Aves mariñas: a costa coruñesa clave para a conservación de máis de 15 especies
O CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), presenta na tarde de hoxe o proxecto ÁRTABRO 2 que dará continuidade ao seu traballo na conservación das aves mariñas da provincia de A Coruña.
De feito, a pola súa configuración e situación xeográfica a costa coruñesa en particular e a galega en xeral, sitúase no corazón dun corredor migratorio atravesado cada anopor millóns de aves mariñas de orixes dispares como Siberia, o ártico canadiano ou o extremo Atlántico Sur. A costa coruñesa polo tanto convértese en punto clave para a conservación das poboacións europeas e mundiais, pois cada ano transitan polas nosas costas máis de quince especies de aves mariñas. Por ese motivo, foron declaradas ata tres Zonas de Especial protección para as Aves (ZEPA) que se integran na Rede Natura 2000 da Unión Europea, a principal rede de áreas protexidas do planeta. Entre estas especies poden citarse o furabuchos balear (a ave mariña máis ameazada do mundo) ou o carrán artico (chega a viaxar máis de 70.000 kilómetros ao ano), considerado o animal que realiza a migración anual máis longa do planeta.
Amais a costa galega alberga unha importante concentración de cría para especies como o corvo mariño cristado ou o paíño do mal tempo, a ave mariña máis pequena do mundo.
O proxecto Aves Ártabras
O proxecto, que durante o ano 2019 o CEIDA desenvolveu, nace co obxectivo de dar a coñecer a importancia que teñen para a conservación de varias especies de aves mariñas as augas do Golfo Ártabro.
A potencial creación dunha nova ZEPA no Golfo Ártabro completaría unha rede de áreas mariñas protexidas nun territorio no que conflúen as mesmas poboacións de aves mariñas e os mesmos impactos e actividades humanas, o que fai necesaria unha xestión integral e conxunta de todas elas. Con este obxectivo nace o proxecto ARTABRO2, que se executará ao longo de 2021 co apoio da Fundación Biodiversidad a través do Programa pleamar, cofinanciado con fondos FEMP.
Entre outras liñas de actuación, levaráse a cabo un programa científico para avanzar no coñecemento das súas poboacións, movementos e diversidade xenética, así como actuacións para o reforzo das súas poboacións. Amais, o proxecto incorpora diferentes obradoiros participativos, xornadas, charlas e elaboración de materiais divulgativos que permitan achegar á poboación a importancia da conservación das aves mariñas da súa contorna a nivel ambiental, social e económico.
- Máis información e inscrición para a presentación de hoxe ás 19:00: http://www.ceida.org/gl/formacion-gl/a-costa-corunesa-refuxio-para-as-aves-marinas-do-planeta
- Fotografía de portada: Daniel Monteagudo e Carla Soaje