Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


As organizacións ecoloxistas abandonan o COGAMADS pola negativa da Xunta a debater a problemática eólica

Os vogais da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), da Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), representantes ecoloxistas no COGAMADS, veñen de comunicar á Presidencia deste organismo consultivo a súa intención de “non seguir participando nas reunións mentres non se debatan e voten no pleno as propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica presentadas na anterior sesión e reiteradamente ignoradas pola conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez”.

Un comunicado conxunto dos representantes ecoloxistas no COGAMADS indica que que na xuntanza do pasado 26 de xaneiro, varios vogais “solicitamos debater e someter a votación no pleno a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego”. Porén, as asociacións afirman que Vázquez eludiu tramitar estas solicitudes abandonando a xuntanza e deixando sen tratar o último punto da orde do día. Así, os vogais pediron a constancia en acta das súas solicitudes de votación realizadas e as irregularidades no peche abrupto da sesión. Ademais, solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario do COGAMADS para tratar as propostas bloqueadas pola Presidencia.

Porén, o comunicado revela que a acta desa reunión achegada pola secretaría do COGAMADS “non reflicte estes feitos”. Ademais, na orde do día da xuntanza finalmente axendada para o 31 de maio “comprobamos que non figuran, malia telo solicitado, o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica furtadas do debate na sesión do 26 de xaneiro”.

Así, as organizacións ecoloxistas toman a decisión de ausentarse das reunións deste organismo consultivo mentres a conselleira siga incumprindo o seu regulamento, censurando o debate e impedindo o dereito ao voto dos seus membros. Esta decisión “tomámola por hixiene democrática e respecto por unha institución, o Consello Galego de Medio Ambiente, rebaixada pola actual Xunta a un molesto e necesario trámite”. As organizacións denuncian o comportamento da Presidencia, que resposta ao intento de furtar do debate público as consecuencias do actual modelo de desenvolvemento eólico, ocultando a preocupación que os seus impactos causan no medio ambiente e na sociedade galega.

Comparte esta noticia