Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


As Catedrais, ameazada polas malas prácticas dalgúns visitantes

A praia de As Catedrais é un dos monumentos máis importantes que ten Galicia: sorprenden os seus 30 metros de altitude e as diferentes perspectivas que ofrecen os arcos e columnas, especialmente cando está a marea baixa. Foi declarada monumento natural en febreiro de 2005 e para visitala hai que facer unha reserva previa, que permite controlar o número de persoas que acceden diariamente. Porén, este espazo está a padecer as consecuencias do comportamento cidadán: malia ser unha zona protexida, parece ser que está de moda facer figuras coas pedras da praia, amontoándoas unhas enriba doutras. O que pode parecer un acto inofensivo ou unha bonita estampa para sacar fotografías, resulta ser un atentado contra o medio ambiente, xa que causa unha gran degradación ambiental e danos irreparables. Esta práctica realizada por certos visitantes ten consecuencias negativas non unicamente para o propio monumento, senón tamén para os animais e as prantas. Ademais, tamén dificulta o traballo dos vixiantes, que deben desmontar esas torres formadas por rochas.

 

Estas montañas de pedra que se leva o mar alteran os ecosistemas, erosionándoos. Polo tanto, o Concello de Ribadeo solicitou axuda á Xunta de Galicia para controlar esta tendencia. Begoña García, responsable de Turismo de Ribadeo, sinalou que “sería unha infracción grave e se imporían unha serie de multas entre os 500 e 1.500 euros”. Un dos perigos desta práctica é que as persoas que ven esas torres de pedras pensan que é unha tradición e constrúen máis. Malia parecelo, non se trata dun costume, senón dunha moda que, despois de ser capturada polas cámaras dos teléfonos móbiles, aparece nas redes sociais dos visitantes.

 

Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, afirma que hai catro ou cinco anos xa acontecera o mesmo. “Avertimos aos visitantes e corrixiuse. Pero vexo que volven á carga”. A semana pasada, a mesma mañá que recibiu unha das fotografías destes montóns de pedras, envioulle unha carta á Consellería de Medio Ambiente advertíndolles o retorno desta moda. Dende o Concello pedíuselle aos socorristas que avisen aos turistas que está prohibido, mais quen realmente ten competencias para vixiar o espazo é a Xunta. Polo tanto, o alcalde engade que “xa que eles son os encargados de controlar os accesos, cremos que é necesario que ese persoal e os axentes medioambientais que vixían o lugar advirtan aos visitantes”.

 

A praia de As Catedrais leva estes últimos días esgotando os pases diarios para visitar o areal, 4.812 persoas cada xornada. Ademais do mencionado amoreamento de pedras, algúns dos visitantes ignoran outras indicacións de obrigado cumprimento que lles explican os guías antes de baixar. Unha destas advertencias é a de non camiñar por zonas sensibles, que xeran desprendementos e poñen en risco tanto ás persoas visitantes como ás que vixían o lugar. Malia todo, esta fin de semana rexistráronse novos desprendementos nunha das cavidades. Ante esta situación, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, explica que As Catedrais é un monumento natural e, polo tanto, está suxeito a cambios. Deste xeito, hai e seguirá habendo derrubamentos. Destaca que o que se fixo dende un primeiro momento é establecer unha sinalización e contratar a unha empresa para evitar este tipo de comportamentos, mais é imposible ter a alguén continuamente pendente de cada un dos visitantes. A conselleira invita a desfrutar da praia pero pide “que nos concienciemos para que isto non nos vaia dar lugar a un disgusto e lamentacións”, xa que con este tipo de prácticas pódese poñer en risco a nosa vida e a dos demais. Segundo Vázquez, “a natureza é viva e, polo tanto, o único que pedimos é prudencia”.

Comparte esta noticia