As posibilidades de Altri, para instalarse na Ulloa, redúcense aínda máis
O proxecto industrial de Altri e Greenalia en Palas de Rei enfronta un novo atranco que reduce, máis se é posible, as posibilidades de se instalar na Ulloa despois de que o Goberno central descartase autorizar a construción dunha subestación eléctrica e o reforzo das conexións na provincia de Lugo para darlle servizo e subministro eléctrico.
A Xunta de Galicia recoñeceu que este escenario deixa sen viabilidade a curto prazo á macrocelulosa, declarada estratéxica polo Executivo autonómico e obxecto dunha forte contestación social nos últimos meses. O anuncio foi adiantado polo secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, quen afirmou que “non haberá subestación eléctrica nin conexión para Altri en Lugo”. As súas declaracións anticiparon o rexeitamento que deixaría o proxecto fóra da planificación da Rede Eléctrica 2025-2030 e xeraron críticas na Xunta, que interpreta a medida como “un peche de portas a novas inversións industriais na provincia”.
Aínda que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) non comunicou formalmente a súa decisión aos promotores do proxecto Gama (Altri / Greenalia) nin ao Goberno galego, nunha reunión recente en Madrid entre a conselleira Lorenzana e o secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, xunto con responsables de Red Eléctrica Española (REE), abordouse a planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica e analizouse a posibilidade de reforzar as conexións en Lugo. Segundo a Xunta, neste encontro transmitiuse que, en principio, non se contempla a construción de ningunha subestación nin reforzo da rede na provincia para garantir o subministro a Altri.
O MITECO sinala que a planificación 2025-2030 estará orientada a reforzar zonas vinculadas á produción de hidróxeno verde, á descarbonización de grandes industrias e ao crecemento do ferrocarril. O borrador prevé máis dun cento de actuacións nunha trintena de subestacións, pero ningunha en Lugo, o que impide garantirlle o subministro a Altri como pretende a empresa e a Xunta.
Neste contexto, Greenpeace pediu á Xunta que non autorice o proxecto de Altri en Palas de Rei se se confirma a exclusión da planificación eléctrica 2025-2030, tal como sinalara Besteiro. A organización ambiental argumenta que, sen o reforzo eléctrico, a iniciativa non só pon en risco o subministro industrial, senón que tamén podería ter impactos negativos sobre o medio ambiente na zona.
Os promotores do complexo, agrupados na sociedade Greenfiber, reaccionaron con cautela e sinalaron que non farán valoracións “sobre declaracións persoais” ata recibir unha comunicación oficial. A empresa confía en que as decisións “estarán baseadas en criterios técnicos e non políticos” e subliñou que mantén o seu compromiso coa iniciativa, pese ás dificultades.
O complexo de Palas de Rei aínda debe obter a autorización ambiental integrada (AAI) e a licenza definitiva de Economía e Industria. Pero a negativa a habilitar a infraestrutura eléctrica representa un obstáculo de grande envergadura, xa que a factoría necesita unha liña de alta tensión de 220 quilovatos entre Belesar e Mesón do Vento, así como a construción dunha subestación en Palas de Rei para garantir o subministro.