se está a facer demasiada publicidade co proxecto, vendendo ese concepto dos EcoPeregrinos, das oficinas altamente dotadas e dos EcoAlbergues. Porén, a realidade é que a maioría dos peregrinos non fan uso incluso dos albergues públicos, senón que utilizan os albergues privados.

 

Polo tanto, neste proxecto estase a facer unha deixación de funcións, renunciando a tocar ao peregrino como un axente activo que é para que faga un uso responsable dos envases. Tal e como se comentou, os conceptos do “reduce” e do “reutiliza” déixanse aparcados e a reciclaxe convértese nunha fin en si mesma, cando o realmente importante é que os visitantes utilicen sistemas que non xeren residuos. Deste xeito, ademais da redución, unha parte imprescindible reside na concienciación: sensibilizar aos peregrinos das boas prácticas. É importante que cada persoa actúe con responsabilidade: depositar cada cousa no seu lugar e, sobre todo, non deixar nada no camiño. Os puntos de entrada a Galicia dos distintos camiños que conducen a Compostela deberían ter un punto de información onde, ademais de recibir aos peregrinos en Galicia, apareza reflectido ese comportamento social e responsable, sendo a xestión dos residuos un aspecto imprescindible.

 

 

Visión de GALICIA AMBIENTAL

 

Membros do equipo de GALICIA AMBIENTAL, entre eles o seu portavoz Benito García, realizaron no últimos cinco anos catro rutas galegas doutros tantos camiños (a excepción do ano 2020 pola pandemia, e de forma consecutiva entre maio e agosto): o Camiño Francés, o Camiño de Inverno, a Vía da Prata e o Camiño Primitivo, por esta orde. Unicamente o Camiño Francés presenta unha razoable cobertura desa especie de mini contedores e accións anunciadas, tanto de envases como de papel, que despois o dono de albergues debe depositar no contedor axeitado na rúa. Os outros camiños presentan os citados contedores de forma esporádica e ocasional e, ao longo da ruta, a carencia do contedor amarelo en múltiples lugares é unha constante.

 

Dende GALICIA AMBIENTAL considérase “unha acción cara á galería” a que Ecoembes e  a Xunta de Galicia veñen promovendo dende hai anos, dado que non ten unhas consecuencias prácticas e que ademais minte ao cidadán facéndolle crer uns datos de participación da reciclaxe imposibles de verificar. Dende a asociación, proponse a elaboración dun estudo realista (tanto para mellora de conteneurización convencional – de rúa- como para o desenvolvemento de accións de prevención e redución)  que só pode ser realizado desde a perspectiva dun peregrino real, que fai uso real do Camiño e das súas infraestruturas. Deste xeito, é posible fomentar o uso de envases reutilizables (especialmente botellas de materiais como o aluminio para a auga) e a minimización e incentivo (nos establecementos de alimentación próximos ao Camiño) para evitar as toneladas de envases refugables que se poñen no mercado, ofrecendo alternativas de consumo responsable.

Comparte esta noticia