Asociacións ecoloxistas e o sector do mar de Arousa rexeitan o intento de reabrir a mina de Touro
A ría de Arousa mantén firme a súa postura de rexeitar calquera reapertura da mina de Touro. A Xefatura Territorial da Consellería de economía, emprego e industria (CEEI) requiriu á mercantil Explotación Gallegas S.L (EXGA) o 25 de novembro de 2019 un proxecto integral de drenaxe da mina de cobre abandonada de Touro. O 2 de marzo de 2021 reitera o requerimento sen que se executara o proxecto atemporal autorizado previamente. “Así, nestes 3 anos, esas augas contaminadas continuaron alcanzando o DPH (como viñan facendo nos 30 anos anteriores)”. Son declaracións da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) que, xunto o sector do mar de Arousa, desaproban o intento da empresa de reabrir a mina de Touro.
O requerimento é “modificar o sistema de xestión das augas (incorporar os efluentes de Angumil, Portapego e Felisa ao oco de Vieiro) e garantir a supresión das saídas de auga desde a zona de Arinteiro.” Segundo ADEGA, ningún dos obxectivos do proxecto de drenaxe integral formulados por EXGA coincide co requerimento realizado. “O proxecto presentado por ESGA excede con moito o ámbito do procedemento de Autorización en DPH baixo o que se pretende tramitar. Pero tamén excede o procedemento de Autorización de vertidos, xa que Augas de Galicia non pode asumir as funcións propias do órgano sustantivo mineiro (CEEI)”, revela a asociación ecoloxista.
Segundo ADEGA, este proxecto integral “deixa outra volta sen tratar as augas que rebordan desde a denominada balsa de Bama, agás dunha simples decantación na antedita balsa e o mantemento do humidal reactivo que traballa con tecnosolos”. Ademais, engade que “EXGA estima dabondo estas medidas”, mais a administración denegou o permiso de vertedura das augas da balsa polas altas cantidades de metais pesados e por non considerar suficientes as solucións que volve a popoñer a empresa na actualidade. Na DIA emitida en xaneiro de 2020 denegando o proxecto mineiro de Touro, “a Área de vertidos de Augas de Galicia non consideraba suficientemente acreditada a capacidade dos tecnosolos para acadar os niveis de contaminantes requeridos por este servizo para autorizar as verteduras ao DPH”. Polo tanto, ADEGA afirma que é inadminsible que a planta de tratamento que se presenta sexa deseñada para dar servizo á hipotética futura mina.
Por último, ADEGA revela que o actual proxecto de drenaxe integral debe estar incorporado a un verdadeiro plan de restauración, ademais de ter como obxectivo único asumir os pasivos mineiros e resolver o problema de contaminación actual derivado da anterior explotación e desligarse de calquera futuro proxecto que se poida presentar para a explotación mineira. Plano de Restauración ao que está “obrigada a mercantil que asume no mesmo acto”. De feito, o Director Xeral de Enerxía e Minas autorizou o 9 de marzo de 2017 a transmisión da concesión de explotación San Rafael, no 2946 da provincia da Coruña de Explotaciones Gallegas SL., a Cobre San Rafael SL., condicionando expresamente a devandita transmisión “á presentación no prazo dun mes dunha actualización dos proxectos de explotación e restauración, asi como da garantía financieira suficiente para cubrir os custos de restauración dos terreos afectados pola explotación mineira.”